O MONTE VIVO 23-24
Aperçu des sections
-
O noso instituto está inmerso na natureza, o río Cabe pasa por detrás do centro e estamos rodeados de monte. O centro está ubicado nun entorno semirrural no que a relación co medio é estreita. Por outra banda, os principais problemas ós que nos enfrontamos son a deforestación e, principalmente, os incendios forestais, una verdadeira lacra para a nosa sociedade.
Ano tras ano ó chegar a primavera véñense producindo na comarca de Lemos numerosos incendios forestais, a maioría deles provocados. Algúns son intencionados e outros causados por neglixencias nos traballos agrícolas e forestais. Pensamos que é importante concienciar ó noso alumnado e ás súas familias da importancia do coidado dos nosos montes e da prevención de incendios, con prácticas saudables que eviten poñer en situación de risco a nosa diversidade forestal e paisaxística, sobre todo neste curso posto que nestes últimos veráns déronse varios casos de incendios de sexta xeración co resultado de miles de hectáreas queimadas en Galicia e particularmente na nosa contorna. Esta sensibilización farémola extensible a toda a cidadanía aproveitando un blog que foi creado en anos anteriores , no que publicaremos datos sobre a prevención e extinción de incendios, factores de risco, e o que hai que facer cando vemos iniciar un incendio forestal.
-
1. Concienciar ó alumnado da importancia do monte como recurso natural ecolóxico, económico e de lecer.
2. Recoñecer os diferentes compoñentes do ecosistema monte, a súa importancia e relacións.
3. Recoñecer o poder destrutivo, non só ecolóxico, senón tamén social e económico dos incendios forestais.
4. Enriquecer os seus coñecementos coas especies forestais máis representativas da zona.
5. Motivar ó alumnado cun proxecto actual, innovador, integrador e aberto a toda a comunidade educativa, que o axudará a formar como cidadán responsable e a compartir estas aprendizaxes con outros nenos e adultos.
6. Apreciar a importancia dos valores básicos que rexen a vida e a convivencia humana, e obrar decorrido con eles, actuando con responsabilidade
7. Promover a conciencia do respecto polos nosos montes e valorar o que supoñen para a nosa cultura e a nosa economía.
8. Sensibilizar ós cidadáns en xeral e ó noso alumnado en particular sobre a importancia do coidado dos montes e da súa protección, como riqueza cultural e paisaxística, para as nosas comarcas.
9. Coñecer e compartir as principais causas de incendios forestais producidos en Galicia, facendo fincapé nas nosas comarcas.
10. Concienciar ás comunidades educativas participantes da posible prevención destes lumes dando a coñecer as condutas de risco e explicando como evitalas.
11. Colaborar na planificación e realización de actividades en grupo; aceptar as normas e regras que, democraticamente, se establezan; articular os obxectivos e intereses propios cos dos outros membros do grupo, respectando puntos de vista distintos e asumindo as responsabilidades que correspondan, e fomentando a disciplina, a convivencia, a orde e o axeitado.
12. Elaborar novos materiais didácticos relacionados co tema a tratar, que faciliten a labor educativa.
13. Comprender e establecer relacións entre feitos e fenómenos do ámbito natural e social, e contribuír activamente á defensa, conservación e mellora do medio, partindo dos ámbitos máis próximos ó alumnado.
14. Identificar, formular e resolver problemas a partir da experiencia cotiá, utilizando as axudas necesarias, ben de persoas ou ben dos recursos didácticos oportunos e dispoñibles: ordenador, biblioteca...
15. Fomentar a autoestima do alumno e as habilidades sociais para favorecer o seu crecemento integral, como punto de partida para lograr nel actitudes positivas cara si mesmo e cara os demais.
16. Actuar con autonomía nas actividades individuais e nas relacións de grupo (na aula, no Centro ou con outros docentes), desenvolvendo as posibilidades de tomar iniciativas e de establecer relacións afectivas, fomentando o compañeirismo entre o alumnado e o intercambio de actividades diversas con outros Centros
17. Impulsar a funcionalidade do aprendido fóra do ámbito escolar: favorecer a relación entre as diferentes materias, utilizar metodoloxías globais.
18. Impulsar a avaliación formativa: crear situacións de autorregulación, dar a coñecer os criterios de avaliación, potenciar a autoavaliación.
