Tipos e xéneros textuais

Sitio: Aula Virtual do IES do Milladoiro
Curso: Lingua Galega 1º BAC 23/24
Libro: Tipos e xéneros textuais
Impreso por: Usuario convidado
Data: sábado, 19 de outubro de 2024, 9:35 PM

Táboa de contidos

1. Claves e actividades

 

Os textos, orais e escritos, podémolos clasificar fundamentalmente de acordo con tres criterios: a intención comunicativa, o ámbito de uso e a forma de uso social.

→ A intención permite distinguir os tipos textuais, formas de organización ou secuencias universais de acordo coas intencións de presentar, informar, convencer, etc.: tipo narrativo, descritivo, expositivo, argumentativo, prescritivo (instrutivo e normativo) e dialóxico ou conversacional.

? Unha secuencia ou tipo é un modelo textual -ideal- que responde a unha intención comunicativa e que se asocia con determinadas características discursivas e gramaticais. Por exemplo a secuencia narrativa conecta coa finalidade de contar, presenta unha serie de tempos verbais, etc.

→ Os ámbitos indican os espazos sociais nos que usamos os textos: académicos, dos medios de comunicación, persoais e das relacións sociais, administrativos e xurídicos ou literarios.

→ As formas de uso social constitúen os xéneros textuais, aqueles modos discursivos cos que nos comunicamos no día a día: un correo, unha conversa, un chío, unha noticia, unha convocatoria, un convite, un prospecto, un videotitorial... Nacen das actividades comunicativas que desenvolvemos e defínense pola súa estrutura, polo formato e polo recursos empregados.

A diversidade dos textos reais non encaixa na tipoloxía ríxida da media ducia de secuencias universais, pois estas adoitan aparecer mesturadas nos textos. Ou sexa, a maioría dos xéneros textuais son híbridos (con presenza de diversas secuencias).

→ Así, nun texto podemos atopar exposición e argumentación (caso dun artigo de opinión), exposición, narración, argumentación e diálogo (nunha entrevista), narración, descrición e diálogo (nunha novela), etc.

→ A clasificación dos xéneros textuais dentro dun determinado e único tipo textual responde á atención só á secuencia dominante (como a argumentativa no caso do artigo de opinión), de acordo coa intención comunicativa principal.

→ En todo caso, si hai xéneros que se identifican plenamente cun tipo textual, como as instrucións de uso.

Unha destas clasificacións redutoras en boa medida:

No ámbito académico, escolar ou de aprendizaxe distinguimos xéneros formativos (como a presentación ou a exposición oral) e xéneros especializados (caso do relatorio, o artigo científico ou a monografía).

Son xéneros eminentemente expositivos e moitos deles compártense en congresos, xornadas, seminarios e simposios.

[Congreso: xuntanza dun colectivo profesional para presentar estudos e actividades e debater. Ex. Congreso sobre Carvalho Calero.

Xornadas: distintas actividades -charlas, presentacións, debates, actos lúdicos- enfiadas nun campo profesional. Ex. Xornadas de lingua e literatura.

Seminario: xuntanza de especialistas e aprendices centrada nun determinado campo de estudo. Ex. Seminario sobre a literatura medieval.

Simposio: acto próximo á mesa redonda no que un grupo de persoas expertas desenvolve un tema ante un auditorio.]

No ámbito xornalístico atopamos un amplo abano de xéneros, desde os narrativos e expositivos que manteñen un ton de obxectividade ata os eminentemente argumentativos nos que se valora a realidade.

Responden á dobre finalidade dos medios: informar e asemade orientar desde unha postura ideolóxica.

→ A noticia informa sobre algún feito de actualidade que se considera de interese. Ten carácter fundamentalmente narrativo.

→ O informe -pouco usual- achega datos sobre algunha información, na que se pretende profundar, a medio camiño entre a nova e a reportaxe.

→ A reportaxe interpretativa é un xénero heteroxéneo e con múltiples perspectivas no que se debullan claves (marco ambiental, consecuencias...) dun feito. Se se prescinde da valoración, considérase reportaxe obxectiva.

→ A crónica amplía in situ (ou en todo caso cun marcado percorrido diacrónico) o feito noticiábel e achega ao tempo comentarios valorativos.

→ A entrevista é un diálogo planificado no cal a persoa que entrevista lle propón unha serie de cuestións á entrevistada para trasladar experiencias, coñecementos e opinións.

→ A crítica, normalmente redactada por unha persoa especializada na materia, describe e valora un produto ou feito cultural: un filme, un libro, unha representación, un programa...

→ O artigo e a columna amosan a opinión dunha persoa de relevo social sobre diversos temas.

→ A carta á dirección traslada a perspectiva dos lectores e lectoras do medio que deciden manifestar a súa opinión ou realizar algunha denuncia.

→ O editorial transmite a opinión do medio ou xornal sobre a actualidade.

→ A viñeta combina o debuxo e as palabras para reflexionar sobre algún aspecto da actualidade.

Complementos

O texto, de Marlou.

 

Actividades

1. Transforma este convite nun correo electrónico enviado por unha alumna a unha compañeira para informala do evento. Que tiveches que cambiar: o ámbito de uso, o tipo, o xénero, algo distinto?

USC
Universidade de Santiago de Compostela

Acto de graduación curso 2020-2021

O Excmo. e Mgfco. Sr. Antonio López, reitor da USC, comprácese en convidalo ao acto de graduación do curso actual, que se celebrará o sábado 29 de novembro ás 10:30 horas no Auditorio da Universidade.

Pode atopar máis información na web do acto: www.usc.edu/graduacion/2021/index.html

2. A que xénero textual pertencerá o seguinte texto? Que tipo ou tipos textuais se advirten nel? En que outro xénero se podería transformar sen dificultades e por que?

Día 29 de decembro, Pazo dos Deportes. Dispoñíame animadamente a asistir a un concerto, cando ploff, Fito sorprendeu a todo o mundo. Se non fose porque xa pasou o Día dos Inocentes, xuraría que nos vacilaba, pero non. Aí saíu Fito e a súa banda "a dalo todo" no escenario dese espazo de acústica espantosa, cantou tres cancións e foise cal anuncio de televisión, mentres as macro pantallas nos dicían: “voltamos en dous minutos”.

E esta escena repetiuse, unhas veces con aviso e outras sen el, cada tres pezas. En total, tres interrupcións. Ao malestar pola falta de profesionalidade, uniuse o desconcerto por tanto tema instrumental, canción de grupo alleo, cancións do primeiro disco, etc. Total, saímos do concerto versionando unha peza do seu último disco: “Qué te voy a decir, si me acabas de timar...”. Agardo que os asistentes ao concerto do día 30 tivesen máis sorte ca nós. O que si que se sentirá con sorte é o grupo, que cobra uns 50 mil € por concerto máis o 80% da recadación. A miña entrada custou 45 €.

3. [Oral] A que xénero xornalístico pertence o seguinte texto? Que nolo indica?

4. [Oral] Que xénero textual conforma o seguinte texto? Que tipo textual domina nel? Hai presenza doutros tipos ou esquemas?

+ Que acontece cando a intención é persuadir?