Os cambios na puberdade. A menstruación

Hoxe, 11 de maio, o alumnado de 1º da ESO contou cunha sesión formativa sobre a menstruación a cargo das responsables de convivencia Elena e Cristina, coa vantaxe que supón  que Elena é a profesora de Bioloxía.

Nesta titoría fixemos unha posta en común sobre os cambios corporais que se producen na puberdade nas rapazas e rapaces. Iso serviunos de punto de partida para falar, nun primeiro momento,  sobre o ciclo menstrual dende un punto de vista biolóxico e posteriormente sobre os tabús, dúbidas e responder as preguntas que foron formulando ao longo da sesión. Entre elas, as relacionadas coa regra e o baño, a dor que produce, a idade de comezo, a síndrome premenstrual, as formas de protección feminina (compresa, tampón, copa menstrual), a fertilidade ...

Así mesmo, aproveitando a campaña publicitaria dunha marca de hixiene feminina quixemos transmitir ás rapazas que poden ser o que elas queiran ser. Deste xeito puxemos en valor mulleres que destacan nun mundo profesional no que predominan os homes, tales como Lucía Martiño (Surfista),  Ainhoa Campos (Comentarista da Liga de Videoxogos Profesional) e Nerea Luis (Enxeñeira de Intelixencia Artificial) e que poden ser fonte inspiradora de distintas profesións para as nosas alumnas. 

Por último, repartimos distinto material informativo para o alumnado e as súas familias, ademais dunha mostra destes produtos de hixiene feminina para as rapazas.