TIPOS DE ENSINANZAS ESPECIAIS: artísticas, idiomas e deportivas

Sitio: Aula Virtual Fontexería
Curso: Guía Sistema Educativo
Libro: TIPOS DE ENSINANZAS ESPECIAIS: artísticas, idiomas e deportivas
Impreso por: Usuario convidado
Data: domingo, 17 de novembro de 2024, 10:35 PM

Descrición

Para saber máis

ENSINANZAS ARTÍSTICAS

  • ENSINANZAS DE MÚSICA

MÚSICA

  • ENSINANZAS DE DANZA

DANZA
  • ENSINANZAS DE ARTES PLÁSTICAS E DESEÑO

ARTES_PLÁSTICAS
  • ENSINANZAS DE CONSERVACIÓN E RESTAURACIÓN DE BENS CULTURAIS

RESTAURACIÓN

  • ENSINANZAS SUPERIORES DE DESEÑO

DESEÑO

  • ENSINANZAS DE ARTE DRAMÁTICA

ARTE_DRAMÁTICO

ENSINANZAS DE MÚSICA

As ensinanzas de música de carácter regrado conducen a unha titulación oficial, común para todo o estado, e pódense cursar exclusivamente en conservatorios e centros autorizados de música (estes de titularidade privada). Divídense en tres graos:

  • Elemental: Consta de 4 cursos. O título que se obtén é un Certificado de estudos elementais. A idade mínima para iniciar estudos é de 8 anos e a máxima de 14 anos.
  • Profesional: Abrangue 6 cursos. O título é de Grao Profesional na especialidade cursada. Non hai límite de idade de admisión a grao profesional, o acceso realízase mediante proba.
  • Superior: Consta dun só ciclo de catro anos para cada especialidade. O título é Superior equivalente a unha titulación universitaria de grao. Para o acceso a estas ensinanzas requirirase estar en posesión do título de bacharel ou titulación declarada equivalente e superar a proba específica de acceso. A nota media do expediente académico do grao profesional de música do alumnado que estea en posesión do título profesional de música ou equivalente suporá un 40% da cualificación final da proba de acceso. Para tales efectos, e en termos de cómputo, farase unha media ponderada da cualificación media obtida nos estudos do grao profesional. A inscrición farase na secretaría dos conservatorios superiores de música de Galicia,no prazo que se indica na resolución correspondente para cada curso (con carácter xeral a principios do mes de xuño) e a s probas específicas desenvolveranse normalmente entre os meses de xuño e xullo, de acordo co calendario que para tal efecto se estableza. O alumnado que obteña praza formalizará a matrícula no mes de xullo, nos prazos estipulados cumprimentando os modelos facilitados polos conservatorios.

ENSINANZAS DE DANZA

Poden ser de carácter regrado ou non regrado. As primeiras conducen a unha titulación oficial, común para todo o estado, e pódense cursar exclusivamente en conservatorios e centros autorizados de danza (estes de titularidade privada).
Divídense en tres graos:

  • Elemental: Non existen especialidades, ofrecese unha formación básica. A duración dos estudos é de catro anos. O título que se obtén é o Certificado de estudos elementais.
  • Grao medio: Existen catro especialidades: Danza clásica, Danza española e Danza contemporánea. A duración dos estudos é 6 anos. O título é de Grao Profesional na especialidade cursada.
  • Superior: Existen dúas especialidades: Pedagoxía da danza e Coreografía. A duración é de catro anos. O título é Superior equivalente a unha titulación universitaria de grao.

O acceso a grao medio é mediante proba. No grao superior, ademais, deberase dispor do título de bacharelato ou ter os estudos correspondentes ao grao profesional. Será posible acceder sen estes requisitos se o aspirante demostra, nunha proba, posuír os coñecementos precisos.

Oferta educativa dos Conservatorios Profesionais de Danza

ENSINANZAS DE ARTES PLÁSTICAS E DESEÑO

As ensinanzas de artes plásticas e deseño organízanse en:

  • Ensinanzas de formación profesional de artes plásticas e deseño.
  • Estudos superiores de artes plásticas e deseño.
  • Estudos superiores de conservación e restauración de bens culturais.

As ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño estrutúranse en ciclos de formación profesional de grao medio e grao superior:

  • Condicións xerais de acceso a grao medio:
  1. Ter o título de graduado en educación secundaria obrigatoria ou equivalente para os efectos académicos e superar unha proba específica.
  2. Tamén pode acceder quen non teña os requisitos académicos, con 17 anos, mediante a superación dunha proba de madureza (ademais da correspondente proba específica).
  3. A proba de madureza poderase substituír por algunha das seguintes probas: proba de acceso a ciclos formativos de grao medio de FP, proba de acceso a grao medio de ensinanzas deportivas ou proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.
  • Condicións xerais de acceso ao grao superior:
  1. Ter o título de bacharel ou equivalente para os efectos académicos, e superar unha proba específica.
  2. Tamén pode acceder sen requisitos académicos, con 19 anos, mediante a superación dunha proba de madureza (ademais da correspondente proba específica).
  3. A proba de madureza poderase substituír por algunha das seguintes probas: proba de acceso a ciclos formativos de grao superior de FP, proba de acceso a grao superior de ensinanzas deportivas ou proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.

