1. Usos

Presentamos aquí, a modo de pílulas, algunhas cuestións sobre os usos dos adxectivos non cualificativos que poden ser dificultosos. Estes tamén se denominan adnominais, determinativos ou determinantes.

 

Este tipo de palabras con significado gramatical desenvolve a función de determinación: os adnominais concretan o substantivo actualizándoo, sinalándoo -deíxe- ou cuantificando. Tamén poden, en xeral (non todos: certo), funcionar como pronomes. Igualmente, hai formas que só son pronomes, como alguén, ninguén, algo ou nada.

 

Entre o adxectivo non cualificativo en función -sintáctica- de determinante e o nome poden colocarse modificadores (Este novo traballo, Aquel feliz día, Meu querido fillo...), así como outros determinantes (O meu fillo, este meu fillo...). Mais no caso de que a palabra adnominal estea posposta ao nome, considérase que funciona como modificador: Este fillo meu, O día aquel...

 

O artigo ten unha función actualizadora: restrinxe o significado do substantivo presentándoo.
  • O indeterminado refírese á clase (Un can sempre será carnívoro) ou presenta o nome como non coñecido (Atopou un can no camiño).
  • O determinado presenta como coñecido, ben sexa porque a entidade xa se mencionou no discurso (Atopou un can no camiño. O can saltou...), porque se coñece polo contexto (O can do veciño. A torre de Pisa) ou porque se refire a especies (O can é un mamífero doméstico).
  • A ausencia de artigo outórgalle valor xenérico ao substantivo (Hai cans). Tamén se atopa en vocativos.
Ademais, pode ter función substantivadora: converte en substantivo outro tipo de palabra (O peor... O falar...).

 

Non temos contracción de preposición co artigo cando esta non rexe o substantivo determinado, cando non forma parte da mesma frase ou sintagma:
  • Antes de as clientas marcharen.
  • De un médico estar alí, salvaríase.
  • Pasou iso por os teus irmáns falaren.

 

De xeito xeral, o posesivo vai acompañado do artigo (Déixoche aquí o teu libro), agás nos seguintes casos:
  • Con fórmulas de tratamento como Súa excelencia.
  • En vocativos (Meu pobre).
  • En certas expresións fixas como Meu dito, meu feito.
  • Con demostrativos (Este meu can).
  • Con valor distributivo (Cada unha ten seu permiso).
  • Con nomes de parentesco próximo (Meu pai).

 

De meu, de teu, de seu, de noso, de voso, de seu expresan a propiedade exclusiva (Non ten casa de seu). Mais a forma da 3ª persoa tamén pode ter outros valores:
  • 'por si mesma, por un mesmo' (Caeu de seu).
  • 'por natureza' (É lista de seu).

 

Os numerais ordinais normalmente só se usan ata o centésimo (duodécimo, décimo quinto, vixésimo...). A partir de 100 adoita empregarse o cardinal (Celebrou o cento tres aniversario). Mesmo se tende a usar este antes e, en todo caso, é mellor o cardinal có emprego -errado- do partitivo con valor ordinal: quedou undécima - quedou [no posto] once / *quedou onceava.

 

As formas dos numerais multiplicativos son: dobre ou duplo/a, triplo/a, cuádruplo/a, quíntuplo/a, séxtuplo/a, séptuplo/a, óctuplo/a, nónuplo, décuplo/a e, a maiores, céntuplo/a. Nas demais referencias úsase o cardinal + veces (Ampliou a imaxe vinte veces o seu tamaño).

 

Os indefinidos ambos/as, entrambos/as e todos/as deben ir seguidos de artigo cando acompañan os nomes -cando non son pronomes- (Chegaron ambas as profesoras / Chegaron ambas).

 

Ademais de outro, contrae coas preposicións de e en o indefinido algún (Nalgún momento veralo doutro modo); mais non contraen con preposición alguén nin algo (Sei de alguén que se parece en algo a el).

 

O interrogativo u equivale a 'onde' e debe ir seguido de segunda forma do artigo (U-la chave?) ou de pronome persoal (A chave, ula?).

 

Quen é invariábel sempre (Quen son?). Forma parte de expresións e frases feitas como "ser quen de" ('ser capaz') ou "facer coma quen que" ('aparentar, finxir').
Son tamén invariábeis calquera e quenquera ('calquera persoa', de uso literario): Calquera compañeiro cho diría.

 

Que e canto/a/os/as poden ser relativos (Déronlle todas cantas pediu), determinantes interrogativos ou exclamativos (Cantas cousas pediu?) ou pronomes do mesmo tipo (Cantas pediu?).

 

Quedan fóra formas e usos que deben estar dominados: os valores de daquela, os graos da deíxe no demostrativo, o valor adverbial de tempo de nisto, nesas ou niso, o significado de locucións como os meus ('familia') ou as súas ('trasnadas'), o acompañamento para o distributivo cadanseu do elemento posuído, etc.