OS PRONOMES PERSOAIS

Gramática

Formas tónicas

p1: eu, min, comigo
p2: ti, contigo
p3 e 6: el(es), ela(s); si, consigo
p4: nós, nosoutros(as), connosco
p5: vós, vosoutros(as), convosco
cortesía: vostede(s)

1. Min emprégase despois de preposición e das conxuncións comparativas ca e coma: é máis alto ca min, é tan alta coma min; nunca: máis alto *que eu, tan alta *como eu.

2. Na comparación é obrigado usar as conxuncións ca e coma ante pronomes persoais: máis listo ca el, tan traballador coma ela; nunca: *que el, *como ela.

3. El non leva til: el non está aquí, é para el.

Pode ter uns usos especiais:

  • reforzo de interrogativo: e el que lle pasou ao gato?;
  • suxeito de verbos impersoais ou unipersoais: el hai moito que pasou iso;
  • reforzo da narración: el era unha muller que viña dunha feira, el era unha nena con carapucha vermella que comía lobos.

4. A forma si das p3 e p6 é reflexiva. Reparade na diferencia: mercouno para el (para outro ou para si mesmo) / mercouno para si (para si mesmo).

5. El(es) e ela(s) contraen coas preposicións en e de: sentiu a man dela na meixela, unha casa fermosa: gustaríame vivir nela, non depende del.

6. As formas tónicas nós e vós levan til diacrítico para diferencialas das formas átonas: vós non vos queredes decatar, nós non nos preocupamos por vós. As tónicas aparecen como suxeito, logo de preposición e na comparación.

7. Nosoutros(as) e vosoutros(as) son plurais excluíntes que concorren con vós e nós. Refírense a un grupo pechado e ben delimitado: nosoutros somos catro e vosoutros sodes tres; non podemos nosoutras soas, as feministas, pero nós, as mulleres, si; somos todos do mesmo concello, pero nosoutros somos de Lira.

8. Nas formas ligadas coa preposición con:

  • comigo perde o -n-: vén comigo; eu non vou contigo nin convosco;
  • consigo é reflexiva: levou a familia consigo;
  • connosco e convosco son preferibles a con nós, con vós (tal vez calco do castelán estas últimas): imos convosco, quedan connosco outra semana.

9. Vostede(s) leva o verbo en 3ª persoa: pasen vostedes, preguntou vostede por min? Cómpre evitar a forma vulgar procedente do castelán *usté. Na nosa bisbarra a forma histórica de cortesía é vós, que leva o verbo en 5ª persoa: e vós que queredes, meu vello?; miña nai, tráiovos un manto novo.

10. *Elo é case inexistente, só queda nalgunhas expresións: andar a elo, estar a elo. Debemos empregar as formas neutras do demostrativo: non fas nada con iso, aquilo non era a causa, e nunca non fas nada con *elo, *elo non é a causa.