As linguas da península ibérica

Sitio: Aula Virtual do IES do Milladoiro
Curso: Lingua Galega 1º BAC 23/24
Libro: As linguas da península ibérica
Impreso por: Usuario convidado
Data: venres, 16 de agosto de 2024, 14:06

1. Situación das linguas territoriais minorizadas

Ademais das linguas normalizadas e oficiais no conxunto dos estados, contamos na península ibérica con, cando menos, seis linguas minorizadas: o galego, o astur-leonés, o éuscaro, o aragonés, o aranés (gascón, occitano) e o catalán.

3.1. Galego
É a lingua minorizada con maior porcentaxe de falantes (tanto iniciais como habituais) de toda Europa.
Se entendemos que o galego e o portugués, malia formar parte do mesmo sistema lingüístico, son socialmente linguas diferentes, entón habería que considerar unha terceira póla: a Fala ou Valego. O Ethnologue recóllea como lingua, mais a maioría de investigadores/as considérana variedade histórica do galego.
Zonas nas que se fala: Galicia, franxa eonaviega de Asturias, comarcas do Bierzo e As Portelas en Castela e León [e mais Val de Xálima].
Número de falantes: 2,5 millóns. O 91% da poboación de Galicia declárase competente en galego.
Status legal: Cooficial en Galicia desde comezos dos 80. Aínda que sen oficialidade, hai certa presenza do galego no ensino nos concellos galegofalantes de León e Zamora.
Vitalidade: Monolingües e bilingües co galego como lingua inicial: 66%. Como lingua habitual: monolingües 31%; galego só e máis galego: 52%. Aínda que se parte de datos de uso ben altos, o declive nas útimas décadas -especialmente nos ámbitos urbanos e entre a xuventude- é evidente: só o 26% da poboación máis nova emprega o galego. O modelo de ensino "bilingüe", con materias científicas que non poden ser impartidas en galego, contribúe a esa mingua. A presenza do galego na maioría dos ámbitos sociais, en todo caso, é relevante, especialmente no cultural e no político.
3.2. Astur-leonés
É a lingua recoñecida pero non oficial con maior número de falantes en España.
Adopta a denominación de Mirandés en Portugal.
Zonas nas que se fala: Asturias, norte de León e oeste de Cantabria (nestes territorios xa con mínima ou cuestionábel presenza) e mais Miranda do Douro (Portugal).
Número de falantes: 250.000 (de 135.000 a 600.000). O 63% da poboación de Asturias declárase competente no idioma propio. Nos outros territorios españois a porcentaxe é moitísimo menor.
Status legal: Recoñecida -non oficial- en Asturias; o Estatuto indica que se protexerá e fomentará e no 1998 aprobouse unha Lei de uso e promoción como "llingua tradicional". É cooficial localmente en Portugal.
Vitalidade: Lingua habitual do 25% da poboación asturiana. Hai unha ampla demanda da cooficialidade, existe unha Academia de la llingua desde 1980, está presente no ensino como materia voluntaria e mantéñense medios e producións culturais en asturiano. Mais, mantén unha grave situación diglósica e está en perigo de desaparición. En Miranda do Douro as porcentaxes de uso do mirandés son máis elevadas e ten mellores perspectivas.
3.3. Éuscaro
É a única lingua peninsular que resistiu a expansión do latín; a mediados do s. XIX aínda era a empregada pola maioría da poboación do seu territorio.
