Skip to Content

ATOPEIME NA RÚA

 Hai persoas que non coñezo pero teño ganas de coñecer, e hai persoas que coñezo e gustaríame non ter coñecido. As relacións humanas configúranse por moitos factores, entre os que o azar xoga un papel predominante, pero tamén polo destino e a herdanza, e iso, quizais, sexa moi inxusto. Acaso non deberiamos valorar máis os amigos -escollidos, ao fin e ao cabo- que os familiares, impostos por circunstancias que escapan aos nosos designios? En contra dese dito que sostén que hai que amar máis os pais que a esposa ou o marido, porque estes atopáchelos na rúa, a razón parece decantarse polos segundos, pois implican un maior grao de liberdade e, xa que logo, de humanidade.

 

Mira Milosevich di do filósofo Slavoj Zizek: «Non o entendo nin sinto desexo de entendelo». Un factor clave para que me decantase por estudar filosofía foi ese. Cando oía falar na clase dos filósofos, non entendía moi ben que querían dicir, pero sentía unha forte necesidade de entendelos. E, andando o tempo, descubrín algo marabilloso, en contra da necesidade adolescente de ver claro e sentirse seguro. Os filósofos e escritores que máis me gustan son aqueles que non entendo totalmente, pero que teño desexo de entender, tal e como me pasou co meu paisano Manuel Antonio, e tal e como me pasa, noutro ámbito, cos amigos. Os mellores foron sempre aqueles que nunca entendía de todo pero que sempre desexaba entender.

 

As únicas persoas coas que non me pasa iso son os meus familiares directos (pais, irmáns, sobriños), pero, sobre todo, con miña nai. Entendina desde que me pariu e nunca desexei entendela doutra forma. E dáme a impresión de que a ela lle pasa o mesmo. Entendeume desde que nacín e non desexa entenderme doutra forma. Se iso é o que significa que non a atopei na rúa, e que por iso a quero máis, acepto encantado que as mellores relacións humanas, as únicas inextinguibles, tróuxomas o destino, sen que iso signifique que renuncie ao azar. Ao fin e ao cabo, sempre me vin a min mesmo, máis que como un familiar, como un amigo. Non me entendo, pero sinto un enorme desexo de entenderme.

X.Ricardo Losada

 

 

 



story | by Dr. Radut