Día 1 de maio: Día do Traballador e da Traballadora
Hoxe 1 de maio é o Día do Traballador e da Traballadora. Celébrase este día porque é a conmemoración do movemento obreiro mundial. É unha xornada que se utilizou habitualmente para realizar diferentes reivindicacións sociais e laborais a favor das clases traballadoras por parte, fundamentalmente, dos movementos anarquistas e comunistas, entre outros.
Desde o seu establecemento na maioría de países por acordo do Congreso Obreiro Socialista da Segunda Internacional, celebrado en París en 1889, é unha xornada de loita reivindicativa e de homenaxe aos Mártires de Chicago. Estes sindicalistas anarquistas foron executados en Estados Unidos por participar nas xornadas de loita pola consecución da xornada laboral de oito horas, que tiveron a súa orixe na folga iniciada o 1 de maio de 1886 e o seu punto álxido tres días máis tarde, o 4 de maio, na Revolta de Haymarket. A partir de entón converteuse nunha xornada reivindicativa dos dereitos dos traballadores e traballadoras.
Este ano Rocío, do Centro Pedagóxico Aloumiño de Palas de Rei, propúxonos participar nun proxecto enriquecedor e interdisciplinar, no que se puxeran en valor as diferentes profesións que hoxe máis que nunca non poden parar de traballar, así profesións que ata o momento non se lles daba o valor e a relevancia que teñen na nosa sociedade, coa situación que estamos a vivir, ponse de manifesto que son tan relevantes e fundamentais como o resto.
Ademais esta idea que nace e é promovida por unha veciña de Palas de Rei que aposta por traballar e vivir no rural, consegue aunar nun vídeo sentimentos, emocións, ilusións, traballo …da xente da comarca da Ulloa. É fundamental defender o noso, o noso país e poñelo en valor a través de iniciativas coma esta.
Grazas Rocío por facer ao instituto partícipe desta iniciativa que, nestes momentos, é esencial para dar alento e esperanza a xente que tan necesitada está pola situación tan extraordinaria que estamos a vivir.
E para rematar que mellores verbas que as de Celso Emilio Ferreiro:
Monólogo do Vello Traballador
Agora tomo o sol. Pero até agora
traballei cincoenta anos sin sosego.
Comín o pan suando día a día
nun labourar arreo.
Gastei o tempo co xornal dos sábados,
pasou a primavera, veu o inverno.
Dinlle ao patrón a frol do meu esforzo
i a miña mocedade. Nada teño.
O patrón está rico á miña conta,
eu, á súa, estou vello.
Ben pensado, o patrón todo mo debe.
Eu non lle debo
nin xiquera iste sol que agora tomo.
Mentras o tomo, espero.
Celso Emilio Ferreiro (1978) Longa noite de pedra en Obra completa,