A historia da lingua. Estereotipos e prexuízos lingüísticos

1. O galego medieval

Vista panorámica inicial

 

Claves

1. O contexto social e histórico

  • Desde o nacemento da lingua, no século IX, ata o final da Idade Media transcorren 700 anos. Deste longo período destacamos tres feitos con grande incidencia na evolución da lingua.

  • En todo caso, hai unha constante que explica o feito de que se manteña practicamente ata o final a normalidade cultural. Esa constante é a fortaleza da clase dirixente galega, no contexto dunha sociedade feudal moi ríxida.

1.1 O esplendor da Era Compostelá

  • A época de maior desenvolvemento e proxección da historia de Galiza, grazas especialmente ao labor do arcebispo Xelmírez. Abrangue todo o século XII e mesmo se adoita estender ao XIII.

  • Contribúen a crear e soster este período de esplendor:

    • A relativa estabilidade do Reino de Galiza, afastado da "reconquista".

    • O crecemento da poboación e das urbes, co desenvolvemento do comercio.

    • A mellora da agricultura e a existencia de excedente agrario.

    • O papel de Compostela como un dos tres grandes centros de peregrinación da Cristiandade; e do Camiño como recurso e espazo de intercambio cultural.

    • O poder da nobreza galega no contexto peninsular.

  • Pode representarse o valor desta época en dúas expresións culturais: a arte románica galega (moi abundante e ben relevante) e mais a lírica trobadoresca inmediatamente posterior. Un dos cumes é a produción do Mestre Mateo.

1.2. O inicio da decadencia política e social

  • Desde mediados do s. XIII o Reino de Galiza vai pasar a depender progresivamente do Reino de Castela. Mais o proceso de perda de poder da nosa nobreza non se consuma ata fins do XV, cos Reis Católicos.

  • Os feitos clave da decadencia política e socioeconómica foron:

    • A unificación de Galiza, León e Castela co reinado de Fernando III (1230). Toledo acadará posición de predominio desde fins do s. XIII.

    • O apoio da nobreza galega a Pedro I fronte o vencedor na guerra de sucesión, Henrique de Trastámara, no s. XIV. Por primeira vez asentarase en Galiza aristocracia castelá.

    • O apoio de boa parte da nobreza galega a Xoana a Beltranexa fronte a Isabel I, vencedora esta na guerra de sucesión de finais dos 70 do s. XV. A nobreza galega (derrotada definitivamente en 1484) foi decapitada, enviada á guerra ou sometida. Paralelamente, entrará en Galiza unha ampla clase dirixente castelá.

    • O estancamento económico e a crise social, con fame e peste, no fin da Idade Media.

1.3. As Revoltas Irmandiñas

  • A alianza entre a burguesía, o campesiñado e a fidalguía ante o clima de violencia e as inxustizas que atribuían á nobreza, propiciou unha revolta popular nos anos 60 do XV.

  • Estas pioneiras revoltas conseguen dobregar a nobreza, que foxe a Portugal e Castela, e constituír a Irmandade Xeral do Reino de Galiza en 1467. Derrúbanse máis de 130 castelos e fortalezas e restablécese a xustiza. Mais unha contraofensiva nobiliaria derrota os exércitos populares en 1469 e remata cunha organización social inédita.

  • Tras o fracaso das revoltas irmandiñas, a incipiente burguesía galega fica debilitada pola represión e a nobreza queda máis atada ao rei de Castela, Henrique IV, que finalmente a apoiara na recuperación do poder.

2. A situación da lingua

  • Agás certos síntomas nos últimos 150 anos da Idade Media, o galego é a lingua normal de toda a poboación en todos os contextos. É o idioma en que se educan reis e príncipes (de Galiza e nalgúns casos tamén de Castela), o idioma adscrito á lírica na península, o idioma que substitúe o latín nos textos sociais do reino, etc.

2.1. A constitución en lingua escrita

  • Desde o s. IX ao XI a sociedade galega, monolingüe oralmente agás certos usos relixiosos e culturais que se manteñen en latín, debeu producir escritos no seu idioma, mais non se conservan. Si temos, en todo caso, documentos redactados nun latín corrompido, que incorpora formas xa galegas.

  • As mostras máis antigas do galego escrito conservadas son de finais do séc. XII e comezos do séc. XIII:

      • o Pacto dos irmãos Pais (1174?)
      • a Noticia de Fiadores (1175)
      • a cantiga satírica “Ora faz ost’o senhor de Navarra”, de Johán Soares de Paiva (1197≈1200)
      • a Noticia de Torto e o Testamento de Afonso II de Portugal (1214)
      •  O primeiro texto que se conserva en territorio galego é o Foro do bo burgo de Castro Caldelas (1228)
  • Nos séculos XIII, XIV e XV o galego (galego-portugués) foi substituíndo o latín na escrita ata converterse na lingua de uso común nos máis diversos ámbitos da sociedade galega (e portuguesa). Así, temos:
      • Documentos privados, como doazóns e testamentos.

      • Documentos públicos institucionais, como actas, edictos ou regulamentos de gremios.

      • Documentos xudiciais, como denuncias e sentenzas.

      • Documentos científico-didácticos, como o Livro de alveitaría.

