Visita ás Médulas e ao Cebreiro
O alumnado do centro de Cultura Clásica e Latín visitamos o xoves día 9 a antiga mina romana a ceo aberto de ouro das Médulas. Tras gozar das vistas espectaculares dende o mirador de Orellán, baixamos ata o pobo onde nos agardaba un refresco ou auga que souberon a gloria. No traxecto puidémonos facer unha idea real das técnicas de extracción do ouro in situ, maiormente da ruina montium (valéndose da auga que traían por canles que podían ter ata uns 300 km); ao tempo que admiramos os milenarios castiñeiros que alí se conservan e nos informamos de como foron os romanos quen introduciron na nosa terra a explotación da castaña. Dalgún xeito tiñan que alimentarse os entre 10 e 20000 homes que en torno a ela traballaban, entre escravos e xentes dos arredores.
Á volta xantamos no Cebreiro (de CEBRARIUM, “asnos bravos”), onde tivemos a oportunidade de visitar o seu conxunto etnográfico das pallozas e coñecer como era unha aldea de montaña en tempos, a súa igrexa de estilo prerrománico (s. IX e lenda do Santo Graal) e unha das principais entradas da época romana (e actual) cara ás terras da actual Galiza.