Determinantes presentadores que acompañan a primeira mención dun obxecto e achegan un significado de imprecisión ou indeterminación.

Polo significado poden ser:

  • cuantificadores (non individualizan nin delimitan ben un ou varios elementos): algún, alguén, máis
  • identificadores (definen ben os elementos): outro, calquera, propio

Segundo a forma distinguimos:

  • variables (mudan en número e/ou xénero): algún/algunha, bastante/bastantes
  • invariables: algo, ninguén, nada

Variables:

un(s), unha(s)
pouco(s) –a(s)
bastante(s)
todo(s) –a(s)
propio(s) –a(s)
varios –as
tal(es)
algún(s), algunha(s)
abondo(s) –a(s)
demasiado(s) –a(s)
outro(s) –a(s)
certo(s) –a(s)
ambos -as
cadanseu(s), cadansúa(s)
ningún(s), ningunha(s)
moito(s) –as
tanto(s) –a(s)
mesmo(s) –a(s)
determinado(s) –a(s)
entrambos –as

(Ver posesivo)

1. Algún só aporta significado positivo: non supón gasto *algún / non supón gasto ningún; non ten semellenza *algunha / non ten semellanza ningunha.

2. Abondo: Amais de indefinido (teño flores abondas) pode funcionar como adverbio (estou ben abondo/dabondo)

3. Mesmo (non *mismo): Amais de indefinido (a mesma historia de sempre, ti mesmo, hoxe mesmo) tamén funciona como adverbio (“incluso”): mesmo lle indiquei a hora precisa, mesmo ela se interesou; e con outros valores: atinoulle mesmo no ollo.

4. Ambos cando precede ao numeral dous/dúas esixe a presenza de artigo, co que podemos realizar ou non a contracción: estaban ámbalas (ou ambas as) dúas latricando, levaron ambos os (ou ámbolos) coches; fixérono ambos. O mesmo acontece con entrambos: fixérono entrámbolos (ou entrambos os) dous.

5. Un, algún e outro contraen coas preposicións en e de: estará nalgunha caixa, falo doutra cousa, falou duns problemas.
Non hai contracción coa preposición con: tanto falaba con un coma con outro; cada domingo ía ao cine con unha distinta, nunca coa mesma.


Invariables:

algo, alguén, cada, cadaquén, calquera, quenquera, máis, menos, nada, ren ou res, ninguén, o(s) a(s) máis, o(s) a(s) demais.

1. Cadaquén (“cada persoa”, “cada un”): cadaquén que se apañe, a cadaquén o seu.

2. Calquera (evitade o castelanismo *calquer, así como o hipergaleguismo *calqueira): puido ser calquera, calquera día, calquera home.

3. Quenquera (“alguén”, “calquera persoa”): quenquera que fose, hamas pagar. Hai que evitar o hipergaleguismo *quenqueira.

4. Ren ou res (“ningunha cousa”, “nada ou case nada”): non dixo ren.


Última modificación: martes, 19 de xullo de 2016, 3:17 PM