Saltar navegación.
Inicio

Premios extraordinarios da ESO. Curso 2021-2022

A Consellería de Educación ven de publicar esta semana a Orde do 23 de maio de 2022, pola que se convocan os premios extraordinarios da ESO ao rendemento académico, correspondentes ao curso 2021/2022. A finalidade dos mesmos é recoñecer e valorar os méritos excepcionais baseados no esforzo e no traballo do alumnado que cursou a etapa cun excelente resultado académico en Galicia. 

 

Requisitos: 

  • Ter cursado 4º de ESO no curso 2021/2022 no réxime ordinario en Galicia. 
  • Estar proposto polo equipo docente para a expedición do título de ESO.
  • Obter unha media igual ou superior a 9 puntos (media de todas as materias dos catro cursos de ESO). A nota media calcularase de acordo co establecido na disposición adicional quinta do Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de de Galicia.

Prazo de presentación de solicitudes:

do 31 de maio ao 30 de xuño de 2022 

Procedemento para a solicitude:

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo 1) dispoñible na aplicación informática Premios Edu (https://www.edu.xunta.gal/premiosedu/), accesible dende a sede electrónica.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Alumnado con necesidades educativas especiais:

O alumnado con necesidades educativas especiais poderá solicitar adaptación da proba achegando a documentación que acredite tal condición

Consulta do listado de alumnado admitido na proba:

A relación de alumnado admitido e excluído e as puntuacións obtidas polas persoas candidatas publicaranse no portal educativo https://www.edu.xunta.gal e na páxina de inicio da aplicación https://www.edu.xunta.gal/premiosedu.

Poderase solicitar información no enderezo de correo electrónico premios@edu.xunta.gal

Realización da proba para a obtención do premio:

A proba estrutúrase en dúas partes. Cada parte da proba desenvolverase nun tempo máximo de dúas horas. Partes da proba:

 a) A primeira parte constará de diversas cuestións referidas ás seguintes materias de 4º curso: Lingua Galega e Literatura, Lingua Castelá e Literatura e primeira lingua estranxeira, agás no caso de alumnado con exención en lingua galega e literatura, que quedará exento da realización da correspondente parte da proba, sempre e cando a dita exención se acredite documentalmente.

 
b) Na segunda parte o alumnado dará resposta a diversas cuestións das seguintes materias de 4º curso:

  •  Xeografía e Historia. 
  • Unha materia xeral do bloque de materias troncais cursada polo alumnado: Matemáticas Orientadas ás Ensinanzas Académicas ou Matemáticas Orientadas ás Ensinanzas Aplicadas. 
  • Unha materia para escoller de entre as materias de opción do bloque de materias troncais cursada polo alumnado: Bioloxía e Xeoloxía, Economía, Física e Química, Latín, Ciencias Aplicadas á Actividade Profesional, Iniciación á Actividade Emprendedora e Empresarial, ou Tecnoloxía.

Data de realización da proba:

A realización da proba terá lugar o día 6 de setembro de 2022 e realizarase nos lugares e no horario que se darán a coñecer mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade (https:// www.edu.xunta.gal)

Número e características dos premios:

Concederanse un máximo de 20 premios de 1000 euros como máximo cada un. Ademais o alumnado poderá optar aos premios nacionais de ESO.