ELABORACIÓN E PRESENTACIÓN DE TRABALLOS ESCRITOS

Normas, criterios e consellos para elaborar e presentar traballos escritos.

PRESENTACIÓN E LIMPEZA

O profesorado indicará se o traballo debe presentarse escrito a man ou a ordenador.

Manuscrito-ordenador

Nos traballos escritos a man:

  • A caligrafía debe ser clara e lexible.
  • Pódese presentar a ordenador a portada, o índice, as fotografías e gráficos e a bibliografía.
  • As marxes e as liñas deben quedar rectas. De precisarse, usar como guía un modelo con liñas por debaixo do papel.
  • Usar tinta negra ou azul. A cor vermella reservarase para as correccións do profesorado.
  • Evitar os borróns, as riscaduras e o uso do tipex.
  • As palabras estranxeiras escribiranse entre comiñas.
  • Para resaltar ou destacar palabras, pódese subliñar.

Nos traballos presentados a ordenador:

  • Usar un tipo de letra estándar e lexible. Por exemplo, Arial de tamaño ente 10 e 12. O tamaño dependerá da fonte elixida. Se o traballo se vai a imprimir, tamén se poden empregar fontes con serifa. Escollido o tipo de letra e o seu tamaño, empregaranse en todo o documento. Os títulos dos apartados poden ter un tamaño superior.
  • Para resaltar palabras pódense usar a cursiva e a negriña. Neste caso, subliñado pode dificultar a lectura.
  • Empregar a revisión ortográfica e gramatical do procesador de textos. E una boa axuda para evitar erros. Non obstante, revisar un documento e que o procesador non encontre ningún erro non quere dicir que non haxa erros. Hai erros que o procesador non pode detectar posto que dependen do contexto. Os procesadores detectan os erros comprobando se as palabras do documento existen no dicionario que leva incorporado, xunto con algunhas regras gramaticais. O que non é capaz de facer ningún procesador de textos, polo momento, é comprender o significado das palabras en cada contexto.
  • Os signos de puntuación (punto, coma, punto e coma e dous puntos) colocaranse inmediatamente despois da palabra, sen deixar espazos en branco. Pola contra, o espazo en branco déixase despois dun signo de puntuación.
  • Entre o signo inicial dunha paréntese, corchete, chave, exclamación, interrogación ou guión, e a primeira palabra do texto non se deixará espazo en branco. Tampouco se deixará espazo en branco entre a última palabra e o signo final correspondente.
  • Ente un paréntese e un signo de puntuación non se deixa espazo en branco.
  • Se unha oración remata cunha parte do texto entre paréntese, o punto colocarase fóra da paréntese (como neste caso). (Se unha oración está toda ela entre paréntese, o punto colocarase dentro da paréntese.)
  • As palabras estranxeiras escribiranse en cursiva.
  • Recoméndase usar encabezados e pé de páxina co nome do traballo ou do capítulo.
  • Se o traballo se entrega en soporte informático é preferible usar fontes estándar. O formato PDF que permite ver o escrito da mesma forma en calquera ordenador.