Circe ou o pracer do azul / Morgana en Esmelle
Unha das propostas de lectura das maletas de igualdade e "Circe ou o pracer do azul", non achegaron "Morgana en Esmelle" pero poredes atopala na biblio.
Begoña Caamaño (1964 - 2014) muda o xénero dos versos de Bertol Brecht: "Hai Mulleres que loitan un día e son boas. Hai outras que loitan un ano e son mellores. Hainas que loitan moitos anos, e son moi boas. Pero hainas que loitan toda a vida: esas son as imprescindibles". Ao longo da súa curtísima existencia Caamaño pelexou activamente como xornalista a prol da igualdade da muller, do aborto, da insubmisión e mesmo foi unha das voces máis significadas do movemento "Nunca máis" na catástrofe do Prestige.
Como escritora deixou dúas novelas que amosan a afouteza desta guerreira e a delicadeza que transmite na súa escritura sen perder a perspectiva do seu apaixoado compromiso feminista. "Circe ou o pracer do azul" (2009) é a recreación dunha relación epistolar entre Penélope e Circe, esposa e amante do heroe Ulises, para amosarnos o paradigma da sororiedade, un conto fermoso narrado cun galego exquisito que resulta enfeitizante.
En "Morgana en Esmelle" (2012) volta a recurrir á fantasía nun relato no que desmitifica o protagonismo dos homes (Merlín e o Roi Artur) a prol do rol das mulleres na construción simbólica da realidade máxica que xa fora reinventada por Cunqueiro. Por ista obra fóronlle concedidos varios premios, entre eles o da Crítica Narrativa, aínda que para o meu gusto Circe non lle ten nada que envexar.