Este módulo profesional contén a formación necesaria para que o alumnado adquira as habilidades sociais necesarias para desenvolver unha profesión de axuda e interactuar adecuadamente nas súas relacións profesionais con outras persoas, adaptando o seu comportamento ás características destas e ao contexto. Trátase dun módulo nomeadamente procedemental e actitudinal, no que se lles dá resposta ás funcións de intervención, e de execución e avaliación da competencia social do persoal profesional, tanto no relativo ás relacións interpersoais como para a dinamización de grupos ou a participación neles, desempeñando diferentes papeis. Así mesmo, pretende dar resposta á función de xestión de conflitos.