Skip to Content

Ligazóns importantes

 Emails do profesorado           Horarios de atención a nais e pais                                               

2012/2013

Charla de Andrea Maceiras

A tarde do luns 15 de abril achegouse ao noso centro a escritora Andrea Maceiras para ter unha charla-coloquio co noso alumnado de 2º de ESO que lera a súa novela Violeta Tamurana. Foi presentada por Claudia Roza e Rocío Toucedo, alumnas de 2º de ESO que superaron  a súa timidez para nos deleitar a todos cunha breve e simpática presentación da autora e da súa obra. Deseguido, outras dúas alumnas Aldara García e Uxía Martínez leron fermosamente a “morte dunha tamura”. Alumnado e profesorado sentímonos orgullosos da  participación no acto destas rapazas. A todo isto queremos dicirvos que a autora quedou encantada.  E nós tamén ficamos moi contentas coa súa charla: clara, sinxela, interesante, pedagóxica… en definitiva, os noso parabéns para Andrea Maceiras, non só como escritora senón tamén como oradora e como persoa: talento, humildade e simpatía semellan ser  algúns dos seus atributos.

 

Charla de Xabier Quintiá

O xoves, 11 de abril, estivo no noso centro Xabier Quintiá, autor do libro Ke-Tuma Ke-tamba que leron os nosos rapaces e rapazas de 1º de ESO neste curso. A través da  lectura deste simpático libro, foron quen de aprenderen outros valores como a amizade, a superación perante da adversidade, a solidariedade…

 Logo da lectura do libro, ceibaron a súa imaxinación e puxeron en marcha a súa creatividade: maquetas realizadas en plastilina ou con cartón e papel, pequenos libriños feitos por eles coa súa opinión ao respecto do libro… Tratábase de aprender, gozar e compartir cos demais. E velaquí algunha proba que demostras que non mentimos

Visita a centros que imparten ciclos formativos

O Departamento de Orientación organizou dúas saídas para que o alumnado de 4º de ESO, que agora remata a súa etapa de formación obrigatoria no noso instituto, tome contacto con centros nos que se imparten ciclos formativos.

A primeira visita foi realizada o venres 12 de abril aos centros do Meixoeiro, e a segunda o mércores 17 de abril ao Instituto Politécnico de Vigo e ao Instituto de Chapela.

Foi unha actividade moi interesante e produtiva xa que algún dos nosos rapaces e rapazas van cursar algún dos ciclos formativos que coñeceron.

 

 

8 de marzo: Día da muller traballadora

Desde o día 8 de marzo, estamos a disfrutar na Cafetería do noso centro dunha interesante e atractiva exposición sobre diversas mulleres que destacaron en diversos eidos ao longo da historia: políticas, literatas, mestras, artistas...

A exposición foi posible grazas ao traballo do alumnado de relixión, capitaneado pola súa profesora Almudena. Esta actividade foi complementada noutras materias como Lingua castelá e lingua galega, nas que os rapaces e rapazas realizaron diferentes traballos co gallo deste día.

 
   

Visita ao Museo de Pontevedra

7 de marzo: mañá poallenta. O alumnado de 2º ESO agarda impaciente subir ao autobús que os levará ata Pontevedra onde visitarán o Museo.

Traballaron previamente na clase a importancia dos museos como centros conservadores de cultura aberta a todo o mundo. Estudaron a figura de Casto Sampedro y Folgar, ilustre redondelán (a quen neste pasado ano 2012 foi homenaxeado polo Concello de Redondela) impulsor e fundador do Museo de Pontevedra.

A poalla de primeiras horas da mañá acabou converténdose nunha bategada que, non obstante, non impediu que o alumnado aproveitase esa saída tanto dende o punto de vista cultural como lúdico

Velaquí unha foto que confirma o que dicimos.

 

 

Charla: Persuasión publicitaria

O día 1 de marzo estivo connosco, para impartir ao alumnado de 4º ESO unha interesente e divertida charla sobre persuasión publicitaria, Marisa del Río, doutora en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Santiago de Compostela, onde traballa actualmente como profesora de Comercialización e Investigación de Mercados. Conseguiu que o alumnado reflexionase pertane desa publicidade que nos entra polos ollos a todas as horas e case ser nos decatarmos.

Visita á Cidade da Cultura: Exposición "Galaeccia Pétrea"

O xoves, 28 de febreiro, o alumnado de 2º, 3º e 4º de ESO de Relixión Católica visitou a Cidade da Cultura no Monte Gaiás e tivo a oportunidade de coñecer unha interesante exposición titulada "Galaeccia Pétrea" na que fixeron un percorrido a través do tempo, desde as épocas preromanas deica a actualidade.

Os nosos rapaces e rapazas quedaron impresionados non só pola exposición senon tamén polo emprazamento e pola grandiosidade dos edificios e espazos exteriores que xunguen ese complexo arquitectónico edificado no Monte Gaiás.

Arquitectura Moderna e Historia nunha mesma viaxe.

   
   

Visita a Facultades da USC

O xoves, 21 de febreiro, o alumnado de 1º e 2º de bacharelato participou nos encontros organizados desde a Universidade de Santiago de Compostela dentro do marco "A Ponte entre o ensino medio e a USC". Os alumnos e alumnas visitaron a Facultade na que pensan realizar os seus estudos universitarios. Comeron na Residencia "Monte da Condesa" e, pola tarde, fixeron un percorrido polo casco histórico da cidade.

Os nosos parabéns aos organizadores pois foi esta unha actividade moi interesante e fructífera.

Charla informativa a acreditación de idiomas na USC

O mércores 20 de febreiro estivo no noso Instituto a profesora Inmaculada Mas Álvarez, profesora da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela para falarlles ao noso alumnado de 1º e 2º de bacharelato da necesidade de ter acreditado un idioma para dar acadado unha titulación universitaria.

 

Entroido 2013

Chegou por fin o tan desexado entroido. Non faltou de nada: concurso de doces propios desta época, as finais de futbol sala do noso campionato celebrado dende principio de curso, o concurso de disfraces e o tradicional karaoke. O cartel anunciador deste festexo este ano ía acompañado dun fermoso arlequín elaborado polo alumno Nicolás Álvarez (coma sempre) e o por Euxenio (coma sempre tamén).

Alumnado e profesorado gozaron enormemente desta celebración tradicional. Ollade as fotos no apartado "AS NOSAS FOTOS".

Distribuir contenido

 

 

  

Avenida Mendiño, 40

36693 Cesantes(Redondela)

Tlf: 886110590

Fax:886110599

ies.mendino@edu.xunta.es 



by Dr. Radut