O demostrativo é un determinante presentador que achega unha idea de lugar ou tempo.

Formas:

Obxecto preto da 1ª persoa: este(s) esta(s) isto
Obxecto preto da 2ª persoa: ese(s) esa(s) iso
Obxecto lonxe da 1ª e da 2ª: aquel(es) aquela(s) aquilo

1. A forma estándar dos neutros é diferente da da nosa bisbarra: *esto, *eso, *aquelo.

2. Contraen coas preposicións en e de: deste, diso, nesa, naquilo

3. Amalgámase co indefinido outro: esoutro, estoutra, aqueloutras…:
  • empréganse para realizar unha escolla entre elementos parellos:
non me gustan eses lentes, prefiro aqueloutros;
  • contran á súa vez coas mesmas preposicións: non me fales desoutros.

4. Usos especiais:

4.1. Daquela úsase con dous valores especiais:
locución adverbial de tempo: daquela aínda non tiñamos lavalouza.
locución conxuntiva con valor consecutivo: se non vés, daquela eu tampouco.

4.2. Aquel (calidade positiva) e aquela (negativa) úsanse como substantivos, cun significado comodín:
a obra ten un aquel atraente,
ten unha aquela que non me gusta.

4.3. Aquelar, cun significado contextual: levei o coche ao taller para que mo aquelasen

4.4. Aquelado (axeitado, xeitoso): é o máis aquelado para o posto.

4.5. Aqueloutrar(se) (apamparse): andas aqueloutrado, meu.

4.6. Nisto, nestas, con estas pódense empregar co valor especial de entón, nese momento, de repente: nisto chegou el e acabouse a paz; e, con estas, enmudeceu.

Última modificación: martes, 19 de xullo de 2016, 3:17 PM