Novas datas para a celebración das probas de acceso de grao medio e de grao superior. Convocatoria 2020

Publicada a Resolución do 24 de maio de 2020, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se adoptan medidas para o desenvolvemento das probas de acceso a ciclos formativos de grao medio e de grao superior de Formación Profesional do sistema educativo.

A resolución establece novas datas para a celebración das probas de acceso de grao medio e de grao superior, podedes consultalas no seguinte cadro: 

As probas de acceso aos ciclos de grao medio (artigo 2) terán lugar o día 10 de xuño de 2020. As persoas inscritas deberán presentar, para a realización da proba, o seu documento oficial de identidade e a copia da folla da solicitude de inscrición. As probas desenvolveranse no horario que se indica deseguido:

  • Ás 9.00 horas: presentación.
  • Das 9.30 ás 13.00 horas: parte matemática e parte sociolingüística.
  • Das 16.00 ás 18.00 horas: parte científico-técnica.

As probas de acceso aos ciclos de grao superior (artigo 3) terán lugar o día 11 de xuño de 2020. As persoas inscritas deberán presentar, para a realización da proba, o seu documento oficial de identidade e a copia da folla da solicitude de inscrición. As probas desenvolveranse no horario que se indica deseguido:

  • Ás 9.00 horas: presentación.
  • Das 9.30 ás 13.00 horas: parte común da proba (Matemáticas, Lingua Galega e Lingua Castelá).
  • Das 16.00 ás 18.30 horas: parte específica da proba (materias específicas da opción vinculada ao ciclo formativo a que se desexe acceder, segundo o anexo VII da orde da convocatoria).

As medidas de prevención que se establecen no artigo 4 son as seguintes: 

Durante a realización das probas respectaranse todas as medidas de prevención e hixiene recollidas no protocolo do Ministerio de Educación e Formación Profesional para a realización da avaliación do Bacharelato para o acceso á universidade (ABAU) 2020, así como o establecido na Resolución, do 22 de maio de 2020, da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional pola que se reinicia a actividade lectiva presencial no curso 2019-2020, se determinan as instrucións para o que resta do presente curso e se adoptan medidas de prevención e hixiene para a reapertura parcial nos centros de ensino non universitario dependentes da consellería ou calquera outra medida establecida para os centros educativos.

Podedes acceder a máis información nas seguintes ligazóns: