Un día de cine
O pasado venres 22 de abril, os alumnos e alumnas de Bacharelato compartimos unha interesantísima charla con tres cineastas galegos de primeira liña:
Jorge Coira, recente Premio Goya 2016 á mellor montaxe por El desconocido, director de largometraxes como El año de la garrapata ou 18 comidas e de series tan coñecidas como Padre Casares, Terra de Miranda, Luci, El comisario ou Pelotas.
Araceli Gonda, guionista de series como Luci (da que é coautora), Terra de Miranda, Padre Casares, A vida por diante ou Pazo de familia. Colaborou no guión de 18 comidas, película que recibíu 7 premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual, incluído precisamente o de mellor guión.
Pepe Coira, que foi crítico cinematográfico e director do Centro Galego de Artes da Imaxe, profesor na Escola de Imaxe e Son e na Universidade da Coruña, guionista de programas de televisión como Extramuros ou Luces da cidade e Xefe de Desenvolvemento e Productor Executivo de Filmax TV.
Contáronnos como se crea unha largometraxe ou unha serie dende a idea xerminal que ten o guionista: a elaboración do guión, a preprodución, a rodaxe, a montaxe e toda a postprodución... Fixéronnos partícipes do seu amor polo cine, de cómo moitas veces o máis importante dun guión non son os diálogos, de como se descubren preciosos detalles cando se revisiona unha película...
Pasamos un rato fantástico escoitándoos e descubríronnos a súa profesión. Foron especialmente cercanos e familiares connosco... bueno, para algún alumno isto non é novidade ;)
Grazas por vir aos tres.