O IES Maximino Romero de Lema ven de presentar o proxecto “Namórate do rural” que ten coma finalidade recuperar o patrimonio inmaterial da zona da Costa da Morte e que se levou a cabo grazas á participación de toda a Comunidade Educativa do noso IES.
“Namórate do rural” é un proxecto vivo enviado aos premios de proxectos educativos “Somos rurais”, convocado pola Confederación de ANPAS GALEGAS e foi presentado o pasado 11 de xuño no auditorio do IES Concepción Arenal de Ferrol, onde se fixo entrega dos diplomas acreditativos da participación no evento a todos os institutos e coles participantes.
O proxecto implica a toda comunidade educativa: alumnado da educación secundaria obrigatoria, formación profesional e primaria. Contouse coa participación do profesorado de distintos departamentos, así coma as familias do alumnado (pais, nais, avós e avoas, irmáns), e tamén de persoal non docente do centro, coma o noso Conserxe Manuel que nos narrou unha historia sobre a Illa da Estrela en Corme-Aldea.
Con este proxecto quixemos espertar o espírito investigador do noso alumnado, que recuperou e colectou lendas, contos, refráns, historias, ditos populares, romarías e outros elementos da tradición oral da zona, que conforman o patrimonio inmaterial das comarcas de Bergantiños e Soneira, creando repositorios audiovisuais que se poden ver no blog que os profesores Fina Paulos e Óscar Rey crearon “maxi.iesmaximinoromerodelema.gal/wp” coa axuda de alumnado de 2º de Ciclo Medio.
As novas tecnoloxías, no caso destes dous profesores o uso de aplicacións de Intelixencia Artificial, así coma de software vario para a edición audivisual e a súa publicación na rede, teñen un papel relevante no proxecto, xustificando o seu uso a grande capacidade de difusión que ofrecen e tamén as opcións de creatividade para a elaboración das diferentes pezas audivisuais.
Fomentouse o traballo colaborativo do alumnado, familias e profesorado. A coordinación recaeu sobre estes dous profesores de FP da rama de Informática (Fina Paulos e Óscar Rey) o que permitiu fornecer de recursos ós participantes para poder utilizar tecnoloxías ó servizo da preservación do patrimonio inmaterial, pero tamén hai que agradecer a colaboración doutros profesores que se encargaron de recopilar historias co seu alumnado e tamén de narralas.
Outra das cousas que destacamos de “Namórate do rural” foi o seu papel transversal entre xeracións implicando a distintos rangos de idade, así temos a avós e avóas contando historias ou un refrán, a nais/pais cantando ou recitando un dito ou canción, sen olvidarnos dunha irmá que nos explica unha romaría... , trátase dun proxecto que debería ser extensible a outros centros educativos polo valor que ten na recollida da tradición oral na zona rural, en verdadeiro risco de perderse.
Mantivéronse reunións de coordinación previas para captar o gran número de participantes cos que conta «Namórate do rural» e distribuir o traballo e tarefas que cada un tiña que facer dentro do proxecto.
Fina e Óscar queren agradecer á Directiva do Centro toda a axuda e colaboración, unha vez máis, para poder levar a cabo este proxecto así coma as xestións que fixeron para que se puidera presentar.
O noso proxecto combina novas tecnoloxías de vangarda como a Intelixencia Artificial, sumadas a outras coma aplicacións de xeolocalización para situar nun mapa da zona as diferentes pezas recollidas polo alumnado (pezas que foron interpretadas por avós, nais...), ou unha plataforma para subir os audios, e finalmente xuntar todo nun blogue que recolle a nosa tradición oral.
Este traballo pode verse no blog do proxecto:
·
https://maxi.iesmaximinoromerodelema.gal/wp/
O profesorado quere continuar con este proxecto para o vindeiro curso, xa que considera que no rural inda hai moitas cousas por descubrir, hai moi tradición oral que non debe perderse e que os xóvenes deben aprender para coñecer e valorar as súas orixes, para apreciar o noso entorno rural.
No evento foi presentado o vídeo promocional do proxecto que podedes consultar:
·
A memoria técnica do proxecto foi publicada para a súa posta en coñecemento da comunidade educativa galega e que poida ser utilizada como exemplo de implantación de todas estas ferramentas noutros lugares de Galicia. Pode consultarse aquí:
·
https://somosrural.anpasgalegas.gal/wp-content/uploads/2024/04/04-NamorateRural_memoria.pdf
Ó acto acudiu o profesorado coordinador: Fina Paulos Lareo e Óscar Rey Calo, xunto con unha das persoas participantes no proxecto Irene Fernández Paulos, como exemplo do alcance que tivo o proxecto na participación da comunidade educativa e das familias.
Agradecemos o convite feito pola Confederación de Anpas Galegas, á cal animamos a seguir creando este tipo de iniciativas que nos permiten ás comunidades educativas difundir as nosas iniciativas e proxectos singulares.