Skip to Content

ARMANDO A MARADONA

No mundial de México de 1986, Maradona meteulle a Inglaterra, nun partido marcado pola recente guerra das Malvinas, un dos goles máis fermosos da historia do fútbol. Un gol que, para máis, tivo a sorte de ser narrado en directo, dunha forma extraordinaria, polo locutor arxentino Víctor Hugo Morales: “Ahí la tiene Maradona, lo marcan dos, pisa la pelota Maradona. Arranca por la derecha el genio del futbol mundial. Puede tocar para Burruchaga…Siempre Maradona. ¡Genio, genio, genio! Ta, ta, ta, ta, ta… ¡Goooool!, ¡goooool! ¡Quiero llorar! ¡Dios santo, viva el fútbol! ¡Golaaaazo! ¡Diegoooo! ¡Maradona! Es para llorar, perdónenme, Maradona en recorrida memorable, en la jugada de todos los tiempos: barrilete cósmico, ¿de qué planeta viniste para dejar en el camino a tanto inglés, para que el país sea un puño apretado gritando por Argentina? Argentina 2-Inglaterra 0. ¡Diego, Diego! Diego Armando Maradona. Gracias, Dios, por Maradona, por estas lágrimas, por este Argentina 2-Inglaterra 0».

 

     Como en Arxentina barrilete fai referencia a unha desas cometas que tanto lles gustan aos nenos, é moi probable que o comentarista estivese influído por unhas declaracións de Menotti, previas a ese mundial, nas que dicía que Maradona pasara vivindo en Napoles os últimos anos como un barrilete, “que si voy o no voy”. Aínda así, debo recoñecer que a min gústame máis a versión que me veu á cabeza a primeira vez que oín esa narración, cando xa Maradona se retirara e tiña o biotipo que máis ou menos ten agora. Porque barrilete, na miña infancia, chamabámoslle a quen tiña un deses bandullos que exemplificaba á perfección o dito De esta vida llevarás panza llena y nada más. Probade a oír a narración (está en Youtube) sen ver as imaxes do partido, pero imaxinando que o protagonista dese golazo ten o sobrepeso que ten agora, e oídea despois vendo as imaxes reais cun Maradona a tipo. Seguro que vos parece, como a min, que nas imaxes reais o relato gana en lóxica deportiva pero perde en épica mitolóxica. É o mesmo que me pasaría, xa que falamos de México, se me retratasen a Pancho Villa co tipo de Sylvester Stallone en Rocky. Deixaría de ser o gran heroe que na miña mitoloxía persoal ten biotipo de barrilete no sentido dixestivo da miña nenez.

 

  15583870527634      Hai pouco, tras estrearse o documental de Asif Kapadia Diego Maradona, o ex-preparador físico do astro arxentino Fernando Signonini dixo que el iría á fin do mundo con Diego, pero con Maradona non daría un só paso. Diego era un mozo tímido que nacera en Villa Fiorito, un barrio marxinal de Bos Aires, que intentou sacar adiante desde os quince anos a súa familia, e que era moi amigo dos seus amigos. Maradona era un personaxe vividor, excesivo e arrogante que Diego creara para poder enfrontarse á inmensa fama e á presión que chegou a acadar en todo o mundo. Entendo o que quere dicir Signonini e estou de acordo con el. Pero, debo recoñecer, en canto estou de acordo, deixo de estalo. Se eu tivese que escoller chamarlle Pancho ou Villa a Pancho Villa, escollería, sen ningún tipo de dúbida, o nome que máis se corresponde coa imaxe que eu teño del: Pancho, mesmo en diminutivo: Panchito. Pero, se tivese que escoller chamarlle Diego ou Maradona a Diego Maradona, escollería Diego Armando Maradona, xa que Diego armou a Maradona, e Maradona deixouse armar por Diego. Iso si. Seguiría véndoo como un barrilete pois un barrilete, no sentido da miña infancia, pode facer no mundo real unha revolución política, pero só pode meter un gol tan utópico (vinganza política e deportiva ao mesmo tempo), como aquel do mundial de México, no mundo mitolóxico. E hoxe, no mundo real, Maradona só ten dignidade como un mito.

 

X.Ricardo Losada

 



story | by Dr. Radut