Skip to Content

RADIOTELESCOPIO DON FAUSTINO

 

extra1X. Ricardo Losada. Anda Stephen Hawkings liderando un proxecto internacional (construír naves interestelares que viaxen a velocidade relativista) para atopar vida extraterrestre. Canto máis vello vai, máis convencido está de que non somos os únicos habitantes do universo. Se vos parece a típica extravagancia dun xenio incapaz de aportar novos descubrimentos á ciencia, debedes saber que China acaba de pór a funcionar o radiotelescopio Fast, o máis grande do mundo, co mesmo obxectivo. Como non podía ser doutro xeito, nun tema que compete á exploración do ceo e que pode cuestionar a mesmísimo Xénese (os extraterrestres non procederían de Adán e Eva), o Vaticano segue con moito interese esas investigacións.

     Pois sendo así, aconséllolle ao Papa que lea o que escribiu, antes do Concilio Vaticano II, un dos seus máis fervorosos fieis, o crego e poeta Faustino Rey Romero. Cando investiguei a súa produción periodística para escribir a súa biografía chamoume a atención un artigo que publicou en El Faro de Vigo en decembro de 1957. Titúlase La pluralidad de mundos habitados y el dogma católico. Sorprendeume que a un crego labrego, entregado aos problemas de aldeas que practicamente vivían na Idade Media, e que fora educado na Teoloxía máis ortodoxa, lle interesase un tema como aquel. Pero aínda me sorprendeu máis a postura que defendía. Nunca poderá haber contradición entre a verdade científica e a verdade teolóxica, dicía, algo que, en principio, non sería sorprendente nun católico se deseguido afirmase, como Santo Tomé, que en caso de que esa contradición aparecese, o científico debería optar pola verdade teolóxica. Non é o caso de don Faustino. El afirmou con rotundidade que “…el Dogma asistirá impasible a cuantos descubrimientos se lleven a cabo, por muy sensacionales que ellos sean, cómo en efecto, lo son más cada día”.

 naves     E aínda ía más alá: “Hoy se relamen de gozo ciertos espíritus de mirada miope o extraviada en la perspectiva de la ortodoxia, porque estiman comprometida ésta ante la innegable hipótesis de la existencia de pobladores humanos de otros mundos. Hipótesis que ni la Teología ni la Filosofía pueden recusar”. E, deseguido, concluía que, sen ningún tipo de dúbida, e tivesen a pinta física que tivesen, se eses extraterrestres eran racionais, tamén serían humanos. Dedicarei outro artigo á súa curiosa argumentación. Neste limitareime a pedir que unha desas naves interestelares que S. Hawkings quere mandar aos confíns do universo leve o nome dese crego de Isorna que, nunha época tan represiva e escura, defendeu, contra vento e marea, os dereitos humanos dos alieníxenas. Sei que é altamente improbable que a proposta prospere, pero iso é o de menos. No referente ao seu prestixio persoal don Faustino prefería os soños (ser un gran poeta ou ser embaixador de Noruega na romaría viquinga, por exemplo) ás realidades. Para facer os soños realidade xa estaba o mundo extraterrestre, perdón, quixen dicir o mundo celestial



story | by Dr. Radut