Skip to Content

MARK ZUCKEMBERG OMNIPOTENTE

Mark Zuckemberg omnipotente

Publicado o 14 Setembro, 2017 por cafebarbantia

 Imaxina que un día espertas e, sen ti sabelo, un Ser omnipotente reduciu as túas dimensións corporais á cuarta parte. Daríaste conta do cambio se o resto de obxectos e persoas que hai ao teu redor se reducisen na mesma proporción? Por suposto que non. Dirás ti, aquí está outra vez o X. Ricardo este con situacións inverosímiles, mesmo ridículas, a quen se lle ocorre? Si? Pensáchelo? Pois a ti, se non es un nativo dixital, xa che pasou algo parecido. Levantácheste un día e no teu cuarto había un ordenador con conexión a internet, e utilizaches as redes sociais como se o fixeras toda a vida, e aínda que un Mark Zuckemberg omnipotente reducira á cuarta parte a capacidade do teu cerebro, como tamén reduciu na mesma proporción a capacidade dos outros internautas, pensaches que seguías tendo a mesma intelixencia.

 

     Creo que esa analoxía lle gustaría moito ao crítico literario italiano Alfonso Berardinelli, un tipo tan curioso que tras estar vinte anos dando clase na universidade renunciou á cátedra, e que se sente inmensamente feliz por ser un dos poucos seres humanos que consegue resistir o suposto encanto das novas tecnoloxías. berardEstá convencido de que a el non lle reduciron o cerebro porque se sente máis próximo a un home medieval ou do s. XIX que a un mozo nacido nos últimos vinte anos. Aínda que os demais o ven como un xigante (en anos, é dicir, un cavernícola), el sabe que non encolleu pois cre ser o único que conserva o metro de medir a intelixencia que a especie humana usou toda a vida.

 

 

     Eu, por suposto, non estou de acordo con Berardinelli. Creo que lle pasa o mesmo que a aquel mestre, do que falaba Carlos Casares, que lle pegou a un neno porque pintou un can coa súa cara. O neno non entendía por que. Pintara o can porque lle gustaban os cans e puxéralle a cara do mestre porque lle parecía moi listo. Berardinelli pensa, creo eu, que internet tamén nos debuxa con cara de burro, insultando a nosa intelixencia. Non se decata de que é xusto o contrario. A internet gústanlle os seres humanos, e ponnos cara de burros porque… porque… os burros son…. Iso. Son listos os burros?

                                                                  X.Ricardo Losada



story | by Dr. Radut