-
Tentarase facer unha exposición e unha visita guiada por axentes forestais a una zona arrasada polos incendios dos pasados veráns para concienciarse do problema que ocasionan e analizar as posibles medidas reparadoras.
Tódolos participantes neste proxecto pensamos que podemos axudar dende as diferentes materias á prevención dos incendios forestais. Para iso programaremos, como xa vimos facendo, visitas ós lugares de traballo das brigadas forestais (no caso de Monforte á base de Marroxo e Doade onde están helicópteros e avionetas) e as instalacións do Distrito Forestal VIII.
Unha vez analizadas as causas e os posibles motivos polo que existen incendios forestais, realizarase un proxecto no que se traballará con tecnoloxías de impresión 3D e métodos de deseño para analizar , propoñer e crear a escala depósitos de captación de auga eficientes destinados á prevención de incendios e que se poidan usar tamén para rego de diferentes replantacións en zonas queimadas. Os alumnos e alumnas utilizarán impresoras 3D para desenvolver prototipos e analizarán a súa resistencia e durabilidade tendo en conta os diferentes materiais cos que se poden facer na realidade. Tamén colaborarán con expertos e identificarán ubicacións estratéxicas para a instalación destes depósitos. Buscarase non só fomentar a innovación tecnolóxica, senón tamén contribuír á prevención de incendios e á sustentabilidade ambiental.
Por outra banda, os alumnos e alumnas aprenderán a programar un algoritmo simple que avalía o risco de incendios forestais baseado en datos meteorolóxicos como poden ser a temperatura, o vento e a humidade. Mediante este algoritmo, o alumnado comprenderá como os factores climáticos inflúen no risco de incendios e contribuirá á concienciación sobre a prevención destes incidentes. O proxecto busca non só ensinar conceptos básicos de programación, senón tamén educar sobre a importancia da seguridade ambiental e a prevención de incendios forestais. Intentarase facer presentacións co programa de programación SCRATCH, crearanse interaccións entre personaxes e diferentes escenarios. Os estudantes engadirán mensaxes educativas sobre a prevención de incendios, como consellos de seguridade e que facer en caso de incendio.
Tendo en conta a replantación descrita anteriormente, faránse saídas ó redor do IES (por exemplo a área recreativa Os Trollos en Bóveda) para coñecer os nosos montes e a súa biodiversidade, aproveitando as diferentes estacións para recoñecer os principais compoñentes (fungos, a caída da folla, floración e frutificación, fauna...) e o recoñecemento das principais especies arbóreas e arbustivas, collendo unha cantidade mínima de exemplares para facer un herbario. No herbario constarán tódolos datos necesarios e ademais incluirán os nomes en galego típicos da súa zona, preguntando a familiares, ós vellos do lugar, etc. Tentarase así enriquecer o traballo de xeito multidisciplinar.
Proporase ó alumando unha recolleita, sementado e coidado de sementes de especies autóctonas preto do IES. Cando estean ben desenvolvidas cada alumno e alumna a plantará nun bosque preto da súa casa. Realizaranse durante o curso diversas actividades de concienciación e divulgación (vídeos, exposicións,...).
Durante o curso iremos elaborando artigos para o blog coas actividades realizadas. Ó final de curso realizarase un informe final sobre tódalas actividades realizadas.
A metodoloxía de traballo será principalmente investigadora, mediante o proceso de busca de problemas, detección e análise, observación reflexiva, proposta de plan de atallo, e accións correctoras. Tamén empregarase unha metodoloxía participativa e colaborativa, dende o maior
número de perspectivas posible e aplicando ó máximo a todo o colectivo do Centro (alumnado, profesorado, pais, persoal non docente,...), xa
que queremos concienciar sobre a ruína que implica a destrución do monte polos incendios forestais, non só a nivel de biodiversidade, senón tamén económica e social.
-
A avaliación fundamentarase nun seguimento da consecución dos obxectivos, comprobando os cambios producidos na actitude dos estudantes e das persoas implicadas. Así mesmo, a integración do proxecto dentro da programación de aula fai que sexa avaliado dentro das tarefas de clase.