Estarán exentos de realizar a proba específica de acceso aos graos medio e superior das ensinanzas de artes plásticas e deseño, quen estea en posesión dalgunha das seguintes titulacións:
- Título de bacharel, modalidade de artes, ou de bacharelato experimental.
- Título superior de artes plásticas e/ou título superior de deseño, nas súas diferentes especialidades, ou títulos declarados equivalentes.
- Título superior de conservación e restauración de bens culturais, nas súas diferentes especialidades.
- Licenciatura en belas artes.
- Arquitectura.
- Enxeñaría técnica en deseño industrial.

Así mesmo, estarán exentos e exentas de realizar a proba específica de acceso ao grao medio e superior de artes plásticas e deseño, quen acredite ter experiencia laboral de, polo menos, un ano, relacionada directamente coas competencias profesionais do ciclo a que se queira acceder.

Inscrición para as probas específicas e de madureza: Hai unha convocatoria anual que sae publicada no DOG a finais de maio. A inscrición hai que realizala na secretaria dos centros onde se imparten estas ensinanzas, arredor do mes de xuño. Unha vez superadas estas probas, a matrícula soe ser a partir de mediados de setembro.

Probas de acceso para as ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño

Oferta educativa de Artes Plásticas e Deseño

ENSINANZAS DE CONSERVACIÓN E RESTAURACIÓN DE BENS CULTURAIS

Accédese a estes estudos directamente co título de técnico superior de artes plásticas e deseño, ou co título de bacharel mediante unha proba específica que terá lugar na 2ª quincena de setembro e consta de 3 partes (madurez e formación, coñecementos específicos e aptitude plástica).

En Galicia impártense as especialidades de pintura, escultura e arqueoloxía, cunha duración de 3 anos, sendo o 1º curso común ás tres especialidades. Á titulación que se obtén ao remate é equivalente a unha titulación universitaria.

Probas de acceso

Escola de conservación e restauracion de Pontevedra

Oferta educativa de Conservación e Restauración

ENSINANZAS SUPERIORES DE DESEÑO

Impártense as especialidades de moda, interiores, produtos e deseño gráfico, cunha duración de 3 anos, do que o 1º curso é común ás catro especialidades. A titulación que se obtén é equivalente á unha titulación universitaria. Accédese a estes estudos directamente co título de técnico superior de artes plásticas e deseño, ou co título de bacharel mediante unha proba específica que terá lugar na 2ª quincena de setembro e consta de 2 partes (unha de contidos xerais vinculados ao bacharelato e outra específica relacionada cos estudos aos que se accede).

Oferta educativa de Estudos Superiores de Deseño

ENSINANZAS DE ARTE DRAMÁTICA

Os estudos superiores de Arte dramática teñen unha duración de catro cursos académicos. A Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD) está situada na cidade de Vigo. Á titulación que se obtén ao remate é equivalente a unha titulación universitaria de grao. Máis información: ESAD

Cada curso escolar publícase no DOG unha resolución no mes de maio coas instrucións para o acceso e a admisión do alumnado a estes estudos. Accédese aos mesmos co título de bacharel ou titulación equivalente e a superación dunha proba específica para cada especialidade. Tamén se pode acceder sen o requisito académico superando unha proba na que se demostre posuír os coñecementos e habilidades necesarias. Para o acceso a este último procedemento será preciso que o aspirante teña cumpridos os 20 anos no momento de realización da proba.

Oferta educativa de Arte Dramática

As escolas oficiais de idiomas son centros públicos dependentes da Xunta de Galicia especializados no ensino de idiomas. Ofertan estudos de alemán, árabe, chinés, español para estranxeiros, francés, galego, inglés, italiano, portugués, ruso e xaponés.

As ensinanzas de idiomas estrutúranse en tres niveis: básico, intermedio e avanzado. Cada nivel consta de dous cursos.

Ensinanzas reguladas polo RD 1629/2006, do 29 de decembro:

Certificado de Nivel Básico (A2)
Nivel Básico 1
Nivel Básico 2

Certificado de Nivel Intermedio (B1)
Nivel Intermedio 1
Nivel intermedio 2

Certificado de Nivel Avanzado(B2)
Nivel Avanzado 1
Nivel Avanzado 2

Ao final de cada un dos niveis, realízase unha proba para acadar o certificado oficial de ter superado o nivel correspondente.

