Skip to Content

O TEMPO DA IMAXINACIÓN

O tempo da imaxinación

Publicado o 27 Decembro, 2017 por cafebarbantia

-una-persona-de-dibujos-animados-ejecuta-una-carrera-contra-el-reloj-en-un-tiempo-en-un-dia-ajetreado. Hai pouco vin unha película arxentina sobre un escritor desa nacionalidade gañador do premio Nobel de Literatura que, despois de moitos anos fóra, volve á súa vila natal. É unha das fantasías máis recorrentes da miña imaxinación desde hai moitos anos. Non me chamedes ególatra ou iluso antes de saber que a fantasía non consiste en obter o premio Nobel (ata as fantasías teñen sentido do ridículo), senón en volver á miña vila natal, Rianxo, despois de estar moitos anos fóra. Se xa na imaxinación é unha experiencia marabillosa, na realidade creo que sería sublime, aínda que nunca desexase convertela en realidade.

 

     Supoño que un psicólogo podería facer con esa fantasía moitas conxecturas sobre a miña personalidade. De que sexa tan pracenteira, quizais puidese deducir que tiven unha infancia feliz, mesmo que teño certo complexo de Peter Pan, e de que esa ficción precise de algo tan doloroso e inimaxinable para min como estar moito tempo fóra de Rianxo, podería deducir que odio a incerteza e amo a rutina. Kant, por exemplo, un dos máis grandes filósofos da historia, nunca saíu de Köningsberg, a súa cidade natal, e era tan puntual e rutineiro que os veciños puñan os reloxos en hora cando o vían pasar. Pero ese psicólogo tamén podería deducir da miña personalidade algo que a min me enche máis: o afán de buscar novidades na repetición, de facer aparentemente sempre o mesmo, pero interiormente sempre distinto. caricatura-kantUn día un londiniense foi a unha clase de Kant na que falaba de Inglaterra e quedou abraiado dos seus coñecementos sobre Londres. Supoñendo que vivira alí moitos anos, preguntoulle cando estivera, e Kant respondeulle Nunca. Xa vedes. Mentres os veciños puñan os reloxos en hora xermánica, Kant paseaba en hora inglesa.

 

     Non estou dicindo que sexa mellor unha cousa cá outra. Cada un ten a súa tendencia vital e a ela debe encomendarse. O importante é intentar saber como é cada quen por dentro, e evitar ser tendencioso. Non se pode contar a anécdota de Kant e os reloxos dos veciños de Könignsberg, por exemplo, para insinuar que Kant era extremadamente puntual e rutineiro, sen contar deseguido que cando vivía nese Londres no que nunca estivo o seu maior pracer era chegar sempre tarde.

                                                                         X.Ricardo Losada



story | by Dr. Radut