1. Escalas de observación na participación nas diferentes actividades propostas.
2. Seguimento da calidade e creatividade dos traballos realizados.
3. Participación e implicación nas actividades realizadas.
5. Valoración da memoria final que realizarán os alumnos e alumnas.
Na avaliación participarán os alumnos e alumnas de xeito activo, mediante autoavaliación e tamén mediante a avaliación das tarefas feitas polos compañeiros e compañeiras, a partir dos indicadores que o profesorado acorde para as distintas actividades.
-
Marcos Pumar Losada. Coordinador. Matemáticas
Raquel Maceda Loureiro. Docente. Bioloxía e xeoloxía
Ana María López Legasp.i Docente. Matemáticas
Pablo Blanco Quiroga. Docente. Tecnoloxía
José Ángel Rigueira Ferreiro. Docente. Filosofía
Maria Astrid Losada Pasín. Docente .Procedementos sanitarios e asistenciais
Virginia Prieto Paz. Docente. Intervención sociocomunitaria
Raquel Aira González. Docente. Lingua e literatura galega
-
"Moito tes que saber, se cogomelos queres comer"
O 8 de novembro de 2023 foi unha xornada recordable no IES Francisco Daviña Rey coa realización dunha actividade complementaria que podemos incluír dentro do plan proxecta O Monte Vivo.
Esta experiencia educativa comezou realmente a semana anterior cando se encomendou aos estudantes de 1º da ESO a tarefa de colleitar diversos tipos de cogomelos no monte e traelos ao instituto co propósito de clasificalos baixo a guía dun experto en micoloxía.
O 8 de novembro, recibimos a visita de Carlos Pérez, experto en cogomelos e presidente da Asociación Os Lactouros. Esta asociación posúe unha extensa traxectoria na promoción e divulgación da micoloxía na comarca de Lemos. Ademais, Carlos Pérez é o dono da empresa "Terras de María Castaña," que se dedica principalmente á plantación, produción e venda de produtos frescos e ecolóxicos, seguindo o lema "do horto ao prato". A xornada iniciouse a primeira hora na aula, onde Carlos brindounos unha esclarecedora charla dunha hora e media baixo o título "Iniciación a Micoloxía". Nesta charla, destacou principalmente os diferentes tipos de cogomelos que podiamos atopar no monte, facendo fincapé en se son comestibles ou non e diferenciando se se achaban en prados, piñeirais, carballeiras ou noutros ecosistemas.
Posteriormente, subímonos a un autobús proporcionado polo propio IES e dirixímonos cara á área recreativa Os Trollos, situada no concello de Bóveda. Alí, fomos recibidos por un axente forestal da Xunta de Galicia, quen nos guiou a través das distintas zonas da área recreativa, introduciunos na biodiversidade do lugar e, aproveitando a tempada de outono, explicounos a caída das follas e a procura de cogomelos, que debido ás recentes choivas se esperaba que fosen abundantes. Ademais, o axente forestal resaltou a necesidade de preservar o monte e protexelo de diversas accións humanas, como incendios, talas descontroladas e a acumulación de lixo.
O obxectivo principal desta saída era levar a cabo unha andaina (camiñada) para atopar e analizar, coa axuda do experto micolóxico, diferentes tipos de cogomelos no monte. Podemos afirmar que foi un rotundo éxito, xa que atopamos unha gran diversidade de cogomelos. Colleitamos mostras dos diferentes tipos para, posteriormente, regresar ao instituto e levar a cabo a realización dunha exposición na biblioteca do centro, onde presentaremos durante uns días os cogomelos atopados, tanto o seu nome común como o seu nome técnico.
Esta actividade fomentou a participación activa dos estudantes, quenes demostraron un gran interese pola montaña e os cogomelos. Tamén se resolveron algunhas dúbidas que lles xurdiran durante as súas saídas particulares pola montaña. En resumo, esta experiencia foi unha oportunidade para conectar coa natureza, aprender sobre a micoloxía e fomentar a conciencia ambiental. Finalmente, é o noso desexo que esta actividade inspire aos estudantes para ser conscientes da importancia de minimizar o impacto humano no monte e a contribuír á súa preservación.
Posdata: Agardamos que coa saída ao monte e a busca de cogomelos houbese una nula ou mínima afectación ao medio.
