Skip to Content

MAFALDA DURMIDA

Mafalda durmida

Publicado o 28 Setembro, 2017 por Café Barbantia.

 Cando en clase de filosofía falamos do sentido da vida, sempre lles pido aos alumnos que fagan unha reflexión persoal sobre que senten cada mañá cando soa o espertador. A maioría coincide en consideralo un dos peores momentos do día. Entón pregúntolles se non é un pouco triste que prefiramos durmir a vivir. Non podería interpretarse como un síntoma de que a nosa vida non merece a pena ser vivida? De feito cando temos algo motivador que facer á mañá seguinte (unha excursión, póñolles por caso) non durmimos en toda a noite, proba evidente de que se a nosa vida fose estimulante levaríamos unha alegría cada vez que soa o espertador. Como diría Mafalda, “Deus, mándame ganas de traballar porque coas de durmir xa te estás pasando…”.

 

Pode que Leonardo da Vinci tamén lle fixese esa petición a Deus e que Deus, sempre tan esquivo ás imploracións humanas, lla concedese, e lla concedese en dimensións, loxicamente, case divinas pois teño lido que o xenio renacentista só durmía un cuarto de hora cada catro horas, é dicir, hora e media diaria, é dicir, como Deus, (case) non durmía. Supoño que será unha esaxeración pero no que si coinciden os biógrafos é en que durmía moi pouco. Aínda sendo un xenio, para brillar en tantas facetas e facer todo o que fixo, necesítanse moitas horas diarias de dedicación e esforzo. Hai profesores que lles poñen aos alumnos o exemplo de Leonardo para motivalos, pero é un erro maiúsculo. O único que conseguen é reducir o número de alumnos que queren ser xenios e aumentar o dos que prefiren ser futbolistas. Romario, por exemplo, que chegou a ser un dos mellores xogadores do mundo, e multimillonario, facía xusto o contrario. Pasaba o partido durmindo e espertaba uns breves segundos cada quince minutos para facer un gol ou dar unha asistencia.

 

vaqueroÉ curioso porque nisto, como noutras moitas cousas, os humanos non nos distinguimos do resto dos animais. O koala, que dorme 22 horas ao día, podería facer a mesma petición que Mafalda. A xirafa, que dorme dúas horas diarias en quendas de sete minutos, usa o mesmo método que Leonardo. Agora ben. Se eu puidese escoller unha forma de durmir do mundo animal escollería a das baleas. Ao parecer dormen e traballan ao mesmo tempo pois son capaces de desconectar un hemisferio do cerebro para durmir e manter o outro activo para saír á superficie a respirar. Diredes vós: telo complicado, amigo, iso non é posible para os humanos. Direivos eu: incautos, como vos dixen antes todo o que sucede no mundo humano sucede no mundo animal e (digo agora) todo o que sucede no mundo animal sucede no mundo humano. Aí tedes os vaqueiros. Dormen cun hemisferio (e co ollo correspondente) pechado mentres manteñen o outro hemisferio (e o ollo correspondente) aberto, e disposto a disparar contra todo o que se mova.

 

                                  x. RicardoLosada



story | by Dr. Radut