Zonas nas que se fala: Euskadi (País Vasco), Navarra, Iparralde (País Vasco Francés) e Condado de Treviño (Burgos).
Número de falantes: uns 800.000. O 59% da poboación do norte de Navarra e o 53% do País Vasco declárase competente en éuscaro (o 75% entre os menores de 15 anos).
Status legal: Cooficial no País Vasco e parte de Navarra.
Vitalidade: Monolingües e bilingües co éuscaro como lingua inicial: 39%. Como lingua habitual: 46% (monolingües: 31%). Aínda que partiu de cifras modestas nos inicios da Autonomía, seguiu un claro proceso de recuperación social: do ano 1981 ao 2011 o seu uso avanzou 14 puntos (do 22% ao 36,4%). É amplamente maioritario o modelo de inmersión en vasco na educación (elixido polas familias). Ademais, a presenza deste idioma nos medios ou na cultura é cada vez maior.
3.4. Aragonés
É a lingua minorizada da península coa situación máis preocupante.
Zonas nas que se fala: norte de Huesca (Alto Aragón).
Número de falantes: 12.000. Só o 11% da poboación do norte de Aragón se declara competente en aragonés (unhas 47.000 persoas).
Status legal: Recoñecida desde 1996 co rango de lingua propia. Desde 2009 aprobáronse varias leis lingüísticas en Aragón.
Vitalidade: Ten moi escasa presenza social e usuarios maioritariamente de avanzada idade, aínda que conta con Academia, asociacións de defensa e un certo dinamismo cultural; así mesmo, gaña algúns neofalantes en zonas urbanas de Aragón. No ensino é só materia voluntaria nalgúns concellos. Está en grave perigo de extinción.
3.5. Aranés
É unha variedade do gascón, á súa vez dialecto do occitano.
Zonas nas que se fala: Val de Arán (LLeida) e alén Pireneos como gascón.
Número de falantes: 5.000 no territorio peninsular. O 64% da poboación do Val de Arán declárase competente en aranés. (Na zona francesa, o occitano, non oficial, sábeo falar só o 19%).
Status legal: Cooficial en toda Cataluña.
Vitalidade: Monolingües e bilingües co aranés como lingua inicial: 29%. Como lingua habitual: 25% (monolingües: 18%). Está presente no ensino desde 1983. Sofre un marcado retroceso (a favor do castelán, non do catalán).
3.6. Catalán
É a lingua minorizada con maior entidade de Europa, tanto en número total de falantes como en apoio social.
Zonas nas que se fala: Cataluña, Comunidade Valenciana, Illas Baleares, Andorra, Rosellón, Franxa de Aragón, Algher.
Número de falantes: 10 millóns. O 80% da poboación de Cataluña declárase competente en catalán. As porcentaxes son un pouco menores nos demais territorios con cooficialidade.
Status legal: Oficial en Andorra, cooficial en Cataluña, Comunidade Valenciana e Illas Baleares.
Vitalidade: Monolingües e bilingües co catalán como lingua inicial: 42%. Como lingua habitual: 47% (monolingües: 32%). É a lingua principal do ensino (modelo de inmersión) en Cataluña, onde tamén se acadou en gran parte a integración en catalán da inmigración. O proceso de normalización lingüística avanzou aí de xeito considerábel. En todo caso, nas últimas décadas obsérvase un lixeiro declive no uso do catalán en Cataluña. Sofre ademais unha situación diglósica en Valencia e nas Illas Baleares.