-
O centro IES DAVIÑA REY tivo en xaneiro o privilexio de acoller na súa biblioteca unha exposición cedida pola asociación AMABUL ("Ama a Diversidade Ulla"). A exposición, titulada "Wood Wide Web, unha rede que dá vida ao planeta", foi presentada a todo o alumnado.
Esta exposición itinerante busca poñer en valor a importancia ambiental e ecolóxica dos fungos, co fin de concienciar, educar e motivar cara a prácticas ambientais responsables na conservación dos bosques e dos recursos micolóxicos. Presentada en cinco apartados, a mostra financiada pola Deputación da Coruña pretende achegar á cidadanía ao mundo dos cogomelos, poñendo en valor os seus servizos ambientais e promovendo a reflexión crítica sobre o seu uso e necesidade de conservación.
Para celebrar o Día da Educación Ambiental (26 de xaneiro) contamos coa presenza dun membro da asociación, que fixo unha presentación técnica da mostra ao alumnado de 1º da ESO. Ademais, deleitaronnos cuns xogos creados pola asociación, que resultaron moi interesantes e entretidos. Previamente, en sesións anteriores, o alumnado de 1º da ESO participou na realización dun kahoot con 22 preguntas relacionadas coa exposición e tamén coa documentación exposta na páxina web da asociación sobre o tema presentado. Dito kahoot foi presentado ao membro da asociación, quen destacou a orixinalidade da actividade, converténdose tamén nunha actividade máis de gamificación o día da exposición.
A continuación tedes fotos das diferentes actividades realizadas.
-
Aproveitando a saída ó monte para recoller cogomelos, a ANPA convocou un concurso de fotografía micolóxica mediante o cal se quería dar visibilidade á variedade micolóxica presente nos montes e campos galegos. Durante o primeiro trimestre do curso as fotografías presentadas estiveron expostas na biblioteca do centro.
Xunto coa fotografía, o alumnado tivo que presentar unha pequena ficha na que se recollían as características principais do cogomelo retratado: nome científico, nome vulgar, hábitat, aproveitamento...
-
Os alumnos e alumnas de fp participaron nunha xornada de aprendizaxe ecolóxica, mergulláronse en diversas actividades deseñadas para promover a conciencia ambiental e o respecto pola natureza.
A primeira actividade centrouse na educación medioambiental a través dun cativador conto que transportou aos participantes a un mundo cheo de marabillas naturais. Acompañando ao conto, levouse a cabo unha emocionante 'xincana' (busca do tesouro) onde os alumnos e alumnas participaron nunha experiencia sensorial única, permitíndolles conectar coa natureza dunha maneira máis profunda.
Nunha actividade posterior, os participantes dedicáronse a explorar e recoñecer o entorno natural circundante, mentres buscaban o tesouro do conto: as deliciosas noces que o esquío do relato gozaba comer. Esta actividade fomentou a observación activa e a apreciación da biodiversidade que nos rodea.
Ademais, os participantes aventuráronse nunha emocionante sesión de geocaching, unha actividade que fusiona a exploración coa tecnoloxía moderna. A súa misión era localizar un 'cache' agochado estratexicamente, o que lles brindou a oportunidade de mergullarse aínda máis no entorno natural mentres gozaban dunha actividade lúdica e educativa.
En resumo, a xincana medioambiental ofreceulles aos participantes unha experiencia enriquecedora onde se combinaron a diversión, a educación e a conexión coa natureza, promovendo así un maior compromiso coa conservación ambiental e o respecto polo noso preciado entorno natural.
-
O propósito deste proxecto educativo interdisciplinario, levado a cabo durante as sesións de traballo da materia de tecnoloxía para o primeiro curso da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), foi desenvolver un plan integral que combinase a disposición estratéxica de depósitos de auga coa plantación de especies vexetais resistentes ao lume, coa finalidade de mellorar a capacidade de prevención e control de incendios forestais en áreas vulnerables.
Unha das actividades principais deste proxecto foi a redacción dunha memoria descritiva, na que os estudantes investigaron os incendios forestais en Galicia, centrando a súa atención especialmente na zona de Monforte de Lemos. Nesta memoria, analizáronse as causas e os impactos dos incendios forestais, e propuxéronse solucións eficaces para a súa prevención e control. Unha das propostas clave deste proxecto foi a construción de depósitos de auga situados estratexicamente, combinados con plantacións de especies vexetais resistentes ao lume. Estas medidas non só contribuíron á loita contra os incendios, senón que tamén promoveron a restauración ecolóxica das áreas afectadas e a conservación da biodiversidade local.
