Profesorado

Alumnado

Xornadas divulgativas “As Charcas como recurso educativo”

 

O proxecto Refuxios continúa no IES Lagoa de Antela coa organización dunhas xornadas divulgativas centradas nos pequenos humidais : “As charcas como Recurso Educativo”.

 

Estas xornadas son unha das actuacións programadas dentro do proxecto Refuxios promovido pola iniciativa europea ProBleu  https://probleu.school/. Celebraranse no IES Lagoa de Antela durante o sábado 1 de xuño, e participarán diferentes centros de toda Galiza e a Sociedade de Ciencias Aranzadi (https://www.aranzadi.eus/)

 

Durante o encontro as charcas serán o eixo central, centrando as xornadas no seu importante papel como recurso educativo. Para comezar presentarase a iniciativa ProBleu ás persoas asistentes, á seguir o doutor en bioloxía Carlos Cabido da sociedade de ciencias de Aranzadi presentará a ponencia: O valor das lagas e pequenos humidais para a conservación e a educación ambiental. Máis tarde o biólogo Ion Garin, falará do da Rede de charcas en escolas que Aranzadi coordina en Euskadi e Navarra (https://www.aranzadi.eus/urmaelaeskolan). Haberá espazo para falar da ambientalización de patios da man do IES de Brión, e remataremos a xornada de mañá con visita e inspección á charca do IES de Antioquía. 

 

Pola tarde haberá tempo para que os centros participantes presenten as charcas que posúen nos seus espazos educativos, e por último coordinarase unha publicación sobre este recurso. A xornada rematará cunha visita ao espazo recuperado en Vilar de Gomareite, na antiga Lagoa de Antela. A visita será guiada pola Sociedade Galega de Historia Natural e poderemos observar a biodiverisdade asociada ás zonas húmidas. 

 

Estas xornadas son gratuítas e para participar é necesaria a inscrición. Máis información en lpr.bioxeo@gmail.com    

 

Probleu é un programa europeo coordinado polo CSIC https://www.csic.es/es  e o Institut de Ciències del Mar https://icm.csic.es/es . Ten como obxectivo impulsar a alfabetización hídrica, un novo concepto que fai fincapé na importancia da educación ambiental ligada á auga como eixo transversal na educación formal. Para facelo, este programa da apoio a unha rede de Escolas Azuis da cal o IES Lagoa de Antela forma parte.