Saltar navegación.
Inicio

A visita de Iván Olmos Ferreiro

Os alumnos e alumnas do IES García Barbón recibiron a visita de Iván Olmos Ferreiro, subcampión mundial de discursos e segundo mellor orador do mundo en español, quen lles impartiu varios talleres de oratoria e retórica para melloraren a súa habilidade para falar en público. Realizáronse un total de 5 talleres: dous para as aulas de 1º de Bacharelato e outros 3 para os alumnos dos ciclos medio e superior de FP en Administración e Finanzas.

Nos talleres, os rapaces puideron adquirir coñecementos sobre as diferentes ferramentas que podemos empregar para aumentar a nosa capacidade de persuasión cando falamos en público, así como estudar as distintas canles de comunicación non verbal existentes e iniciarse no mundo da argumentación e da lóxica para construír argumentos de forma coherente e eficaz. Todos eles realizaron diferentes dinámicas prácticas, adaptadas a cadanseu nivel, para poñer en práctica os coñecementos adquiridos durante o taller.

As chamadas habilidades brandas e, entre elas, a oratoria teñen enorme importancia para fortalecer o desenvolvemento académico e profesional das persoas. É por isto que IES García Barbón levou a práctica destas habilidades e a adquisición de conceptos teóricos sobre a mesma a este rapaces de Verín, para que poidan aplicalas na súa vida cotiá e laboral.

Iván Olmos Ferreiro é un limián de 23 anos con varios anos de experiencia como formador en técnicas profesionais de oratoria, debate e negociación. Graduado en Comunicación Audiovisual e con mestrado en Adminsitración e Dirección de Empresas, traballa como formador e consultor para diversas empresas e institucións.