OS PRONOMES PERSOAIS

Gramática

Formas átonas

p1 me: lavoume (CD), lavoume a roupa (CI), lávome (reflexivo)
p4 nos: lavounos (CD), lavounos a roupa (CI), lavámonos (reflexivo)

p2 te: laveite (CD), lávaste (reflexivo)
che: laveiche a roupa (CI)

p5 vos: lavouvos (CD), lavouvos a roupa (CI), lavádesvos (reflexivo)

p3 e 6 : o(s),a(s) / -lo(s), -la(s) / -no(s), -na(s) (sempre CD): lávoo(s), lavalo(s), lávalo(s), lavouna(s)
lle(s) (CI): lavoulle(s) a roupa
se (reflexivo): lavouse, laváronse

1. Te fai función de CD, che de CI. Para os cheístas (é o caso da nosa fala: utilizamos che para ambas funcións menos para a reflexiva: *laveiche, laveiche a roupa, lávaste) e para os teístas (que nunca utilizan che: laveite, *laveite a roupa, lávaste) hai un truco doado para resolver dúbidas: facer un paralelismo coa p3ª; así, se a el laveino, a ti laveite; pero se a el laveille a roupa, a ti laveiche a roupa.

2. As variantes alomórficas das p3 e p6:

  • lo(s), -la(s) empréganse tralas formas verbais rematadas en –r ou –l: lavalo, lávalo; e tralo interrogativo u: o xabón, ulo?
  • no(s), -na(s) úsase tralas formas verbais rematadas en ditongo: lavouno, laveinas.

Reparade na diferencia: laváronos (lavaron os rapaces, con pronome os) fronte a laváronnos (laváronnos a nós, con pronome nos)

3. Lle(s) perdeu na nosa bisbarra e nunha boa parte de Galicia a forma plural lles, onde no canto de laveille a roupa a un, pero laveilles a roupa a varios, dicimos laveille a roupa a un e tamén *laveille a roupa a varios.

O galego estándar diferencia lle/lles por ser unha forma moi rendible e por mor da concorrencia entre pronomes: laveille a roupa: laveilla; pero laveilles a roupa: lavéillela. Neste caso, na nosa bisbarra sempre dicimos levvella, sen discriminarmos se se refire a unha persoa ou a varias.

4. Concorrencia dos pronomes de CD e CI. Prodúcese unha amálgama entre ambos:

  • se o CI vai en singular perde a vogal: lavoumo(s), -a(s); lavoucho(s), -a(s); lavoullo(s), -a(s)
  • se o CI vai en plural, o CD presenta a forma –lo(s) –la(s): lavóunolo(s), –nola(s); lavouvolo(s), –vola(s); lavoullelo(s), –llela(s)

Estas formas, sempre ligadas, van soldadas ao verbo cando van pospostas (lavóunolo) e separadas cando van antepostas (non nolo lavou)

5. O pronome de solidariedade ten, sen selo sintacticamente, a forma do CI das p2 e p5, che, vos; lle(s) para o tratamento de cortesía.

Simplemente introduce ao(s) interlocutor(es) no enunciado: gústacheme moito, non che me gusta nada, vaivos caro o peixe, vaille moito frío este inverno.

Cando concorre con outros pronomes, o de solidariedade sempre vai antes, soldado se van pospostos (lavóuchenolo) e separado cando van antepostos (non che nolo lavou).

Non debemos confundilo co dativo de interese (emprégase para indicar a persoa que ten especial interese na acción): marchoume cun libro para a casa, pegóumelle ao fillo.

6. Os reflexivos teñen función dun CD que se identifica co suxeito (laveime, lavácheste, lavouse...). Tamén poden indicar unha acción recíproca: Pedro e Elisa bicáronse, Antía e Xilberto saudáronse.

6.1. Úsanse:

  • obrigatoriamente cos verbos pronominais: atreverse, espreguizarse, inmutarse, suicidarse
  • poden aparecer con calquera verbo transitivo: lavou as mans, lavouse; alimento o neno, aliméntome. Con algúns destes pode provocar unha diferenciación de significado: matar/matarse, afogar/afogarse, esganar/esganarse, parecer/parecerse, levar/levarse