Ademais da redacción da memoria descritiva, os estudantes tamén realizaron varias actividades prácticas, como a creación dunha maqueta tridimensional do relevo dunha montaña próxima a Monforte de Lemos. Esta actividade permitiu unha comprensión máis profunda da topografía e a súa relación coa prevención de incendios forestais. Outra actividade destacada foi a elaboración dunha maqueta dun punto de captación de auga en escala, na que os estudantes aplicaron conceptos fundamentais de electricidade e matemáticas para deseñar e construír un sistema eficiente de extracción e distribución de auga.
Por último, os estudantes tamén se involucraron na programación dun software utilizando o programa Pseint. Este programa permitiu determinar o nivel de alerta para incendios forestais, baseándose en indicadores externos como a velocidade do vento, a temperatura, a humidade relativa e a localización xeográfica.
Os contidos a traballar neste proxecto son:
Tecnoloxía:
Tecnoloxías de detección e prevención de incendios forestais.
Deseño e funcionamento de depósitos de auga para loita contra incendios.
Sistemas de rego e xestión de recursos hídricos.
Bioloxía e Xeoloxía:
Ecosistemas forestais e a súa importancia.
Ciclo da auga e o seu papel nos bosques.
Xeografía e Historia:
Xeografía física das áreas vulnerables aos incendios forestais.
Historia de incendios forestais relevantes e as súas consecuencias.
Matemáticas:
Cálculos de volume e capacidade para determinar o tamaño óptimo dos depósitos de auga.
Análise estatística de datos sobre incendios forestais e condicións climáticas.
Actividade 1: Memoria descritiva
Na primeira actividade do proxecto, os estudantes realizaron unha investigación sobre os incendios forestais en Galicia, centrando a súa atención nos arredores de Monforte de Lemos. Exploraron as posibles causas destes incendios, tanto naturais como humanas, e os danos que provocaban no medio ambiente, na economía e na sociedade local.
Na segunda actividade, analizaron diferentes solucións para loitar contra os incendios forestais, estudando métodos de detección precoz, técnicas de prevención, políticas de xestión forestal e estratexias de extinción. Destacaron a importancia da colaboración entre entidades gobernamentais, organizacións ambientais e a comunidade local.
Como parte da solución para a loita contra os incendios, os estudantes propuxeron a construción dun depósito de captación de augas na zona próxima a Monforte de Lemos. Este depósito serviría non só para almacenar auga destinada á extinción de incendios, senón tamén como fonte de rego para unha futura plantación de castiñeiros, constituíndo unha estratexia integral para a prevención e mitigación de incendios forestais.
Por último, os estudantes redactaron unha memoria descritiva utilizando o programa informático LibreOffice Writer. Nesta memoria, incluíron os achados da investigación sobre incendios forestais, as causas e factores, a proposta do depósito de auga e a súa dobre función, así como os pasos a seguir para a implantación do proxecto. Enfeitaron a importancia da plantación de árbores autóctonas e mencionaron brevemente os planos do depósito de augas, a plantación de castiñeiros, os orzamentos, etc.
https://mediorural.xunta.gal/sites/default/files/temas/defensa-monte/guia-incendios/index.html
Actividade 2: Maqueta tridimensional
Na segunda actividade, os estudantes analizaron detalladamente as curvas de nivel dun plano topográfico en dúas dimensións dunha montaña preto do concello de Monforte de Lemos, coñecida como Monte Marroxo, para logo aplicar ese coñecemento na construción dunha maqueta tridimensional do relevo representado. Utilizando materiais como cartón ou cartolina, os estudantes crearon capas que reflectían as diferentes elevacións do terreo, seguindo fielmente as curvas de nivel do plano. Esta actividade promoveu o desenvolvemento de habilidades na interpretación espacial, a planificación de proxectos e a construción manual, ao tempo que profundou a súa comprensión da topografía e a representación do relevo en tres dimensións.
Esta maqueta serviu para buscar unha localización exacta da situación dun punto de captación de auga, así como a posible plantación de vexetación autóctona para loitar contra os incendios.
