Letras Galegas 21: XELA ARIAS

O IES do Camiño súmase á homenaxe que neste mes das Letras Galegas se lle está a facer a Xela Arias.

 

Ela dicía que a poesía non hai que entendela, senón sentila. E desde a emoción e o sentimento, o noso alumnado realizou unha manchea de traballos, que imos estruturar en 4 apartados:

 

1. Creación audiovisual.

- O alumnado de Agrupamento Específico (2º ESO), creou un videopoema. Nel as imaxes da vida de Xela Arias, así como da dos alumnos/as, interrelaciónanse con versos da poeta sarriá.

- Emocionámonos co recitado que as alumnas e os alumnos de 1º FP Básica fixeron de poemas da autora homenaxeada. Podémolo ver nun vídeo cheo de  palabras, música e imaxes conmovedoras.

- Temos outro vídeo no que alumnado de 1º e 2º ESO recita e interpreta na lingua de signos un poema de Darío a diario. Unha proposta verdadeiramente inclusiva!

- Os/as alumnos/as de Imaxe e Son (2º Bacharelato) tamén se sumaron á homenaxe. Neste caso, cun vídeo no que, ataviados con roupa negra, recrearon as ilustracións dos poemas de Tigres coma cabalos, libro do que recitan versos nesta montaxe.

 

2. Mural interactivo.

O alumnado de 1º FP Básica creou un mural no que expresa o que lle transmitiu o poema que Xela Arias adicou en 2002 a Man (o alemán de Camelle), quen morreu de pena días despois de que o Prestige anegara de chapapote o seu mundo. E ese mundo é o que aparece no mencionado mural. Para facelo, empregáronse diversos materiais ( pedra, madeira, teas…), ademais de motores, pilas, etc. Deste xeito, é posible interactuar (pulsando uns botóns) con esta orixinal forma de expansión poética.

 

3. Cartelería.

Os alumnos e alumnas de 1º, 2º, 3º e 4º da ESO, así como de 1º Bacharelato, traballaron na creación de carteis con versos e imaxes representativas do universo Xela Arias. Fixeron caligramas, tamén poemas iconográficos, e empregaron técnicas como a colaxe. 

 

4. Creacións de deseño gráfico.

Pola súa banda, o alumnado de 4º ESO fixo infografías que explican figurativamente a vida e a obra de Xela Arias.

 

*O ENDL dá as grazas ao alumnado e profesorado que tanto traballou nesta homenaxe á singular poeta que é  Xela Arias.

 

Nas seguintes publicacións da páxina web podedes ver os traballos do alumnado