1. Situación das linguas territoriais minorizadas

Ademais das linguas normalizadas e oficiais no conxunto dos estados, contamos na península ibérica con, cando menos, seis linguas minorizadas: o galego, o astur-leonés, o éuscaro, o aragonés, o aranés (gascón, occitano) e o catalán.

3.1. Galego
É a lingua minorizada con maior porcentaxe de falantes (tanto iniciais como habituais) de toda Europa.
Se entendemos que o galego e o portugués, malia formar parte do mesmo sistema lingüístico, son socialmente linguas diferentes, entón habería que considerar unha terceira póla: a Fala ou Valego. O Ethnologue recóllea como lingua, mais a maioría de investigadores/as considérana variedade histórica do galego.
Zonas nas que se fala: Galicia, franxa eonaviega de Asturias, comarcas do Bierzo e As Portelas en Castela e León [e mais Val de Xálima].
Número de falantes: 2,5 millóns. O 91% da poboación de Galicia declárase competente en galego.
Status legal: Cooficial en Galicia desde comezos dos 80. Aínda que sen oficialidade, hai certa presenza do galego no ensino nos concellos galegofalantes de León e Zamora.
Vitalidade: Monolingües e bilingües co galego como lingua inicial: 66%. Como lingua habitual: monolingües 31%; galego só e máis galego: 52%. Aínda que se parte de datos de uso ben altos, o declive nas útimas décadas -especialmente nos ámbitos urbanos e entre a xuventude- é evidente: só o 26% da poboación máis nova emprega o galego. O modelo de ensino "bilingüe", con materias científicas que non poden ser impartidas en galego, contribúe a esa mingua. A presenza do galego na maioría dos ámbitos sociais, en todo caso, é relevante, especialmente no cultural e no político.
3.2. Astur-leonés
É a lingua recoñecida pero non oficial con maior número de falantes en España.
Adopta a denominación de Mirandés en Portugal.
Zonas nas que se fala: Asturias, norte de León e oeste de Cantabria (nestes territorios xa con mínima ou cuestionábel presenza) e mais Miranda do Douro (Portugal).
Número de falantes: 250.000 (de 135.000 a 600.000). O 63% da poboación de Asturias declárase competente no idioma propio. Nos outros territorios españois a porcentaxe é moitísimo menor.
Status legal: Recoñecida -non oficial- en Asturias; o Estatuto indica que se protexerá e fomentará e no 1998 aprobouse unha Lei de uso e promoción como "llingua tradicional". É cooficial localmente en Portugal.
Vitalidade: Lingua habitual do 25% da poboación asturiana. Hai unha ampla demanda da cooficialidade, existe unha Academia de la llingua desde 1980, está presente no ensino como materia voluntaria e mantéñense medios e producións culturais en asturiano. Mais, mantén unha grave situación diglósica e está en perigo de desaparición. En Miranda do Douro as porcentaxes de uso do mirandés son máis elevadas e ten mellores perspectivas.
3.3. Éuscaro
É a única lingua peninsular que resistiu a expansión do latín; a mediados do s. XIX aínda era a empregada pola maioría da poboación do seu territorio.
Zonas nas que se fala: Euskadi (País Vasco), Navarra, Iparralde (País Vasco Francés) e Condado de Treviño (Burgos).
Número de falantes: uns 800.000. O 59% da poboación do norte de Navarra e o 53% do País Vasco declárase competente en éuscaro (o 75% entre os menores de 15 anos).
Status legal: Cooficial no País Vasco e parte de Navarra.
Vitalidade: Monolingües e bilingües co éuscaro como lingua inicial: 39%. Como lingua habitual: 46% (monolingües: 31%). Aínda que partiu de cifras modestas nos inicios da Autonomía, seguiu un claro proceso de recuperación social: do ano 1981 ao 2011 o seu uso avanzou 14 puntos (do 22% ao 36,4%). É amplamente maioritario o modelo de inmersión en vasco na educación (elixido polas familias). Ademais, a presenza deste idioma nos medios ou na cultura é cada vez maior.
3.4. Aragonés
É a lingua minorizada da península coa situación máis preocupante.
Zonas nas que se fala: norte de Huesca (Alto Aragón).
Número de falantes: 12.000. Só o 11% da poboación do norte de Aragón se declara competente en aragonés (unhas 47.000 persoas).
Status legal: Recoñecida desde 1996 co rango de lingua propia. Desde 2009 aprobáronse varias leis lingüísticas en Aragón.
Vitalidade: Ten moi escasa presenza social e usuarios maioritariamente de avanzada idade, aínda que conta con Academia, asociacións de defensa e un certo dinamismo cultural; así mesmo, gaña algúns neofalantes en zonas urbanas de Aragón. No ensino é só materia voluntaria nalgúns concellos. Está en grave perigo de extinción.
3.5. Aranés
É unha variedade do gascón, á súa vez dialecto do occitano.
Zonas nas que se fala: Val de Arán (LLeida) e alén Pireneos como gascón.
Número de falantes: 5.000 no territorio peninsular. O 64% da poboación do Val de Arán declárase competente en aranés. (Na zona francesa, o occitano, non oficial, sábeo falar só o 19%).
Status legal: Cooficial en toda Cataluña.
Vitalidade: Monolingües e bilingües co aranés como lingua inicial: 29%. Como lingua habitual: 25% (monolingües: 18%). Está presente no ensino desde 1983. Sofre un marcado retroceso (a favor do castelán, non do catalán).
3.6. Catalán
É a lingua minorizada con maior entidade de Europa, tanto en número total de falantes como en apoio social.
Zonas nas que se fala: Cataluña, Comunidade Valenciana, Illas Baleares, Andorra, Rosellón, Franxa de Aragón, Algher.
Número de falantes: 10 millóns. O 80% da poboación de Cataluña declárase competente en catalán. As porcentaxes son un pouco menores nos demais territorios con cooficialidade.
Status legal: Oficial en Andorra, cooficial en Cataluña, Comunidade Valenciana e Illas Baleares.
Vitalidade: Monolingües e bilingües co catalán como lingua inicial: 42%. Como lingua habitual: 47% (monolingües: 32%). É a lingua principal do ensino (modelo de inmersión) en Cataluña, onde tamén se acadou en gran parte a integración en catalán da inmigración. O proceso de normalización lingüística avanzou aí de xeito considerábel. En todo caso, nas últimas décadas obsérvase un lixeiro declive no uso do catalán en Cataluña. Sofre ademais unha situación diglósica en Valencia e nas Illas Baleares.