Complementos

a) Competencias en mapa.

b) Vitalidade segundo a lingua habitual.

c) Política lingüística na educación.


Actividades

1. Vídeo desde 3'30''. Que datos sobre a situación das linguas minorizadas na península desmenten certas ideas previas estendidas?

2. Contrasta as asociacións máis evidentes que aprecias nestes vídeos. Que nos din sobre o status de cada unha desas linguas?

+ Iniciativa ciudadana Barcelona

3. En parellas ou en grupos de ata 4 integrantes, redactade un texto de opinión sobre a idea global dos vídeos antepenúltimo e penúltimo da actividade anterior. Ou sexa: é positivo / legal evitar a aprendizaxe das linguas cooficiais e esixir a presenza do castelán en todos os documentos (cartelaría, impresos...)? Incluíde diferentes argumentos que apoien a vosa postura (previamente consensuada). Tede en conta o seguinte:

4. [Á vontade]

Parte 1 do vídeo de Henrique Monteagudo: de 17'25'' a 39'.

  • Como matizarías o concepto de lingua minoritaria cos datos que achega Monteagudo?
  • Que explican as liñas dialectais horizontais na península?

Parte 2 do vídeo: de 44'29'' a 1:20'

  • Que factores socioeconómicos e sociopolíticos inflúen de xeito especial na vitalidade do galego?
  • Que destacarías a respecto da porcentaxe de falantes dos distintos idiomas do Estado? Ese feito define a vitalidade dunha lingua?
  • Como se cifra a recuperación do éuscaro e en que se fundamenta?
  • Que "compensa", limita, a caída nos usos do galego? Que peso terá niso o modelo educativo adoptado?
  • Que é o neocentralismo e que peso ten actualmente (segundo Monteagudo e segundo a túa perspectiva)?

2. Contraste lingüístico

Na península ibérica áchanse dous tipos de romances:

  1. Iberorromances: galego-portugués, astur-leonés e castelán.
  2. Occitanorromances: aranés (gascón, occitano) e catalán.

O aragonés pode considerarse lingua de transición, pois comparte trazos con ambas as pólas.

 

Catalán

As linguas romances de diferentes subgrupos presentan dificultades para a intercomprensión, agás para persoas con certa formación, polo que podemos atopar non poucos impedimentos na comunicación con quen fale catalán. Como outras linguas occitanorromances, posúe trazos distantes para nós como a perda de vogais finais átonas (llet, fill...). Aínda así, os artigos ou o sistema pronominal son moi semellantes aos do castelán.

Son fenómenos característicos do catalán, por exemplo:

    • o mantemento das oclusivas xordas sen sonorizar en posición final, tras a perda da vogal (edat, estat...),
    • a simplificación do grupo -ND- (segona, manar... [segunda, mandar])
    • ou a evolución do L- inicial a ll- (lluita, llengua...).

 

Aranés

Está moi próximo ao catalán. En xeral o occitano (e en particular o gascón aranés) e mais o catalán comparten fenómenos evolutivos e abondo léxico, bastante máis que co castelán. [No mapa de proximidade léxica que se reproduce abaixo hai unha evidente imprecisión]. Comparemos:

- Totes naishen liures e egaus en dignitat e en dreit (aranés)

– Tots neixen lliures i iguals en dignitat i en drets (catalán)

[Todos nacen libres e iguais en dignidade e en dereitos]

Como trazos propios destacamos:

  • o -l final vocalízase: meu (mel)
  • ou o -ll- intervocálico deu -r-: era (ela).

 

Aragonés

Como as iberorromances, ten só tres conxugacións (aranés e catalán, catro), mais posúe pola contra escasos verbos irregulares. Así mesmo, detéctanse no aragonés achegas léxicas e evolucións fonéticas paralelas ás linguas occidentais (tamién, vergüeña...) ao carón doutras máis propias do espazo occitano (nieu, mirallo, minchar... [neve, espello, comer]).

Como trazos particulares, podemos subliñar que:

    • as oclusivas xordas intervocálicas latinas (-P-, -T-, -K-), que sonorizan en todas as linguas romances da península, mantéñense en certas palabras do aragonés, como ripa ou foratar [pendente, esfuracar];
    • mantén, como o catalán e o aranés, os grupos latinos iniciais PL-, CL- FL- (pluja, clau... [chuvia, chave]).

 

Éuscaro

Lingua non indoeuropea, con procedementos sintéticos moi distintos dos das linguas neolatinas; por exemplo, posúe sufixos equivalentes aos nosos pronomes relativos e interrogativos. En todo caso, influenciou e foi influenciada polos romances ibéricos próximos (castelán, gascón e aragonés). Hoxe en día conseguimos captar e entender sen formación específica determinados termos, como os préstamos que nos achegou (esquerda, aquelarre...), mais só iso.

O substrato vasco é, segundo algúns estudosos, a causa dalgunhas particularidades do castelán. Por exemplo:

  • a perda do F- inicial (habla, harina...), que comparte co aranés,
  • un sistema vocálico de só cinco fonemas, que tamén teñen simplificado o astur-leonés e o aragonés.

 

Castelán

Á marxe do coñecemento que todo galegofalante ten deste idioma, a súa distancia co galego, non pequena en múltiplos planos, fica reducida para nós polo influxo (dominio) que exerceu sobre a lingua galega desde o s. XVI e pola incorporación no galego popular de numerosas interferencias. Pode consultarse unha escolma destas aquí.

