Skip to Content

CRIAR ANOS OU MALVAS

Non creo na vida eterna, pero tampouco podo evitar pensar de cando en vez na inmortalidade. Máis aínda cando se considera un dos temas máis relevantes a nivel científico do século XXI. Un equipo do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas xa conseguiu retrasar en ratos o envellecemento e as enfermidades asociadas a el. Sabendo que o material xenético está protexido polos telómeros, estruturas que, por acortarse ao longo da vida, provocan o envellecemento, xeraron un rato transxénico cunha encima, a telomerasa, que rexenera os telómeros, facendo que ese rato vivise o corenta por cento máis de tempo. É un experimento que non pode facerse con humanos xa que o envellecemento non é considerado unha enfermidade, pero, case con toda seguridade (somos unha especie que sempre acaba facendo o que pode facer), algún día se levará a cabo. Cantos anos máis poderiamos vivir? Polo que teño lido, a opinión dos científicos é moi variada. Hai quen pensa en 120, quen pensa en 500 e quen non pon límites.

     Non sei que escollería (mortal ou inmortal) se tivese a oportunidade, pero agoníame pensar que, pola miña idade (estou a 2 anos dese punto de inflexión que marcan os 60), despois de case catro mil millóns de anos de vida mortal obrigada, sexa precisamente a miña xeración a última que non poida escoller. Para consolarme, gústame recordar o que lle pasou a Kant. Nunca tivo boa saúde, pero gabábase de saber os secretos da lonxevidade, e chegou a vivir 80 anos nun século, o XVIII, en que as expectativas de vida non chegaban aos corenta. Porén, confesou con tristeza que fora un logro inútil xa que todos os seus amigos morreran antes e, sen eles, a vida carecía de sentido. Pero esa anécdota é, para o meu ánimo, un consolo momentáneo. A ciencia permitirá que tamén vivan eternamente (se teñen cartos, claro) os nosos amigos.

immortal-758418_960_720      A proba máis evidente de que non hai que tomar o tema da inmortalidade como pura fantasía é que os fundadores de Google crearon Calico, unha empresa que pretende descubrir os secretos do envellecemento e lograr que vivamos 500 anos neste planeta ou nunha colonia extraterrestre. Curioso como as novas tecnoloxías debuxan un círculo e volven ás preocupacións dos primeiros humanos. Adoita sinalarse que a nosa especie soñou ao longo da historia catro formas diferentes de inmortalidade: o elixir da eterna mocidade, a resurrección do corpo, a inmortalidade da alma e o legado (ese eco que deixas no mundo coa túa obra ou os teus actos). A primeira forma búscana hoxe a biotecnoloxía, a nanotecnoloxía e a enxeñería xenética; a segunda, a crioxenia; a terceira, ese transhumanismo que aspira a subir a mente ao ciberespazo, e a cuarta, a obsesión pola fama que internet e as redes sociais acercan a calquera humano. Cal escollería eu? Non o teño claro. Cando opto por ser mortal, xa que penso que ser eterno debe ser moi aburrido, de inmediato penso que máis aburrida é a alternativa: criar malvas. Cando opto por ser inmortal, xa que penso que estar morto debe ser desesperante, de inmediato penso que é a mesma situación en que estaba antes de nacer, e non recordo estar desesperado para nada. Por iso me gustaría ter a oportunidade de escoller. Aínda que agora non sei que escollería, estou máis que seguro, segurísimo, de que nese momento crucial non dubidaría.

X. Ricardo Losada



story | by Dr. Radut