1. Os Séculos Escuros e a Ilustración

Os séculos XVI e XVII (e mesmo o XVIII) coñécense como Séculos Escuros, pois non se dan as condicións socioculturais para contar con poderes e institucións que impulsen e apoien a creación e publicación en galego. Así, esta redúcese a algúns restos que se produciron sobre todo a partir de circunstancias históricas. Iso si, mantense unha rica literatura popular transmitida oralmente.

Entre os restos literarios dos séculos XVI e XVII destacamos (para alén doutros textos de dimensión social que veremos noutra secuencia) catro sonetos renacentistas e barrocos:

a) Dous de temática amorosa atribuídos a Diogo Bernardes: o ”Soneto de Monterrei”, un diálogo do falante lírico cunha pastora no que el evita entregarse á coita amorosa, e mais "Porque me faz amor ainda acá torto?", queixa ante o Amor que só produce sufrimento.

b) O ”Soneto con falda”, de Xoán Gómez Tonel, e o “Respice finem”, de Vázquez de Neira, ambos escritos con motivo da morte da raíña Margarida de Austria en 1612. Constitúen, daquela, prantos con laudatio, mais o segundo texto transcende este xénero ao abordar o poder igualatorio da morte.

No s. XVIII a Ilustración tivo tamén un papel relevante na creación literaria. Na temática que nos ocupa sobresaen:

- Xosé Cornide Saavedra, de quen se conservan varias décimas e o soneto de entrega amorosa "A Filida".

- Francisca de Isla e Losada, de quen nos chegou un romance de 1775, un laído tras a morte do marido.

Cómpre considerar tamén que nestes séculos a literatura popular, nas súas diferentes manifestacións, ten especial protagonismo. Nunha das súas formas estróficas inspírase a maior obra literaria en galego do XVIII, o Coloquio de 24 gallegos rústicos, do Padre Sarmiento, de 1746. Son 1201 coplas ao estilo popular.

Complementos

Visión xeral da produción destes séculos:

Recursos literarios e 25N

 

Actividades

1. Oral en gran grupo. [sol]

2. Por escrito.

[sol]