Xuño chega petando paseniño na porta. Mes de sardiñas, calor, praia, notas, selectividade representada no monstro da Coca… E con xuño chega tamén ese acto agridoce –como as cousas importantes da vida- que nos din que o tempo pasa e a aqueles mendiños que recibimos sendo nenos despedímolos agora como homes e mulleres prestos a comezar unha nova andaina docente.
O acto, celebrado o venres, 5, no Multiusos da Xunqueira, estivo –coma sempre- salpicado de emoción, dinamismo, sorrisos e mesmo algunha bágoa agochada, calada.
Os nosos mendiños e mendiñas impresionantemente guapos, regaron o acto cun discurso que deitaba intelixencia, simpatía e sensibilidade. Claudia, Alba, Adrián, Gonzalo e Rodrigo, alumnos e alumnas da materia de Música de 2º de Bacharelato, estupendamente preparados pola súa profesora Josefa, agasalláronnos con tres fermosas pezas musicais. E Ainoa, Martín e Lucas, alumnos de 1º de ESO, marabillosamente preparados pola súa profesora de Lingua castelá Catalina sorprenderon ao auditorio co recitado dun fermoso poema de Pablo Neruda. A xeración máis nova despedindo a xeración máis vella do Mendiño.
Vaian desde estas páxinas, e desde o noso corazón, os mellores desexos para estes rapaces e rapazas.