1. Noriega Varela e Ramón Cabanillas

No inicio do século XX, a poesía segue ancorada nos temas e nas formas do Rexurdimento. A transición protagonízana os formalistas da Xeración Antre dous séculos, especialmente Cabanillas, que entronca co Rexurdimento mais achega certas innovacións.

Obviamos nesta secuencia o contexto sociohistórico da Restauración, mais convén reparar no feito de que a propia denominación da etapa literaria provén do desenvolvemento da ideoloxía nacionalista da man das Irmandades da Fala (Lugo, 1918), que van realizar unha defensa realmente coherente da lingua e cultura propias e espallar a concepción da creación, nomeadamente a teatral, como medio de concienciación das clases humildes.

 

1. Noriega Varela

A súa produción poética limítase a unha única obra: Do ermo (co título Montañesas en 1904). Foi ampliada e revisada en sucesivas edicións, a última en 1946.

Presenta dúas liñas, a segunda máis plural e valiosa:

a) Poesía costumista (decimonónica): canto da dureza da vida campesiña e da ledicia das festas.

b) Poesía intimista.

b.1) Lirismo da natureza, ton lírico e emotivo, tenrura diante do humilde.

b.2) Formalismo saudosista, sonetos de coidada musicalidade, con influencia do saudosismo portugués (Teixeira de Pascoaes) e os poetas clásicos.

 
2. Ramón Cabanillas

A súa obra é asemade síntese e superación do Rexurdimento: a voz máis representativa na altura da conciencia cívica e da renovación simbolista e modernista. Cultivou dous grandes tipos de poesía:

a) Poesía lírica. Con tres temáticas: a intimista (conmoción ante a natureza, o amor…), a cívica (agrarista ou nacionalista) e a costumista (como reivindicación das raíces). Presentes nas obras No desterro (1913), Vento mareiro (1915), Da terra asoballada (1917) ou A rosa de cen follas (1927).

b) Poesía narrativa. Aposta pola reconstrución dun pasado mítico, adaptando a “materia de Bretaña” para dignificar Galicia. Obra principal: Na noite estrelecida (1926). Traballarémola noutra unidade.

Cabanillas achega valiosos trazos simbolistas e modernistas, en especial na poesía narrativa. Trátase sobre todo de:

    • gusto pola sinestesia,
    • presenza de abundantes notas sensoriais,
    • expresión lingüística requintada,
    • uso de versos alexandrinos.

 

Actividades

1. Comentario de "Toda humilde belleza" (sic), de Noriega Varela.

Aclaracións léxicas: atavío (adorno, vestimenta), irta (ergueita), doíña (doa pequena, boliña), nume (inspiración), que se engríen (que se elevan), blondas (ondas).

Vago xirón de brétema, atavío  
soberbio da irta xesta, reidora,  
fulgurante doíña de rocío            
(pazo do sol e lágrima da aurora);

raiola de lunar que bica o río,
flor mareliña que entre espiñas chora,
ou das redes da araña un tenue fío, 
toda humilde belleza me namora.

É un vermiño de luz o amigo caro  
do meu nume saudoso... Antes reparo  
na nudez adorable dunha estrela

que nas rosas dos vales, que sorríen,
que nos mantos dos pinos, que se engríen,
que nas blondas do mar, que se rebela.

a) Contrasta os cuartetos e os tercetos: presenza de verbos e procedementos nominativos, contido de cada parte. Ten en conta de que xeito conecta cada un dos tercetos coa primeira parte, onde se condensa, onde se contrasta, onde se recalca a luminosidade, etc.

b) Cal será a razón das múltiples personificacións? Cita algunhas.

c) Identifica e comenta o valor das metáforas en aposición.

d) Que reforza o paralelismo con anáfora e similicadencia?

e) No poema transmítese o valor das pequenas cousas, na liña do franciscanismo, con manifestación da relixiosidade mediante a presenza na natureza das virtudes cristiás (a humildade, a pobreza...). Mais, como enunciarías ti o tema do texto?

2. Comentario do poema "Na taberna" (No desterro, Ramón Cabanillas).

Aclaracións léxicas: fiada (reunión para fiar, festa), rustrido (adubo feito con aceite, allo e pemento para dar sabor á comida), xurés (xurelos -peixe azul), inar (impar, saloucar, arfar, respirar con dificultade), lancha da enviada (lancha de socorro)

 

Os mozos mariñeiros da fiada

lémbranse rindo alleos de coidados;

cheira a aceite e pemento requeimados,

rustido de xurés en caldeirada.

 

Conta o patrón nun corro a treboada

do ano setenta –hestoria de afogados–;

e empuxándose, inando, entran mollados

os homes dunha lancha de enviada.

 

Pasa de man en man a xerra roiba

de albariño, e namentras cai a choiva

e o vento fai tembrar a casa enteira,

 

detrás do mostrador crarexa o ceo

nas trenzas de ouro, no mirar sereo,

na surrisa de luz da taberneira.

 

 

a) Sintetiza o ambiente que se recrea no texto.

 

b) Podemos considerar costumista este poema? Por que?

 

c) Nesa liña, tense dito que o tema desta composición é o ambiente dunha taberna mariñeira. Estás de acordo? Propón, en todo caso, un enunciado alternativo do tema.

 

d) Recolle todas as notas sensoriais e clasifícaas de acordo co sentido ao que pertencen. Con que movemento estético filia ese sensorialismo?

 

e) Que se consegue coa acumulación de metáforas? Explica tamén cada unha.