1. Elementos da comunicación

A comunicación é un acto social de intercambio de información. Nel operan sempre un emisor e un receptor, que protagonizan a transmisión, a través dunha canle determinada, dunha mensaxe elaborada nun código común.

Emisor, receptor, mensaxe, código e canle, xunto co referente (realidade representada) e a situación (circunstancias do acto), constitúen o sistema de comunicación.

O proceso esixe unha codificación (que efectúa o emisor ao compoñer a mensaxe) e mais unha descodificación (ao interpretar a mensaxe o receptor).

A comunicación pode verse perturbada polo ruído: calquera dificultade ou problema xerado nalgún ou nalgúns dos seus elementos. É ruído unha articulación deficiente, un erro de impresión, unha expresión imprecisa, etc.

Ante a advertencia do ruído, adóitase inserir redundancia na codificación da mensaxe.

Prodúcese con máis frecuencia a través da canle oral.

Se a redundancia é excesiva, convértese ela mesma en ruído.

 

Apoios

Actividades

1. Unha persoa que non sabe galego recita un poema nese idioma ante un público galego. Hai comunicación? Razoa a resposta.

2. Ao soar o timbre, que elemento do proceso de comunicación lle dirá ao alumnado se ten que entrar, rematar ou saír?

3. Cales destas circunstancias cres que poden constituír ruído (perturbación da comunicación)?

  • Letra deficiente nun escrito
  • Barullo próximo
  • Afonía do emisor
  • Presenza de ambigüidades no discurso
  • Intermitencia na conexión a internet
  • Uso dunha linguaxe técnica con persoas non expertas

4. É realmente redundante o seguinte exemplo? Por que? Que xera ruído?

Os pais e as nais dos alumnos e alumnas deste centro deberán dirixirse aos profesores ou profesoras titores ou titoras dos seus fillos e fillas.

5. A codificación é o proceso mediante o cal o emisor converte as súas ideas en linguaxe mediante signos físicos. Como definirías ti, logo, a descodificación?

6. Os seres humanos desenvolven tamén códigos extralingüísticos mediante os que poden transmitir información. Imaxina unha situación comunicativa para cada unha das seguintes imaxes e indica quen é o receptor e cal é a mensaxe.