O venres, 3 de outubro, o Departamento de Ciencias Naturais do noso centro organizou unha interesantísima actividade dirixida a todo o noso alumnado de 1º e 2º de Bacharelato..
Tratábase dunha CONFERECIA-PROXECCIÓN-COLOQUIO que, baixo o título, “OURO IMPURO: A LOITA POR CORCOESTO” trataba de concienciar aos rapaces e rapazas sobre do problemática mineira.
A conferencia comezou cunha aproximación á historia natural da Costa da Morte coruñesa. Seguiu co ouro antigo en Galicia, as primeiras explotacións de ouro a gran escala para logo, vencellado a isto, pasar ás grandes migracións do século XIX en Norteamérica. Continuou explicando o concepto de minaría artesanal e o interese actual polo ouro para, seguidamente, se centrar no concepto de megaminería e en como esta febre do ouro chega a Galicia. Finalmente, analizou o proxecto mineiro en Corcoesto.
A charla foi acompañada dunha proxección documental. Ao final, primeiramente incitados polo conferenciante, pero despois de xeito totalmente espontáneo, abriuse un turno de preguntas e opinións sobre o tratado no que o noso alumnado preguntou dúbidas e achegou interesantes opinións.
Os nosos parabéns e o noso agradecemento a D. Emilio Varela, xornalista especializado en temas ambientais e gran comunicador, e ao Departamento de Ciencias por ofrecernos a posibilidade de estarmos informados do que sucede ao noso redor e de sementar en nós unha conciencia crítica da que, nos tempos que corren, tan necesitados estamos.