Cómpre dicir que o castelán adoptou algunhas solucións fonéticas particulares, á marxe das outras linguas romances, que nalgúns casos se achacan, como vimos, ao influxo do éuscaro.

 

Astur-leonés

Como o castelán, ditongou os e / o latinos, mais -como no aragonés- con solucións dispares: fueu, daquién, güe... [fogo, dalgunha persoa, boi]. Tamén son características súas:

    • formas particulares do verbo ser (ye, yera...),
    • o peche do -o final para -u (mozu, perru...) ou
    • a palatalización do L- inicial en ll- (llobu, llingua...), como no catalán.

 

Portugués

Confórmase co mesmo sistema lingüístico que o galego e, unha vez derrubada a barreira da -se así for- falta de hábito de escoitar o seu sotaque, a comprensión para nós é moi elevada, case plena. Arrédano do galego certos trazos fonolóxicos (presenza de 9 vogais orais, de 5 ditongos nasais ou de sibilantes sonoras) e unha pequena porcentaxe de léxico específico. A curva de aprendizaxe do portugués padrón para unha persoa galegofalante é, xa non pouco pronunciada, senón mesmo lixeiriña.

Son fenómenos específicos do galego e do portugués:

    • a caída do L e N intervocálicos (ceo, lúa, ter...),
    • a simplificación do duplo ele -LL- e duplo ene -NN- (cabelo, cana...)
    • a evolución de AU a ou (pouco, ouro...; en xeral, os ditongos decrecentes: primeiro, beira...),
    • ou a conformación dun infinitivo conxugado (de moito rendemento).

 

Complementos

 

1. Mapa de distancia léxica segundo alternativetransport.

 

 

2. Semellanza léxica (de acordo coa orixe do vocabulario), segundo o Ethnologue:

Catalán e Francés: 85% - Catalán e Italiano: 87% - Catalán e Portugués / Castelán: 85%

Castelán e Francés: 75% - Castelán e Italiano: 82% - Castelán e Portugués: 89%

Portugués e Francés: 75% - Portugués e Italiano: 80%

Francés e Italiano: 89%

 

Actividades

 

1. Que linguas recoñeces nestas oracións? Que fenómenos dos vistos se observan?

- Gústenme los tos güeyos faladores – Gústanme os teus ollos faladores / Gosto dos teus ollos faladores.

- Ploiguec e eth carrèr ja ei shut. - Choveu e xa está enxoita a rúa.

- Motxila eta txapela ezkerrean - A mochila e a chapela da esquerda.

- Devant d’a caseta bi’staba una xerata que itava muita flama – Diante da casiña había unha fogueira que botaba moitas lapas.

- S'ha fet de nit – Fíxose de noite.

 [sol]

2. Localiza tres ou catro trazos do catalán neste texto e indica se coinciden co galego e/ou co castelán.

3. [Oral] Que conclúes a partir do seguinte cadro?

 

4. [Oral] Sintetiza a orixe e a situación da variedade do Val de Xálima. Que significa a "terceira póla"?

3. Variantes dialectais do galego e do portugués

1. Isoglosas do galego e do portugués.

(Adaptado de Rosario Álvarez)

2. Variedades do portugués

  • Portugués europeo (de Portugal). Inclúe tres grandes bloques dialectais: os dialectos do norte ou setentrionais (nos que, por exemplo, non se distingue b/v), os dialectos centro-meridionais (con redución de ditongos ei e ou, etc.) e mais dialectos dos Azores e Madeira. [Véxase Qual é o SOTAQUE MAIS NEUTRO de Portugal?]
  • Portugués do Brasil. Presenta importantes diferenzas na fonética, na gramática e no vocabulario, con particularidades tamén territoriais. [Véxase Brazilian vs European Portuguese]
    • O -l final pronúnciase en boa parte do Brasil como -u (Brasil > "Brasiu", legal > "legau").
    • Palatalízanse as consoantes d e t ante vogais anteriores:  de,i e te,i soan /tʃ/ ou /dʒ/ (mentir > "mentchir").
    • Hai tendencia a antepoñer o pronome átono (Eu te amo).
    • Ten bastante léxico específico (trem fronte a comboio, bonde fronte a eléctrico, cardápio fronte a ementa / menú...).
  • Variedades africanas do portugués. Presentan trazos propios como certos enxordecementos no consonantismo, abundante léxico proveniente das linguas autóctonas, etc. [Véxase Como o Português de Angola influenciou Portugal]

3. Dialectoloxía da lingua galega

 

Complementos

 

Actividades

1. [Oral] Engade ti unha mensaxe en relación co tema a esta intervención de Esther Estévez.

