Skip to Content

CULTO BARBANTIÑO

 

Admirando foresta e beixando ao sombrizo pedreiro da contorna de Amoeiro, cantaruxa baixiño o Barbantiño.

Orgulloso se amosa este río, no nacente de escaso caudal, mais o seu é un paseo triunfal con marcos ou testemuñas senlleiras delimitando con precisión.

Fervenza ou tamén Cachón, máis coñecido pola segunda denominación, sinala o lindeiro superior, mentres que o inferior son uns pasales pétreos que nos aseguran o traslado dunha a outra marxe, pasadoiro situado na zona coñecida como o Bañiño.

Entre eses dous límites un cúmulo de sensacións, na actualidade difícil de admirar, aquí non é necesario imaxinar o pasado, este amosase exuberante no presente.

Neste acolledor enclave segue zoando o son quebradizo das árbores senlleiras, mesmo a múltiple foresta danzando nun valse salvaxe e inmorredoiro. Mentres pombas, parrulos e garzas bailan un pasodobre enfeitizado nunha cadea xenética de exclusiva pureza.

Moi agradable e satisfactorio mergullarse na zona para inspirar profundo e, gozar dos aires que coroan Trasalba, impregnándose do seu arrecendo de grandeza e coñecemento.

Fermoso imaxinar, mesmo idealizar tanto patrimonio natural e paisaxístico que posúe esta terra de néboas inmortalizadas. Por suposto, nesta natura está a esencia do noso patrimonio histórico.

As tradicións, a cultura e ese lendario histórico, son o alicerce básico para cimentar o envés desa liña reprodutora do sistema que fomenta consciencias sen memoria.

Aquí están aínda os muíños do relón, dos sacrificios inhumanos, e os pasadeiros arriscados na noitebra de muiñadas. Todas as penalidades nunha lembranza con ar de cantarela, o murmurio constante do Barbantiño, para lembrar que o ideal aínda é posible.

Extasiada realidade que xa non percorre estas morriñentas e saudables ribeiras, na súa expresión máis ampla.

Na conca fluvial do Barbantiño emerxe con naturalidade a visible elegancia da paraxe, unha brillante arrogancia no seu translúcido trouqueleo pétreo co rol de alcabala nese harmonioso trío con flora e fauna.

Emerxe desta natura sinfónica, sons ostentosos, mais aquí soan agarimosos. Graves, agudos e sostidos son engado para os oídos, para interpretar con paixón o que latexa neste atípico corazón.

Xosé M. Lobato



story | by Dr. Radut