FacebookSíguenos en YouTube

APRENDEMOS A TRAVÉS DO SURF

Na tarde de onte comezamos a Semana Cultural e, en 1º ESO iniciámola ao grande, cunha charla teórico-práctica sobre o surf que nos deu Gabriel, xerente de Ubuntilife en Camariñas, como preparación para a hora da verdade que tería lugar ao día seguinte. Durante a charla puxo en valor as praias da Costa da Morte, que compiten en idoneidade coas máis famosas praias australianas. De pé simulamos o comportamento das ondas do mar e as correntes, familiarizámonos co material de surfeo e practicamos os movementos de corpo sobre a táboa de surf, enriba de patinetes e incluso sobre táboas e rolos de equilibrio de madeira. 

Hoxe desprazámonos á praia de Arou para seguir no mar o proceso de iniciación ao surf. Despois de poñer o traxe de neopreno, comezamos cunhas reflexións grupais en relación ao mar e á importancia de gozar del respectándoo e implicándonos no seu coidado, e aproveitamos para entrar en calor facendo unha limpeza do lixo que había na area. Despois de varios xogos máis para quecer ben, empezamos a familiarizarnos coas táboas de surf sobre a area para a continuación meternos na auga e poñer en práctica todo o aprendido, navegando polas ondas seguindo as instrucións dos encantadores monitores que nos acompañaron. Foi unha actividade moi divertida e pasámolo moi ben, tanto que xa estamos desexando que chegue o verán para seguir aprendendo, e a próxima Semana Cultural para repetir isto!!