Skip to Content

CALQUERA

Hoxe é un día calquera. Un entre tantos outros que tachamos no calendario, un xesto tan afianzado entre nós que xa o pasamos por alto. Non  paramos a pensar que esa cruz significa vinte e catro horas menos que nos quedan. Co tempo, volveuse un xesto tan metódico e ordinario, que xa roza o absurdo o feito de que eu lle dea algunha importancia.

 

Pode que esa sexa a verdade, que non merece importancia, que só estou a perder o tempo… Pero non é a miña verdade. Non digo que para min o tempo discorra de xeito distinto que para o resto de persoas. As agullas do reloxo seguen o mesmo compás entre intervalos silenciosos. O correcto sería dicir que, para min, os segundos duran o mesmo que para calquera outro, pero o seu significado é distinto. É algo completamente subxectivo, íntimo… Meu.

 

Sei que, pase o que pase, o tempo mantén o seu curso, e a cada momento parece que vai máis rápido, que voa. As horas pasan dunha forma veloz e desconcertante. Por iso, o importante é o significado que lle dás a eses instantes e o que aprendes neles.

 

Mais, cada vez parece que nos queda menos tempo, que canto máis buscamos aproveitalo, máis rápido pasa. O que antes parecían séculos, agora parecen décadas; estas transfórmanse en anos; os anos en meses… E así continuamente. Desgraciadamente, o que o tempo voe non nos fai adultos máis rápido, non nos axuda a afrontalo. Ao contrario, danos menos tempo para madurar. O fluxo temporal convértenos en nenos eternos, engaiolados dentro de corpos adultos.

 

  Por iso son explicables certos comportamentos humanos, tan esixentes, irracionais e caprichosos. Actos que recordan as rabechas infantís pero que carecen de sentido e se atopan fóra de contexto. Isto é o que me gusta pensar a min. Que, en certo modo, parte da culpa tena o tempo. El é o que nos converte en infantes prisioneiros dunha madurez e responsabilidades temperás. Ironicamente, o ladrón do noso tan prezado tempo, é a falta do mesmo.

 

Para comprender todo isto pode que vos leve días, anos, eóns,… Quen pode sabelo? Aproveitade cada instante. Quizais estas liñas caian en mans de alguén que consiga descifralas nunha milésima de segundo. Incluso pode que me comprenda mellor que eu a min mesma. Pase o que pase, confío en que este caos de ideas lle sirvan a alguén, algún día, nalgún lugar. Tamén cabe a posibilidade de que nunca ninguén lles faga caso e que a tinta destas letras impresas se vaia esvaecendo, levándose con elas os meus pensamentos.

 

Quen sabe! No fin de contas, soamente son ideas dunha moza calquera.

Aida Barros Ces

 



story | by Dr. Radut