Skip to Content

UNHA FUNERARIA CÓMICA

 

Saio dunha clase na que expliquei por que

Platón dicía que filosofar é prepararse para

a morte, e atópome unha noticia na prensa sobre

unha funeraria italiana chamada Taffo que usa o

humor nos seus anuncios publicitarios. Léoa con

avidez pero, en vez de recordar a Platón, que

enfocaba a morte desde un punto de vista de

gran solemnidade moral, recordo a Montaigne,

que tiña unha perspectiva da morte máis frívola,

sen, por iso, deixar de ser profunda.

Así, no ensaio De aprender a morrer, Montaigne di que a mellor forma de desfrutar a vida é desprezar a morte pois cada día que vivimos (podemos morrer de nenos, de mozos ou de vellos) é un día de favor. Intentaba relativizar así tanto o valor da vida coma o da morte, e para xustificar esa tese enumeraba mortes tan absurdas como a de Esquilo, que morreu polo golpe na cabeza da cuncha dunha tartaruga que deixou escapar das garras unha aguia, a dun nobre que morreu esganado por unha uva, a do filósofo Espeusipo, que morreu entre as pernas dunha muller, ou a do seu irmán, que caeu fulminado por unha pelotada que recibiu xogando ao frontón. Como me dicían as vellas da miña nenez, resumindo a Montaigne sen coñecelo: “Meu filliño, non che somos nada”.

De aí que me agrade a campaña humorística desa funeraria italiana. Usar as fochancas de Roma para mostrar a chapuza que é cavar a fosa un só ou pedirlles aos condutores cansados que paren a botar unha cabezada porque “é mellor descansar nun coche que con nós”, ou, dada a complexidade da política italiana, berrar nun anuncio: “Italianos, agardámosvos nas urnas” mentres mostran unha colección de urnas funerarias, parécenme, senón ideas brillantes, si ideas desmitificadoras, e fanme recordar unha famosa anécdota atribuída ao filósofo Ortega y Gasset. Unha señora pregúntalle por que non asiste a máis actos sociais, e el respóndelle: “Señora, a mi edad ya no se vive sino que se asiste a la vida de los demás”. “Señor –podería dicir a funeraria italiana sobre unha foto de Berlusconi nas vindeiras eleccións europeas–, á súa idade xa non se morre, asístese á morte dos demais.

X. Ricardo Losada

 



story | by Dr. Radut