6.2. Non se usan (son castelanismos que cómpre rexeitar):

  • cos verbos intransitivos (a non ser con estar e ir: estase estragando, foise da casa):

morreu moi nova / *morreuse moi nova
acouga / *acóugate
adormeceu / *adormeceuse
o leite acedou / *acedouse
as rosas murcharon / *murcháronse
espertei cedo / *esperteime cedo
marchou da casa / *marchouse da casa
calade / *caládevos
caeu no baño / *caeuse no baño
senta na cadeira / *séntate na cadeira
baixamos as escaleiras / *baixámonos
subimos as escaleiras /*subímonos
casan no verán / *cásanse no verán
Henrique e Irene casaron / *casáronse

  • nunca pode usarse un reflexivo cando hai outro CD expreso na oración, como
      • cando a acción se exerce só sobre unha parte do suxeito:

lavei as mans / *laveime as mans;
mancou unha perna / *mancouse unha perna (si mancouse nunha perna)

      • en frases con valor causativo ou ponderativo:

fixo un traxe / *fíxose un traxe
leva un libro /*lévate un libro
comeu un bisté /*comeuse un bisté; comeuno / *coméuso, *coméuseo;
comprou unha moto / *comprouse unha moto, *comprousa, *compróusea.

6.3. Usos e valores do pronome se:

  • con función sintáctica (normalmente CD):

Reflexivo: lavouse;
Recíproco: Antía e Xilberto saudárose, enviáronse presentes;

  • sen función sintáctica:

Pronominal (acompaña estes verbos): atreveuse a falar;
Impersoal (oracións sen suxeito): alí falouse de máis;
Na pasiva reflexa (levan suxeito, que concorda co verbo): véndese unha casa / véndense dúas casas.

Lembremos os posibles usos incorrectos expostos no apartado anterior.

E lembremos tamén que, amais de pronome, se pode ser:

-conxunción:

-condicional: se queres, vou contigo;
-completiva: pregunto se queres vir comigo (interrogativa indirecta); non sei se virá comigo (expresando incerteza);
-ponderativa: pero se sempre vén!
-concesiva: se non me acompaña, polo menos díxenllo;
-presentador dunha explicación posterior: se non vén é porque a aborrezo;

-formante de diversas locucións:

-loc. conx.: chámoa, por se me quere acompañar;
-loc. adverbial de dúbida: se cadra/se callar acompáñame.

7. A colocación do(s) pronome(s) átono(s) na frase.

Como norma xeral, debemos seguir o criterio da nosa fala, coincidente co estándar.

7.1. Posposto ao verbo (enclítico). É o normal nas oracións independentes ou principais: laveime, laváronnolo, laváronchenolo.

Como recurso enfático, pode aparecer antes do verbo (o demo te leve) pero nunca encabezando unha frase (*me lavei)

7.2. Anteposto ao verbo (proclítico):

  • nos enunciados negativos: non/nunca te lavas, ninguén mo dixo.
  • logo de pronomes interrogativos e exclamativos: quen a lavou?, como se lava!
  • en oracións iniciadas por

algúns indefinidos: algo lle dixo, todos llo negan, calquera o sabe, abondo te avisei;

algúns adverbios: xa se lavou, mesmo se alporizou, aínda lle chegou hoxe, axiña cho devolvo, aquí cho deixo;

pero non con outros: hoxe fareino, onte atopeina…;

e con outros adverbios depende do significado:

así che é (é desa maneira) / así éche máis fácil (a maneira indicada);
logo se foi (axiña) / logo foise (máis tarde)

  • en oracións desiderativas encabezadas polo suxeito: Deus nos ampare!

7.2.1. Normalmente vai anteposto nas oracións subordinadas: dixo que me lavase.

Pero ás veces non:

  • cunha pausa que alonxa a subordinada: díxome que, se lle compraba xabón, lavaríase / díxome que se lavaría;
  • nunha causal introducida por pois: cheiras, pois lávate.

7.2.2. Pode ir anteposto e mais posposto:

      • se o verbo subordinado é un infinitivo o pronome pode ir co verbo principal ou co infinitivo: podes lavarte, pódeste lavar; non podes lavarte, non te podes lavar;
      • o mesmo sucede co xerundio: estao lavando, está lavándoo; non o está lavando, non está lavándoo;
      • nas perífrases con nexo (preposición ou conxunción) pode adoptar tres posicións, pois tamén pode ubicarse entre o nexo e o infinitivo:

haste de lavar, has de lavarte, has de te lavar,
non te has de lavar, non has de lavarte, non has de te lavar;
teste que lavar, tes que lavarte, tes que te lavar,
non te tes que lavar, non tes que lavarte, non tes que te lavar