2. [Oral] Hai nunha lingua un sotaque neutro? Pódese falar de pronuncia estándar ou correcta? Cal sería a do galego? Que é pronuncia "fechada"? [Vídeo "Qual é o sotaque...?" (8 min.)]

3. [Oral] Ata que medida se pode dicir que aprender portugués contribúe a mellorar/aprender o galego?

4. Que trazos da variante brasileira identificas neste vídeo? Consideras que pode ser un exemplo de recurso útil para nós? Se os recursos nunha determinada materia na escola están (tamén) en portugués, suporía algún problema ou máis ben unha vantaxe? Por que?

4. A lusofonía

Ademais das colaboracións no ámbito económico, dos intercambios académicos ou dos acordos institucionais, consolidáronse nas últimas décadas iniciativas culturais de conexión co mundo lusófono. As principais son:
  • Ponte nas ondas, asociación cultural e pedagóxica que, desde 1995, realiza actividades educativas e culturais en Galicia e no Norte de Portugal. Entre os fins da asociación está a promoción da identidade común dos dous pobos dentro dunha perspectiva xeral de integración europea e do mundo lusófono, así como a recuperación e difusión do Patrimonio Cultural común a galegos e portugueses. Presentou ante a UNESCO a primeira candidatura do patrimonio inmaterial galego-portugués.
  • Cantos na maré, festival internacional da lusofonía. Maré, músicas e artes atlánticas, é un acontecemento cultural, artístico, social e profesional para festexar o talento compartido de Brasil a Cabo Verde, de Mozambique a Galicia.
  • Certame aRi[t]mar, premios da poesía e música galego-portuguesas. Proxecto didáctico participativo desenvolvido inicialmente pola EOI de Compostela. Cada ano propóñense as 10+10 cancións e 10+10 poesías finalistas, de Galicia e de Portugal, e é o público a través do voto online quen elixe as pezas gañadoras, que se dan a coñecer nunha gala.
  • Feira musical MUMI (Músicas do Minho). Convoca a profesionais do sector cultural galego e portugués co obxectivo de "crear unha ponte de ida e volta real e estable para as nosas músicas". No 2022 o evento realizarase na "Eurocidade Tui-Valença" como "Feira Internacional da Lusofonía".
  • Premio de podcast en galego e portugués Xosé Mosquera, convocado polo IES Rosalía de Castro e mais Arraianos Producións, en colaboración con Ponte nas Ondas. Está dirixido a alumnado galego e do norte de Portugal.
  • Rede da Galilusofonía, rede de máis de trinta entidades galegas e portuguesas, civis e públicas. Desde 2018 deciden coordinarse e cooperar "na difusão de iniciativas encaminhadas a fomentar a nossa língua e cultura comuns no seu espaço natural, a Lusofonia, com grande potencial noutros campos como o económico e o institucional".
  • Apertura da CRTVG ao espazo portugués, con programas como Camiños de irmandade ou Auga seca (serie), conversas en liña de #ApuntamentoLusófono ou a emisión de partidos de fútbol da liga portuguesa.
  • Fomento do estudo oficial da lingua lusa en Galicia. Son case 5000 estudantes de portugués no curso actual, cinco veces máis que cando entrou en vigor a Lei Paz Andrade (no 2014).

#ApuntamentoLusófono Cap. 15 (de 15'09'' a 28').

#MiraQuenFalaGalego Andy


Actividades

1. Achega a túa opinión crítica sobre o que se afirma neste texto.

Apoios:

Fragmentos de Ensino do galego - O que está a faltar: Máis lingua portuguesa na escola?: