Skip to Content

Ligazóns importantes

 Emails do profesorado           Horarios de atención a nais e pais                                               

2017/2018

Visita á Illa de San Simón

Continuando coas actividades do Plan Proxecta, o alumnado de 2º ESO, o 1 de xuño, visitou as Illas de San Simón e San Antón.

A poalla ameazaba con dificultar a nosa visita a San Simón, pero a medida que nos achegabamos á illa o sol apareceu para dar paso a un solleiro día no que puidemos coñecer a historia deste enclave da nosa vila e desfrutar da súa beleza.

Tras un paseo pola enseada, desembarcamos no peirao do Capitán e alí, ao lado da estatua en homenaxe aos trobadores da ría, comezou a nosa visita guiada. Durante aproximadamente unha hora, a guía descubriunos os distintos usos de San Simón ao longo da súa historia e organizou para nós unha divertida busca do tesouro (moedas de chocolate!). Para rematar, o alumnado dispuxo dunha hora para coñecer máis polo miúdo os diversos edificios e recunchos da illa, que os deixaron fascinados.

Sen dúbida, unha visita moi recomendable para saber máis da illa de San Simón e de Redondela.


















 

11 DE MAIO: 3º de ESO visita PADRÓN

 Malia non acompañar moito o tempo (ía frío e poallaba) a visita a Padrón resultou estupenda. A primeira parada foi na Casa da Matanza, na que Rosalía de Castro pasou os últimos anos da súa vida. O alumnado puido relacionar o que alí viu e escoitou co que está a aprender sobre esta autora na clase.

A segunda parada foi na Fundación Camilo José Cela, onde nos ofreceron un estupendo e interesantísimo percorrido didáctico pola vida e obra do autor de Iria Flavia C. José Cela no día no que se conmemoraba o 102 aniversario do seu nacemento.  O noso alumnado participou na ofrenda floral que se lle fixo ao escritor no cemiterio de Adina.

Ao chegarmos ao centro, o alumnado comentaba o satisfactoria que lle resultou esta saía. Daquela, de podermos, o ano que vén, repetirémola.

 

 

Proxecto SUBACID

Ao longo das últimas semanas, o alumnado de 2º de ESO do noso Instituto, completou a primeira etapa de colaboración co proxecto SUBACID, un proxecto financiado pola Unión Europea, na que participa a ONG Amigos da Terra, o Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC) de Vigo e o Trinity College de Dublin de Irlanda. Este proxecto estuda, por primeira vez, a descarga das aguas subterraneas na Ría de Vigo, identificando en primeiro lugar ditas descargas, e determinando o seu impacto na química e na bioloxía das aguas da nosa Ría e o alcance do fenómeno de acidificación  do medio mariño pola absorción do dióxido de carbono antropoxénico.

Así, coordenados polo investigador Severino Pino (foto 1) e coa colaboración dos departamentos de Física e Química e Ciencias Naturais do instituto, o alumnado de 2º de ESO tense adicado a participar no proxecto, colaborando na recollida de mostras de pozos e mananciais. Esta primeira fase, rematada nestes últimos días, obrigou a aprender como recoller unha mostra correctamente, e como determinar e identificar a posicion do lugar orixe de cada mostra (foto 2).

 

 
 Foto 1  Foto 2

                                   

Agora as mostras seran enviadas ao laboratorio da Universidade de Kiel na Alemaña, para a identificación de isotopos estabeis.

Estas mostras corresponden ao momento de maior carga de auga subterranea, pois coincide co final do período de chuva máis intenso.

Nos próximos meses de setembro e outubro, realizaran unha nova campaña de recollida de mostras nos mesmos pozos e mananciais, co obxectivo de contar tamén con mostras correspondentes ao final do período do ano con menor cantidade de precipitacións e polo tanto, mostras do momento de menor carga de auga subterranea. 

Ademais, como parte da súa formación, o alumnado realizou un conxunto de experiencias na aula, destinadas a comprender o funcionamento do medio oceanico e, particularmente, comprender como se produce o encontro entre a auga doce subterranea e a auga salgada do oceano. A esas actividades corresponden as imaxes.

 

 

 

 

 

Día das letras Galegas

Como todos os anos, aproxímase o Día das Letras Galegas. E, ao igual que en cursos anteriores, o noso centro quere rendirlle unha pequena homenaxe ao autor (autora, neste caso) ao que se lle adica o Día.

María Victoria Moreno é coñecida do Instituto, non só porque en diferentes cursos (e de novo este ano) o seu libro Anagnórise foi lido polo noso alumnado, senón porque no seu momento veu visitarnos para falarnos precisamente desa obra.

O Departamento de Educación Plástica e Visual encheu o vestíbulo con imaxes súas, recreacións levadas a cabo polos alumnos e alumnas, algunhas inspiradas en Warhol, outras actualizando a figura da escritora e reflectindo nos seus traballos como sería o aspecto desta muller moderna na actualidade.

Asemade, na Sala de lectura informal da Biblioteca pódese ver unha mostra de Ilustracións acompañadas de frases tiradas de diferentes libros de María Victoria Moreno.

Nos próximos días contaremos cunha exposición sobre da autora que o Concello leva polos distintos centros de ensino de Redondela.

 

 

 Preme na imaxe para ver mais:














 

Os Maios

 

Un ano máis chegou o Maio ao Mendiño. E este curso foi o alumnado de 3º de ESO quen traballou sobre do tema. Así o encargado de confeccionar o noso maio foi 3º de PMAR, mentres que os outros cursos deste nivel e algún 4º de ESO compuxeron coplas seguindo o esquema tradicional das mesmas.

Velaquí algunhas mostras das coplas creadas por algún alumnos e alumnas de 3º de ESO.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Arte lixo 2018

Un ano máis o “Arte Lixo” enche rúas e prazas de Redondela xunguindo de novo imaxinación, creatividade, respecto co medioambiente... O Lixo feito Arte!!!

Non só gozamos de obras “escultóricas” senón tamén de poesía, música, obradoiros, audiovisuais, etc. ; interesantísimas actividades que a “Arte Lixo” está a desenvolver nesta t

 

erceira semana de abril.

O noso centro non podía nin quería quedar fóra deste proxecto. Por iso queremos agora presentarvos este mural, realizado polo noso alumnado, que pretende reproducir un acuario con peixes e algas tiradas do lixo xerado no recreo pola comunidade educativa. Asemade, a literatura tamén estivo presente: os nosos rapaces e rapazas escribiron sobre algún obxecto que, malia ser vello e estar deteriorado, significou e significa aínda algo importante nas súas vidas.

Velaquí algunhas imaxes desta interesantísima iniciativa á que queremos animarvos a participar.

E, como non, felicitar a todas aquelas persoas que levan adiante proxectos artísticos como este e animalos a seguir celebrando ARTE LIXO moitas primaveras máis. Parabéns!!!

 

 

 

.

 

 

Encontro o profesor e investigador Francisco Dubert

 

Dentro das xornadas adicadas á lingua, tivemos a sorte de contarmos no noso centro co profesor e investigador Francisco Dubert quen, amais de impartir clase na Facultade de Filoloxía da USC, é tamén secretario do ILG e colaborador do Atlas Lingüístico Galego. Son tamén salientables as súas importantes achegas ao estudo da Dialectoloxía e da Morfoloxía Galega.

A súa interesante exposición versou sobre “Linguas en contacto” e nela, con simpáticas anécdotas intercaladas, soubo captar a atención dos rapaces e rapazas asistentes aos que explicou a situación plurilingüe no mundo e a situación concreta de linguas en contacto na nosa terra.

 

 

 

Encontro coa filóloga Rosario Álvarez

O venres, día 16 de marzo tivemos a honra de contarmos coa presenza dunha das principais figuras de referencia da Lingüística galega actual: Rosario Álvarez Blanco, académica, directora do ILG, profesora de Filoloxía Galega da USC, membro do Consello da Cultura Galega, integrante do equipo que elaborou o Atlas Lingüístico de Galicia, co-autora da Gramática Galega de referencia usada nas nosas aulas...

Na súa interesante conferencia cuxo título foi: “O patrimonio  Lingüístico. De quen é a lingua?, fixo reflexionar ao auditorio a respecto das relacións entre linguas diferentes que comparten unha mesma orixe. E asemade conseguiu que o alumnado reflexionase a respecto da súa responsabilidade na conservación do idioma.

   

 

 

Saída ao Teatro e ao Museo do Mar

Os Departamentos de Lingua e Literatura Castelá e Lingua e Literatura Galega organizaron unha saída didáctica para o alumnado de 1º de Bacharelato.

O venres, día 2 de marzo, asistiron, no cine Salesianos de Vigo, a unha fantástica adaptación teatral de cinco novelas exemplares de Cervantes. A través de dous personaxes: Alonso e Moncho viviron a historia de Rinconte y Cortadillo, de El licenciado Vidriera, de La ilustre fregona, de El casamiento engañoso e de El coloquio de los perros.

A mañá completouse cunha visita ao Museo do Mar de Vigo na que, ademais de gozar da fermosura paisaxística do lugar no que está ubicado, o alumnado puido pasear pola exposición permanente vencellada ao mar e, sobre todo, observar de preto o Pergamiño Vindel, tesouro literario que garda as sete cantigas de amigo de Martín Codax.

 

        

 

 

E celebramos o entroido

E de novo, celebramos o Entroido. Unha divertida festa na que non faltaron os disfraces, simpáticos e enxeñosos, algúns deles vencellados ao mar (en relación co Plan Proxecta), outros a personaxes famosos, a bebés, a pallasos...

Mesmo houbo una “performance” súper divertida.

Ademais, non faltou o célebre concurso de tortas e doces cuxos gañadores/-as este ano foron:

1º Premio: Iris Ricón

2º premio: Matías Rodríguez

3º Premio: Uxía Pazos

E dous accésits a Antía Blanco e Iría Domínguez.

Noraboa a todos eles.

E, como fin de festa, o cheiro a chourizos asados anegaba o patio exterior. As colas da xente agardando o tan arelado “chouripán” eran enormes.

Unha ginkana na que participou alumnado e profesorado. Xogos deportivos.  E Karaoke. Actividades que puxeron a pensar, a correr, a xogar e a cantar e bailar aos membros da comunidade educativa do Mendiño.

Preme en AS NOSAS FOTOS para ver algunhas fotos deste día.

 

 

Distribuir contenido

 

 

  

Avenida Mendiño, 40

36693 Cesantes(Redondela)

Tlf: 886110590

Fax:886110599

ies.mendino@edu.xunta.es 



by Dr. Radut