Complementos

a) Competencias en mapa.

b) Vitalidade segundo a lingua habitual.

c) Política lingüística na educación.


Actividades

1. Vídeo desde 3'30''. Que datos sobre a situación das linguas minorizadas na península desmenten certas ideas previas estendidas?

2. Contrasta as asociacións máis evidentes que aprecias nestes vídeos. Que nos din sobre o status de cada unha desas linguas?

+ Iniciativa ciudadana Barcelona

3. En parellas ou en grupos de ata 4 integrantes, redactade un texto de opinión sobre a idea global dos vídeos antepenúltimo e penúltimo da actividade anterior. Ou sexa: é positivo / legal evitar a aprendizaxe das linguas cooficiais e esixir a presenza do castelán en todos os documentos (cartelaría, impresos...)? Incluíde diferentes argumentos que apoien a vosa postura (previamente consensuada). Tede en conta o seguinte:

4. [Á vontade]

Parte 1 do vídeo de Henrique Monteagudo: de 17'25'' a 39'.

  • Como matizarías o concepto de lingua minoritaria cos datos que achega Monteagudo?
  • Que explican as liñas dialectais horizontais na península?

Parte 2 do vídeo: de 44'29'' a 1:20'

  • Que factores socioeconómicos e sociopolíticos inflúen de xeito especial na vitalidade do galego?
  • Que destacarías a respecto da porcentaxe de falantes dos distintos idiomas do Estado? Ese feito define a vitalidade dunha lingua?
  • Como se cifra a recuperación do éuscaro e en que se fundamenta?
  • Que "compensa", limita, a caída nos usos do galego? Que peso terá niso o modelo educativo adoptado?
  • Que é o neocentralismo e que peso ten actualmente (segundo Monteagudo e segundo a túa perspectiva)?