Condicións xerais de acceso:

  • Ter 16 anos cumpridos no ano natural en que se comecen os estudos. Poderán acceder aquelas persoas que teñan cumpridos 14 anos (ou que os cumpran antes do 31 de decembro do curso académico que inicia), para as ensinanzas dun idioma distinto do cursado na educacións secundaria obrigatoria como primeira lingua estranxeira.
  • Se xa se posúen coñecementos do/s idioma/s que se quere cursar , poderase acceder a o curso ao que se corresponde por nivel a través das seguintes vías:

A superación das probas de cualificación, que, segundo o resultado obtido, permitirán a incorporación a calquera curso e nivel.
A obtención do título de bacharel, que dará acceso ao nivel intermedio da primeira lingua estranxeira cursada no bacharelato (Isto non supón a expedición do certificado do nivel básico).
A posesión dalgún título ou certificado recoñecido do idioma estranxeiro, que permitirá acceder directamente aos distintos cursos dos niveis.

Modalidades:

Presencial: Pódese estudar o idioma na modalidade presencial nas escolas oficiais de idiomas ou en calquera das súas seccións.

A distancia: Pódese estudar inglés na modalidade a distancia co programa “That`s English!”.

Probas libres: Tamén se pode facer as probas de certificación de final de nivel polo réxime libre no mes de xuño sen estares escolarizado nas escolas oficiais de idiomas.

Prazos de preinscrición:

Na modalidade presencial o alumnado que solicita cursar estudos en 1º curso de nivel básico dun idioma nas escolas oficiais de idiomas por primeira vez, terá que realizar a presinscrición no mes de xuño, así como tamén nos seguintes casos:

  • Alumnado procedente das probas de clasificación.
  • Alumnado de acceso directo por titulación ou certificación académica.
  • Alumnado que se incorpora á ensinanza presencial tras superar as probas específicas de certificación polo réxime libre.

Cadro resumo das ensinanzas das ensinanzas de idiomas nas modalidades presencial e a distancia

O IES Fontexería imparte as ensinanzas correspondentes ao programa CUALE. Impártense os niveis: básico e intermedio 1 e 2, para o alumnado. As probas de certificación de nivel básico e intermedio terán como referencia o nivel de competencia A2 e B1, respectivamente, do Marco común europeo de referencia para as linguas. O período de preinscrición é no mes de setembro.

Máis información:

CUALE

Están dirixidas á obtención dos títulos oficiais de técnico deportivo e de técnico deportivo superior.

As ensinanzas deportivas organízanse en graos: medio e superior

GRAO MEDIO

Nivel I de grao medio (400 horas)
Nivel II de grao medio (600 horas)

GRAO SUPERIOR

Nivel III de grao superior (750 horas)

Condicións xerais de acceso:

  • Acceso a grao medio:

Ter o título de graduado en educación secundaria obrigatoria ou equivalente para os efectos académicos e superar unha proba de carácter específico.
Tamén pode acceder aquel que non teña os requisitos académicos, con 17 anos, mediante a superación dunha proba de madureza, ademais da correspondente proba específica.
A proba de madureza poderase substituír pola proba de acceso a ciclos formativos de grao medio de FP ou de artes plásticas e deseño, ou de acceso á universidade para maiores de 25 anos.

  • Acceso ao grao superior:

Ter o título de bacharel ou equivalente para os efectos académicos, así como o título de técnico deportivo na correspondente modalidade ou especialidade, e cumprir cos requisitos relativos á experiencia deportiva que se puidesen establecer na especialidade ou modalidade correspondente.
Tamén pode acceder sen requisitos académicos, con 19 anos, mediante a superación dunha proba de madureza (con 18 sempre e cando posúa, ademais do título de técnico deportivo da modalidade correspondente, un título de técnico relacionado con aquel a que se desexa acceder).
A proba de madureza poderase substituír pola parte común da proba de acceso a ciclos formativos de grao superior da FP ou de artes plásticas e deseño, ou de acceso á universidade para maiores de 25 anos.

Inscrición para as probas específicas e de madureza:

Hai unha convocatoria anual que, con carácter xeral, sae publicada no DOG a finais de maio.
A inscrición hai que realizala na secretaria dos centros onde se imparten estas ensinanzas, arredor do mes de xuño.
As probas específicas de madureza son na primeira semana de setembro.
Unha vez superadas estas probas, o período de matrícula sitúase a partir de mediados de setembro.

Saídas profesionais:

As titulacións de técnicos deportivos acredita que a persoa posúe as competencias necesarias para desempeñar funcións correspondentes á iniciación deportiva, tecnificación deportiva e condución de actividade ou práctica deportiva.
As titulacións de técnicos deportivos superiores responderán as competencias adecuadas para desempeñar as funcións correspondentes ao adestramento, dirección de equipos e deportistas de alto rendemento deportivo e condución de actividades ou práctica deportiva con altos niveis de dificultade.

Acceso a outros estudos:

Co título de técnico deportivo pódese acceder a todas as modalidades de bacharelato.
Co título de técnico deportivo superior pódese acceder aos estudos universitarios que correspondan.

CADRO DE ESPECIALIDADES OFERTADAS EN GALICIA E OFERTA DE ENSINANZAS DEPORTIVAS EN GALICIA

Oferta educativa de Deportes


MÁIS INFORMACIÓN