Por último, os estudantes redactaron unha memoria descritiva utilizando o programa informático Lubrifica Reter. Nesta memoria, incluíron os achados da investigación sobre incendios forestais, as causas e factores, a proposta do depósito de auga e a súa dobre función, así como os pasos a seguir para a implantación do proxecto. Enfeitaron a importancia da plantación de árbores autóctonas e mencionaron brevemente os planos do depósito de augas, a plantación de castiñeiros, os orzamentos, etc.
Actividade 3 : Maqueta dun punto de auga con sistema eléctrico.
Nesta actividade contemplouse a realización dun punto de captación de auga a escala coa finalidade de abordar e aplicar conceptos fundamentais nos campos da electricidade e das matemáticas. Este proxecto tiña como obxectivo primordial a integración e comprensión da lei de Ohm, así como a familiarización cos compoñentes básicos dun circuíto eléctrico, tales como a batería, os cables, as electroválvulas e os motores de bombeo de augas.
Cabe destacar que a realización deste punto de captación de auga ergueuse como unha medida indispensable na loita contra os incendios forestais, ofrecendo a infraestrutura necesaria para a extracción e distribución eficiente do recurso hídrico. Ademais, móstrase a sua potencial aplicación no rego inicial de plantacións autóctonas, contribuíndo así ao fomento da biodiversidade vexetal en entornos específicos.
Coa execución deste proxecto, propiciouse un espazo de aprendizaxe práctico e multidisciplinario, onde se conxugan aspectos teóricos coa experimentación directa, promovendo un enfoque educativo integral e orientado cara á resolución de problemáticas reais no ámbito medio ambiental e de seguridade contra incendios.
Actividade 4: Programación.
A Actividade 4 consistiu nunha sesión dedicada á programación mediante o software Pseint, co propósito de introducir aos alumnos nos conceptos fundamentais da programación, tales como o significado do termo "programar", a natureza dun algoritmo e nocións básicas para desenvolverse no entorno de desenvolvemento Pseint.
O obxectivo primordial desta actividade foi a creación dun programa informático capaz de determinar o nivel de alerta ante incendios forestais, baseándose nunha serie de indicadores externos que serían medidos ou consultados en liña, tales como a velocidade do vento, a temperatura ambiente, a humidade relativa, o mes do ano, a cubicación xeográfica, entre outros. Esta información sería procesada mediante unha fórmula matemática que permitiría avaliar o risco de ocorrencia dun incendio forestal.
A utilidade práctica deste programa radica na súa capacidade para proporcionar información relevante respecto á xestión da auga almacenada no punto de captación, permitindo determinar se é pertinente destinar este recurso para actividades de rego ou se, pola contra, é preferible conservalo na súa totalidade debido ao risco potencial de incendio.
-
O día 30 de abril de 2024 tivemos a oportunidade de recibir a María José Ginzo, profesora do departamento de Estatística, Análise e Optimización da facultade de Matemáticas da USC. Durante a súa visita, María José compartiu cos alumnos e alumnas de bacharelato algunhas das aplicacións das matemáticas utilizadas na loita contra os incendios forestais e no estudo dos apelidos na contorna do centro.
Baixo o título "Entre lumes e apelidos anda o conto", María José explorou as fascinantes relacións entre a análise estatística e fenómenos tan diversos como os incendios forestais e a distribución de apelidos na nosa comunidade. A súa presentación resultou sumamente interesante e reveladora, demostrando como as matemáticas poden ofrecer unha visión profunda sobre aspectos tan variados da nosa vida cotiá.
Agradecemos sinceramente a María José por compartir o seu coñecemento connosco e por enriquecer a nosa comprensión do mundo que nos rodea. O seu compromiso coa educación e a investigación é verdadeiramente inspirador, e esperamos poder colaborar con ela de novo no futuro. Grazas!
-
O día 14 de maio de 2024 tivemos a oportunidade de participar nunha actividade divulgativa sobre os incendios forestais impartida por dous axentes forestais da Consellería do medio Rural, onde tratamos temas como os efectos prexudiciais que causan os incendios forestais, os beneficios de ter un monte vivo, a estrutura e os medios contra os incendios forestais, tarefas preventivas e estratexias de extinción.