1. Rosalía de Castro

1. Unha figura singular e universal
  • A súa obra reflicte a cosmovisión dunha muller culta que non se someteu aos roles sexistas do patriarcado.
  • Percíbese unha voz contestataria ante as ideoloxías dominantes, desde o uso literario da lingua galega ata a consciencia das inxustizas sociais.
  • Rosalía impulsou o sistema literario galego e fíxoo superando as barreiras temáticas e estilísticas redutoras.
  • A súa escrita transmite un pioneiro pensamento feminista, anticapitalista, solidario coas que sofren a historia e galeguista.

Pode verse esta presentación na páxina da Fundación Rosalía de Castro.

Deixamos para outra secuencia a súa poesía socialmente comprometida, mais cómpre ter en conta que a clasificación íntimo / social é simplificadora e achamos moitos textos nos que ambos os aspectos están plenamente imbricados. Rosalía fainos ver que a psique e as emocións están condicionadas polo contexto da comunidade e conségueo dándolle voz a múltiples protagonistas: as que padecen a soidade por mor da emigración, as que non poden entregarse e só suman penurias ante unha vida precaria, etc.

2. A liña intimista rosaliana

Rosalía tece un enorme abano emocional e reflexivo, e faino desde un intimismo radical. O seu profundamento na mente e na existencia outórgalle un valor senlleiro e universal.

2.1. Cantares gallegos (1863)

As temáticas etnográficas, sociais e patrióticas (ou sexa, non intimistas) dominan amplamente esta obra. Hai, aínda así, dúas excepcións principais:

  • A) A presenza do amor como queixa ou laio, mais tamén como mostra das imposicións do amor romántico ou a consciencia dos límites da atracción e as formas do patriarcado.

  • B) Os poemas introspectivos de saudade e de soidade (“Campanas de Bastabales”, “Como chove miudiño”) que adiantan perspectivas presentes en Follas novas.

2.2. Follas novas (1880)

  • O desacougo, o cansazo existencial ou a reflexión sobre a escrita caracterizan o libro primeiro, Vaguedás.

  • O paso do tempo, o desamor, a perda da ilusión, a imposibilidade de ser feliz ou a procura de liberación para o sufrimento conforman Do íntimo. É unha viaxe dolorosa ás entrañas, un proceso de autocoñecemento que desemboca na soidade existencial e na saudade, pois nada pode aliviar o desamparo do ser humano.

  • O libro Varia mostra a complexidade do existir e aborda especificamente as relacións amorosas da muller e os problemas que estas enfrontan.

  • Os poemas son máis breves que en Cantares e conteñen combinacións métricas pouco ríxidas, por veces insólitas e sorprendentes: octosílabos e hendecasílabos, octosílabos e alexandrinos, agrupacións libres... Créase así un ritmo entrecortado, abrupto, que se adecúa aos sentimentos de angustia, desasosego, etc. que se transmiten.

  • É unha obra innovadora por múltiples aspectos: o ideolóxico, o métrico, o simbólico e tamén o temático: demostra a capacidade do idioma galego para expresar aqueles temas considerados máis fondamente humanos, como as inquietudes existenciais.

ACTIVIDADES ESCRITAS

1. Comentario de “Unha vez tiven un cravo” (Follas Novas)

  • a) O poema presenta un desenvolvemento narrativo. En que partes se pode dividir?
  • b) Que pensas que simboliza o “cravo”? E o baleiro que deixa? Xustifica as respostas.
  • c) Analiza a métrica do poema. Que innovacións métricas atopamos en Follas novas?

2. Comentario de “Cando penso que te fuches” (Follas Novas)

  • a) Que pode ser a “negra sombra”? Xustifica a túa interpretación.
  • b) O poema presenta recursos de repetición. Sinálaos e indica a que contribúen globalmente.
  • c) Analiza a presenza das persoas gramaticais no poema e explica de que xeito lle fornecen intensidade lírica.

[sol1][sol2]

Complementos

Presentación do IES Rego de Trabe.

Lectura na rede:

Máis: no 25N