Skip to Content

TZVETAN TODOROV, " IN MEMORIAM"

 

Tzvetan Todorov, in memoriam

 

 

 

 

 

X. Ricardo Losada

 

 

 

 

 

 

 

Cando morreu o filósofo francobúlgaro Tzvetan Todorov, recordei a mirada de boa persoa que tiña e, de seguido, unha frase súa que sempre me gustou moito: “Comprender o inimigo quere dicir descubrir tamén en que nos parecemos a el”. Todorov era un humanista intelixente. Ao contrario dos humanistas inxenuos ou perversos, que cren que ser humanista consiste en diferenciarse do inimigo, el recoñecíase naqueles que criticaba. Por iso se consideraba a si mesmo “un home desprazado”. Os verdadeiros humanistas non encaixan nos moldes políticos ou filosóficos habituais. E por iso sempre buscou puntos de encontro, lugares onde atoparse co outro, por moi diferente que fose. Naceu nun réxime político comunista totalitario, carente das mínimas liberdades individuais, e sabía recoñecer o totalitarismo. Hitler ou Stalin, de esquerdas ou de dereitas, o terrorismo dos falanxistas ou o terrorismo de ETA. Todorov nunca definiría pobo ou xente ou cidadanía, como a maioría dos políticos actuais, como aquel conxunto de persoas que votan o que eu creo que se debe votar. Dedicou moitos anos a estudar a alteridade, os outros, e sabía que, con esas simplificacións, o totalitarismo podía volver.

      Hai un libro de Todorov que, ademais de polo contido, me gusta polo título: Memoria do mal, tentación do ben. Fariades mal en interpretalo como o interpretei eu a primeira vez que o oín. Debemos deixar o mal no pasado, e buscar o ben no futuro. Demasiado simple e utópico, e a intelixencia de Todorov era moi complexa. Lía libros, non para facer análises literarios ou confirmar os seus propios puntos de vista, senón para coñecer mellor o ser humano. E non hai mellor demostración de que o coñeceu que a súa reflexión sobre o concepto de vítima, hoxe tan acaído. En contra desa tendencia tan actual a considerar as vítimas como algo sagrado, Todorov intentou apartalas do debate político. Que a min me matasen o avó na Guerra Civil ou o pai nun atentando no País Vasco non me dá ningún dereito a opinar sobre eses temas máis alá dos dereitos que teño como cidadán. É máis: as vítimas tamén poden ser persoas crueis e desapiadadas. Algo obvio pero que hoxe é case unha herexía democrática. Niso consistiu gran parte do seu pensamento. Recuperar o entusiasta escepticismo de Montaigne. O escepticismo, para ser quen de atopar puntos de encontro co Outro. O entusiasmo, para ver na memoria do mal, a tentación do ben.



story | by Dr. Radut