O IES Martaguisela adiantou a celebración do Día Internacional do Orgullo LGTBIAQ+, para o venres, día 16, xa que o 28 a rapazada estará gozando das súas vacacións, ademais de conmemorar o día contra a LGTBIfobia que foi o 17 de maio. Esta efeméride pretende reivindicar os dereitos do colectivo LGTBI e sobre todo visibilizar e normalizar a diversidade afectivo sexual e de xénero que existe no noso centro.
Dende a Asemblea de Igualdade que se reuniu ao longo do curso escolar todos os xoves durante os recreos, como unha das actividades do Plan Proxecta Por 365 días de respecto e igualdade, elaboraron un manifesto ao que lle deron lectura as alumnas de 4º ESO Natalia Teresa Brasa Díaz e María Carrillo de la Fuente.
Como non podía ser doutro xeito, a lectura tivo lugar diante do castiñeiro coas pegadas de cores que decorou o alumnado do Bacharelato de Artes.
“O que reclamamos, ante todo, é un dereito a ser. Un dereito fundamental a ser nós mesmas. Un dereito a poder desenvolver a nosa vida con liberdade, sen que ninguén nos dane por expresar e vivir a nosa identidade. Un dereito a autodeterminarnos coa plena liberdade de quen fai algo que non perxudica a ninguén”
Natalia Brasa e María Carrillo
Actividades coma esta, son moi necesarias porque os datos revelan que o ano 2022 foi o máis violento na última década para o colectivo LGTBIQA+ como consecuencia do aumento dos discursos de odio que fomentaron as agresións e as violencias en todas as súas formas, alén de estaren amparadas pola lexislación vixente, tal como se recolle na Orde de 20 de maio de 2022 de calendario escolar “De conformidade co establecido no artigo 26.2 da Lei 2/2014, do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia, para favorecer a visibilidade e integrar de forma transversal a diversidade afectivo-sexual, os centros docentes sostidos con fondos públicos realizarán actividades específicas próximas ás datas de celebracións internacionais relacionadas co recoñecemento efectivo do dereito destas persoas”.
Deixámosvos máis fotografías da xornada e o manifesto completo.