¿Quen che trocou a pruma, eiquí dourada,
pola outra que é a túa verdadeira?
¿Por que o teu bico a musical escada
deixou por ese acio que peteira?
Tes a figura eiquí transfigurada.
¿Por qué non ergues o voo da madeira,
e, fuxidío, vas buscar pousada
á verde póla dunha cereixeira?
Que é natural que tu, como paxaro,
no ambente en que estás, sintas degaro
do sol. Do aire ceibe e do follaxe.
¿Ou é que, para ó canto dar comenzo,
da noite agardas sombras e silenzo
i a que torne a ser negro o teu prumaxe?
(Faustino Rey Romero, 1921 – 1971)