      • Documentos historiográficos, como a Crónica Geral.

      • Documentos literarios.

2.2. Os séculos da plena normalidade

a) Monolingüismo social oral.

    • Durante 700 anos o galego será a lingua oral de todos os estamentos sociais en todos os contextos. Na escrita, como vimos, foi substituíndo progresivamente o latín. O castelán non ten presenza ningunha en Galiza ata a segunda metade do XIV, cando entra en usos institucionais puntuais.

    • Alén diso, o prestixio literario dá lugar ao seu emprego para a poesía noutros reinos. É a lingua de cultura por excelencia en gran parte da península ata, cando menos, finais do século XIII.

b) Ampliación de funcións.

    • Na función cultural o galego vai substituíndo paulatinamente o latín.

2.3. O comezo do proceso de minorización

a) A entrada do castelán como lingua de poder.

    • Máis alá da chegada desde a corte de Castela de documentos en castelán, esta lingua só terá presenza social en Galiza tras as derrotas da nobreza galega nas guerras de sucesión dos séculos XIV e XV. A entrada de aristocracia foránea, con intencións de dominio e cargos de goberno, xunto co seu séquito, suporá contar con incipientes focos de castelanización no ámbito formal.

    • Este proceso é máis relevante no XV, cando se produce unha importante substitución nobiliar e o reforzamento da maquinaria estatal. A imposición do castelán nas clases altas ha avanzar notoriamente. Aínda así, esta non será plena: aínda no s. XVI había nobreza, como a condesa de Altamira, que empregaba o galego para usos prestixiados e que se negaba a asinar documentos escritos noutra lingua.

b) Medidas uniformizadoras.

    • Os Reis Católicos impoñen múltiples medidas uniformizadoras para facer efectivo o sometemento e a colonización que iniciaron militarmente. Entre elas:

      • A partir de 1480 os escribáns públicos galegos han de ser examinados polo Real Consejo en Toledo, mudando os seus formularios polos casteláns.

      • Gran parte dos mosteiros de Galiza van pasar a depender doutros casteláns e mesmo se limita a presenza de frades galegos.

En infografía, aquí.

En modo presentación:

 

Complementos

O galego na Idade Media, do IES Rego da Trabe.

 

Actividades

1. Concreta as etapas ás que se refire Ferro Ruibal e sintetiza a situación da Igrexa en relación coa lingua.

2. Extrae conclusións a partir da seguinte táboa e da gráfica que a segue.

  • a) Táboa: documentos que se conservan no Arquivo da Catedral de Ourense nos anos indicados.
  • b) Gráfica: distribución das funcións lingüísticas na Idade Media en Galiza.

Texto de apoio:

A documentación de carácter privado é practicamente unánime no uso do galego nos séculos XIV e XV. Ademais, o galego foi utilizado polos organismos dos cidadáns libres (concellos, gremios, confrarías) e pola Igrexa (catedrais, igrexas, mosteiros). Por exemplo, a documentación dos concellos de Santiago, A Coruña, Betanzos, Pontevedra e Ourense está case totalmente redactada en galego nesa altura.

A regularización do emprego do galego [en substitución do latín] na institución eclesiática compostelá avanza durante a primeira metade do XIV. Así, a oficina arcebispal utiliza documentalmente o galego mesmo durante o mandato do francés Berenguel de Landoira. As actas dos sínodos diocesanos de Mondoñedo están total ou parcialmente en galego entre 1351 e 1448; as de Ourense entre 1340 e 1441; as de Santiago entre 1341 e 1439.

O proceso de castelanización comezará na cúpula nobiliar (arcebispo de Santiago, outros bispos, representantes do rei) e estenderase paseniñamente cara a abaixo na pirámide social, ao paso que marca a tendencia cada vez máis acentuada de outorgar os cargos importantes, anteriormente ocupados de forma maioritaria por individuos de orixe galega, a persoeiros da nobreza castelá ou de ámbito castelán. Temos unha proba moi ilustrativa no estudo da orixe nacional e das prácticas lingüísticas nos documentos dos arcebispos de Compostela na segunda metade do s. XIV e durante o s. XV, comparadas cos usos do Cabido catedralicio.

O primeiro documento dun arcebispo compostelán redactado en castelán corresponde a Suero Gómez de Toledo e está datado en 1362. Entre tanto, cónstanos que o cabido compostelán seguía empregando habitualmente o galego. Durante a prelatura dos dous seguintes arcebispos, galegos, a oficina arcebispal volveu ao uso do galego. Na primeira metade do s. XV, o arcebispo Lope de Mendoza, de orixe sevillana, colocou durante o seu prolongadísimo mandato (1400-1445) a lingua castelá nunha situación privilexiada cunha práctica unilingüe. En contraste, temos probas de que o común do clero empregaba maioritariamente o galego, nos sínodos, nas actas, nas sentenzas, nos testamentos, nos acordos, nos informes...

Así, durante a segunda metade do século XV a nobreza e o clero galegos comezarán a seguir a pauta que lles marca a nobreza e o alto clero casteláns empoleirados no cume dos poderes de Galicia, para se converter nun núcleo diglósico asimilado.

Henrique Monteagudo (adaptación e escolla)