Ligazóns importantes
Visita á Illa de San Simón
Continuando coas actividades do Plan Proxecta, o alumnado de 2º ESO, o 1 de xuño, visitou as Illas de San Simón e San Antón.
A poalla ameazaba con dificultar a nosa visita a San Simón, pero a medida que nos achegabamos á illa o sol apareceu para dar paso a un solleiro día no que puidemos coñecer a historia deste enclave da nosa vila e desfrutar da súa beleza.
Tras un paseo pola enseada, desembarcamos no peirao do Capitán e alí, ao lado da estatua en homenaxe aos trobadores da ría, comezou a nosa visita guiada. Durante aproximadamente unha hora, a guía descubriunos os distintos usos de San Simón ao longo da súa historia e organizou para nós unha divertida busca do tesouro (moedas de chocolate!). Para rematar, o alumnado dispuxo dunha hora para coñecer máis polo miúdo os diversos edificios e recunchos da illa, que os deixaron fascinados.
Sen dúbida, unha visita moi recomendable para saber máis da illa de San Simón e de Redondela.