Skip to Content

EMOCIÓNS

Esculcando e convivindo nas xeiras máis tristes da miña vida, inspiro intensa doenza emocional, que me leva a un estadio de profunda señardade. Inmerso nesta situación tan negativa, decido regresar a todos eses lugares coñecidos e familiares para lembrar e lagrimexar, sen preocuparme de gardar esas formas socialmente correctas.

Agora, nesta experiencia estou comprobando realmente o que é a dor profunda, esa que te paraliza e traumatiza sen outras posibles opcións.

Son consciente que debo ser positivo, tentar asir con afouteza todos eses episodios gratificantes, mais de momento non son quen de facelo. Por iso, estou de regreso á miña orixe, tentando restaurar unha historia irreversible, afastándome da rutina cotiá…

Neste proceso só estou seguro de que algo na miña existencia trocou definitivamente, non son o mesmo, pois posiblemente fun un ser dependente que necesitaba e adoraba esa dependencia. Mais agora só camiño na raia da soidade, malia a multitude que me rodea.

Mergullado nesta agonía tento lembrar a infancia, sempre feliz, malia todos os sacrificios, carencias e traballos de ser adulto.

gorrion2Nesta temporada de aperta comatosa, que comezou no Nadal e non rematou no circio marzal, tento volver á terra, a terra que comprende a miña dor e acolle as bágoas en profundo sixilo e respecto. O meu regreso é para observala co agarimo dun neno, mais non logro esa desexada empatía, quizais pola ruptura emocional e as escasas enerxías.

Rodeado de árbores, observo e cavilo, mais estou disperso, desorientado, e as forzas tamén se esvaecen, non logro centrarme, camiño sen rumbo e desprovisto de case todo.

Escenas fuxidías buligan na miña mente, son os amigos alados que gozan da foresta, non deixan arbusto nin árbore sen visitar. Eles no ar, semellan os mesmos da miña infancia, mais o certo é que son os seus descendentes, eles coma nós teñen data de caducidade.

Voadores cantores que con cada novo amencer comezan o seu concerto, malia todas as dificultades estes amigos non permiten que a cadea rache… Neste intre estou seguro que a causa da miña tristeza tampouco o permitiría. Por sempre.

                                         X. M. Lobato

 


story | by Dr. Radut