A “utilidade” é o argumento dos que defenden o uso do castelán como lingua transversal para o ensino
Mentres vixían os cativos, no parque do Aguillón, na Rúa de Valdeorras, un grupo de nais non perde a ocasión de posicionarse sobre o debate suscitado por “políticos dun e doutro lado”, porque aseguran sen fisuras: “Aquí nunca houbo problema ningún, e cada un puido falar no que quixo sempre”. Instalada a polémica, as súas conclusións están mediatizadas pola utilidade e polo desexo de facer prosperar aos seus fillos.
Cal é a lingua propia?, Para que serve o galego? Estas cuestións merecen, ao seu parecer, revisión de calquera postura ideolóxica e sentimental. Josefa Calero, veciña da Rúa pero catalá por nacemento, asegura: “A min paréceme que estades a ter o mesmo debate ca nós hai vinte e cinco anos, a lingua propia de Cataluña é o catalá, a lingua propia de Galicia é o galego, pois os nenos teñen que estudar en galego”. Josefa pon de exemplo á súa filla: “Ela fala castelán, galego e catalá, sen ningún problema...”. As amigas do parque obsérvana e conclúen: “Xa sabiamos o que ías dicir”. Pero outra das alí presentes, Conchi, retoma o debate para pronunciarse a prol do ensino en galego. “Na casa falamos en galego, coa nena falamos en galego e ela sabe castelán e galego”. Esta muller de 32 anos quere “que a súa filla estude” e prefire “o galego para a escola porque é a lingua de aquí”.
Ana Belén Pérez Arias é aínda nova, e lembra que ela xa estudou galego. Di que non lle gusta que todo se dea nesta lingua pero agora “que os nenos están axeitados, volver cara atrás non ten sentido ningún”. A esta nai valdeorresa parécelle que os pais non foron consultados en temas coma o da implantación da LOGSE, que para ela é moito máis importante.
As amigas rinse e míranse con complicidade. Falta por intervir Castora. A súa filla ten 11 anos e está rematando quinto curso de Primaria. Castora faise coa palabra: “Mira, agora están dando as matemáticas en galego e eu creo que certas cousas deben impartirse en castelán porque é máis fácil”. Da mesma opinión é o dono da farmacia da vila. Ignacio Fernández di: “Menos mal que van a hacer la encuesta, el niño tiene graves problemas con las matemáticas en gallego”.
Moi cerca da Rúa de Valdeorras está o Barco, cabeceira da comarca louxeira. Aquí as opinións tamén se dividen e a “utilidade” é o argumento das que defenden o castelán como lingua transversal no ensino. Unha das mulleres sentada nun dos bancos do parque do Malecón intervén para asegurar: “O meu fillo traballa en Bruxelas, non para, de alí para aquí, e de que lle serve o galego?”, pregúntase. Un matrimonio de Celanova, residente no Barco, cre que hai que estudar lingua pero “todas as materias é unha esaxeración porque os nenos teñen que saber falar castelán”. As ideas sobre a necesidade de saber castelán por necesidade esténdense até por aldeas coma Vilanova. O taberneiro do Café Bar “Las Vegas” di que a súa filla ten que saber falar en castelán porque “en galego a onde vai?”. E no bar non falta quen interveña para deixar claro que o galego é útil. Un dos homes di: “Eu necesito o galego para traballar nas brigadas contra o lume porque o pide a Xunta” pero o taberneiro remata “teñen que aprender ben castelán, o galego xa se fala na casa”.
O galego dun dominicano
En medio da polémica é a quenda dos inmigrantes que traballan na louxa. Un dominicano que leva 15 anos e ten tres fillos teno claro: “A lingua de aquí é o galego, pois terán que aprendela”, mentres o seu fillo, de raza negra, afirma ser un fiel seguidor do Xabarín da Galega e intercambia o galego e o castelán con fluidez.
Namentres agardan a chegada das enquisas da consellería, contrapoñen argumentos nun debate onde o elemento ideolóxico tamén se mestura co lingüístico. Porén, aseveran con rotundidade:“O castelán non está en perigo, o galego tampouco e en Galicia estamos en paz e ninguén se mete con ninguén fáleche o que che fale”.
Podes ler o artigo no xornal premendo no enlace
http://www.xornal.com/artigo/2009/06/14/polItica/pais-valdeorras-aqui-nunca-houbo-conflito-cada-fala-�no-quere/200906140106108930.html
Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer