Skip to Content

O IES de Foz acolle a celebración do campionato de baristas e cata de café

            

Os campionatos de baristas e cata de café do IES de Foz celébranse dende o mércores 21 ata o venres 23 de febreiro no IES de Foz. Trátase da decimosexta edición do campionato de baristas, o decimoprimeiro campionato de cata e o décimo campionato de baristas profesionais.

Pero todo isto non é traballo dun só día, nin dunha soa persoa. Dende o IES de Foz sentímonos especialmente orgullosos da estreita colaboración que establecemos con toda a contorna na que traballamos, dende o IES San Rosendo de Mondoñedo -que elabora os centros de mesa- ata a ACIA Foz-Cca -que organiza un sorteo, aproveitando o campionato, entre todos aqueles clientes que degusten café na hostelería local-. Tamén colaboran diferentes Administracións Públicas.

O evento comezará o mércores ás 16.30 horas coas primeiras intervencións e remata o venres co Campionato de Profesionais. Seguimos co formato usado nos últimos anos: celebración no salón de actos do centro, degustación na nosa furgoneta no exterior do salón e, como novidade este ano, poderase probar o café que elaboren os participantes trala súa intervención. Ademais, nesta edición contamos coa colaboración da Organización de Productores Pesqueros del Puerto de Burela que en alianza coa Asociación de Cociñeiros de Lugo elaborarán receitas con peixe durante a degustación do xoves.

Polo IES de Foz participarán Carmen Barba, na modalidade de Campionato de Cata, e Javier Carreño, na modalidade de Baristas de escolas. Desexámoslles toda a sorte do mundo e, sobre todo, que a experiencia lles sirva para enriquecer e completar a súa formación.

Por último, dar as grazas a toda a comunidade educativa do IES de Foz que colabora xenerosa e activamente para que sexa un éxito, dende o alumnado e profesorado ata o persoal de limpeza, conserxes...



blog | by Dr. Radut